in

O sector audiovisual galego amosa a súa desconformidade co Plan de reactivación da Consellería de Cultura e Turismo

Audiovisual |
Nun comunicado feito público hoxe, estas entidades sinalan que o programa de reactivación pon o foco no turismo e relega a un plano secundario ao sector cultural.

 

As Asociacións representativas do tecido profesional e empresarial que forman a base do sector audiovisual galego, nomeadamente: Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG,) Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA) e Clúster Audiovisual Galego, consideran que o Plan de reactivación dos sectores turístico e cultural, presentado o pasado 7 de maio por parte da Xunta de Galicia, non responde ás necesidades reais do sector. Entenden que este plan e o conxunto das medidas que o conforman non reflicte unha estratexia cultural definida e non soluciona os problemas derivados da Covid-19.

Nun comunicado feito público hoxe, estas entidades sinalan que o programa de reactivación pon o foco no turismo e relega a un plano secundario ao sector cultural. As oportunidades de negocio que marca o contexto só recollen o turismo mentres que os datos de relevancia cultural están incompletos e as importantes cifras do sector audiovisual nin se contemplan. A meirande parte do Plan está articulado ao redor da marca Xacobeo 21 cando debera estar configurado en torno ás urxencias do sector.

O comunicado subliña que o Plan presentado non contén ningún tipo de medida asistencial ou específica para as necesidades derivadas da crise sanitaria. O paquete de medidas recollidas no eido audiovisual non son máis ca compromisos pendentes previos á situación da Covid-19, publicación de liñas de subvención xa consolidadas como desenvolvemento ou foros e mercados. Cuestións como a ampliación nos tempos e a flexibilización nas diferentes liñas de axudas ordinarias non deberan recollerse, segundo as asociacións asinantes, como medidas de apoio, son máis ben trámites administrativos que nada teñen de excepcional nesta situación. En definitiva, as medidas de reactivación das que fala o título do Plan son inexistentes.

O comunicado continúa destacando que segue sendo imprescindible traballar nun fondo de continxencia ou rescate que poida paliar os efectos da Covid-19 sobre as rodaxes en marcha que se viron interrompidas ou adiadas; ou sobre as rodaxes futuras que sufrirán un incremento de custes asociado aos protocolos de seguridade necesarios para garantir un espazo de traballo seguro. Ao mesmo tempo, din, cómpre atender aqueles filmes afectados pola parálise na súa distribución que deixa en suspenso o seu camiño comercial e retorno financeiro.


Publicidade

As asociacións asinantes consideran que resulta fundamental poñer a disposición unha liña de I+D vencellada a facilitar e posibilitar a difusión en liña dos festivais de cinema galego, que se segue necesitando unha Film Commision Galega que poida atraer rodaxes e que consolide o noso territorio como un plató de referencia e que son necesarias medidas asistenciais directas para as persoas que traballan no sector, tanto por conta propia como allea, para asegurar a súa supervivencia. Igualmente, precísase é unha liña de crédito específica dirixida ás empresas para dar cobertura ás necesidades do sector en Galicia neste momento tan complexo.

Dada a falta de análise e diálogo por parte da Xunta de Galicia na elaboración do Plan de Reactivación da Cultura, o conxunto das asociacións e entidades sectoriais do audiovisual galego vense obrigadas a traballar nun paquete de medidas que lle serán propostas á Xunta nas próximas semanas.

En definitiva, o sector audiovisual no seu conxunto reclama unhas medidas proporcionais ao seu impacto socioeconómico, ao seu crecemento nos últimos anos, á súa proxección internacional e ao seu labor como garante da lingua e do patrimonio cultural galego.

As críticas do audiovisual veñen a sumarse ás doutros profesionais das artes escénicas e do mundo da cultura que xa censuraron o plan de reactivación cultural presentado polo conselleiro de Cultura. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, A Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de GaliciaAsociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva), a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia, a Asociación Sindical Galega de Guionistas, a Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización ou a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema xa fixeron público o seu malestar e decepción polo Plan de Reactivación. Igualmente, a oposición no seu conxunto rexeitou no Parlamento o Plan impulsado pola Xunta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Diana Sieira

No confín de… Diana Sieira

ESAD5 |

Convocadas as probas de acceso á Escola Superior de Arte Dramática