A AAAG amosa a súa decepción ante do Plan de Reactivación para a cultura da Xunta

A Asociación sindical considera que a folla de ruta trazada por Cultura e Turismo carece de concreción, presenta programas baleiros de contidos, disfraza convocatorias habituais de medidas novas e obvia a vulnerabilidade e a seguridade sanitaria de traballadores e traballadoras

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, vén de facer público un comunicado no que amosa “a súa decepción tras a presentación por parte da Xunta de Galicia do seu Plan de Reactivación fronte aos efectos derivados da COVID-19”. A falta de concreción de prazos e contías, a escasa claridade orzamentaria, a presentación de programas baleiros de contido ou o disfrace de convocatorias pendentes e habituais como propostas novas e incentivadoras son as características deste plan, que achega unha resposta claramente insatisfactoria para as urxentes necesidades da cultura e que ademais esquece que o sector non está formado unicamente por empresas, senón que se compón na súa meirande parte por traballadores e traballadoras.

 

Irrealizable

A AAAG quere subliñar, ademais, que este plan pode resultar irrealizable por se enfiar en grande medida ao Xacobeo e aos circuítos de distribución de espectáculos, canles que están sometidas á incerteza da pandemia. Neste senso, refírese por exemplo a que o plan inclúe como grandes medidas a flexibilidade na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o incremento de fondos no programa Cultura no Camiño. A AAAG destaca tres cuestións:

En primeiro lugar, en ambos circuítos de distribución a contratación de espectáculos depende dos concellos, sen garantía nin obrigatoriedade de programar por parte destes, polo que o investimento que a Xunta anuncia non se corresponde á certeza. En segundo lugar, o plan non contempla unha grave situación: que se volva producir un rebrote da enfermidade coa conseguinte suspensión xeneralizada de funcións.

Por último, dáse por feito sen ningún tipo de cuestionamento nin protocolo a segura reincorporación aos escenarios de actores e actrices, cuxa actividade laboral -dadas as súas singularidades- dificulta enormemente a aplicación tanto en teatros coma en rodaxes das medidas sanitarias fundamentais (o distanciamento e o emprego de equipos de protección individual). Así, os protocolos de saúde maniféstanse como unha eiva neste plan que, malia dedicar un epígrafe ás medidas hixiénico-santiarias, se atopa baleiro de contido neste aspecto.

A Asociación observa “con preocupación” a escasa consideración coa vulnerabilidade de actores e actrices (tamén bailaríns e bailarinas) á hora de retomar o seu traballo. Ao tempo, tampouco se ten en conta a desprotección social na que xa caeron e na que continuarían os traballadores e traballadoras do colectivo que representa (así como tamén o persoal técnico) cunha posible nova suspensión xeral das programacións. Este proxecto de reactivación, ao non contemplar nin prepararse para os peores escenarios, obvia a fraxilidade do emprego cultural.

Por todo o sinalado, A AAAG considera o plan da Xunta non só como insuficiente para a reactivación das artes escénicas e do audiovisual, senón tamén como negacionista coa ‘nova realidade’ na que nos vai tocar vivir.

 

Aparencias, indefinición e omisións

Alén das prioritarias consideracións ao respecto das condicións laborais e sanitarias, a AAAG tamén quere poñer o foco noutra serie de asuntos que se desprenden dunhas medidas nas que abunda unha equívoca aparencia de achegar medidas innovadoras e de impacto que non son tal.

Así sinala como axudas como as da produción audiovisual, convocadas antes do estado de alerta e que se lanzan agora novamente coas mesmas partidas, ou a inclusión no plan dos premios de textos dramáticos creados no 1988 e que a Agadic convoca de forma bienal dende 2014, como “medida para o impulso da dramaturxia”. Ademais, a folla de ruta da Consellería obvia diferentes ámbitos do sector escénico como son as salas privadas ou a danza, de maneira que só se cita esta disciplina artística nunha soa ocasión. E peor sorte corre o xa practicamente liquidado Centro Coreográfico Galego que nin sequera se amenta no texto.

Por todo o exposto, a AAAG considera que o Plan presentado resulta inconsistente, non cumpre coas necesidades do sector, obvia os e as profesionais culturais e carece dun imprescindible encaixe cos diferentes escenarios aos que nos podemos enfrontar no futuro próximo. Polo tanto, dende esta Asociación esiximos que se reformule para que a cultura conte cun plan verdadeiramente consensuado co sector e que sirva de estímulo para superar a crise derivada da Covid-19.

Deixar unha resposta