Aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios SELIC de creación literaria

Os textos deberán ter a cidade de Santiago de Compostela como marco da acción ou referencia fundamental da obra.

 

Co obxectivo de incrementar a presencia de Santiago de Compostela na literatura escrita en galego, a concellaría de Acción Cultural de Compostela abre a convocatoria de creación literaria SELIC, cun premio e dous accésits para obras escritas na nosa lingua nos xéneros de narrativa, poesía e teatro, aos que nesta edición se incorpora unha nova modalide: ensaio. O prazo de presentación de convocatorias finaliza o 30 de setembro. O premio terá unha dotación de 6.000 euros e os dous accésits serán de 1.500 euros cada un.

Os textos deberán ser inéditos, coa cidade de Santiago de Compostela como marco da acción ou referencia fundamental da obra. Os premios conlevan a publicación na colección SELIC que edita o Concello de Santiago, renunciando as persoas gañadoras a percibiren dereitos de autoría por esta publicación.

As obras presentadas a narrativa ou ensaio deberán ter un mínimo de 150.000 caracteres, incluídos espazos. As presentadas á modalidade de poesía un mínimo de 250 versos; e as presentadas a teatro, un mínimo de 50.000 caracteres, incluídos espazos. Os premios estarán suxeitos ás retencións fiscais que correspondan.

O xurado estará composto por cinco persoas representativas do sistema literario galego, podendo declarar desertos os premios. Non terá en consideración aqueles orixinais que non se axusten estritamente ás presentes bases, nin os que foran premiados noutros certames literarios.

As persoas participantes remitirán, baixo pseudónimo, cinco exemplares da obra orixinal ao Teatro Principal (Rúa Nova, 21-3.º 15.705 Santiago de Compostela). Achegaranse en sobre pechado co lema ou pseudónimo identificador e dentro constarán: título da obra, nome e apelidos do/a autor/a, domicilio, DNI, breve currículo, correo electrónico e teléfono de contacto.

O veredicto do xurado será inapelable e farase público no mes de decembro de 2020. Os orixinais serán custodiados durante un mes no Teatro Principal de Santiago para os participantes que queiran poidan recollelos. Tamén poderán ser devoltos por mensaxería a portes debidos.

Deixar unha resposta