Segundo o acordado no Consello Intergubernamental de Iberescena na XXVIII reunión realizada virtualmente o 14 de maio, a Convocatoria de Axudas Iberescena estará aberta do 15 de xuño ao 15 de outubro de 2020. As liñas aprobadas para a convocatoria 2020/2021 son as de axudas á Creación en Residencia; axudas á Coprodución de Espectáculos de Artes Escénicas; axudas á Programación de Festivais e Espazos Escénicos.
No que respecta á liña destinada á axuda á Creación en Residencia, esta ten por obxecto apoiar o proceso de creación escénica, convocados por Espazos de Creación en Residencia. Enténdese por Espazos de Creación en Residencia aqueles centros especializados en creación así como compañías, grupos e/ou organizacións públicas ou privadas. As persoas convidadas a ditos Espazos de Creación deberán pertencer ao eido das Artes Escénicas e os espazos de creación deberán garantir un espazo (físico ou virtual) óptimo para o desenvolvemento do proxecto; o equipo humano requirido polo proxecto para acompañar a experiencia e promover a creación; a documentación do proceso de creación en formato audiovisual co obxecto de dar visibilidade ao desenvolvemento do mesmo; a hospedaxe (en función da modalidade de participación escollida). As propostas serán presentadas por parte dos Espazos de Creación en Residencia dun país pertencente ao programa Iberescena e os proxectos poden responder a diferentes modalidades de participación (presencial, virtual ou mixta). A presente liña inclúe a concesión de axudas de ata 10.000 euros para proxectos que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 con, polo menos, un/ha creador/a convidado/a pertencente a un país membro do programa, distinto ao país sede do espazo de creación en residencia.
A liña de axudas á Coprodución de Espectáculos de Artes Escénicas inclúen axudas de ata 20.000 euros para proxectos que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. A convocatoria indica que a solicitude ten que contar, polo menos, con dous países membros do programa con, polo menos, unha persoa de cada un deses países (cos roles especificados nas súas bases). Esta convocatoria está dirixida a entidades e/ou institucións públicas ou privadas, grupos e/ou compañías de artes escénicas profesionais que estean rexistradas legalmente en calquera dos países asinantes do acordo, coa intención de xerar unha coprodución que contribúa a fortalecer os plans de cooperación e integración mencionados nos obxectivos do Programa Iberescena. Entre os requisitos para optar a esta convocatoria figuran: que se trate de coproducións iberoamericanas de Artes Escénicas de carácter profesional; poderán consistir en formatos virtuais presenciais e/ou mixtos; e ábrese a posibilidade de indagar propostas de pequeno formato e/ou de formatos alternativos (monólogos, solos, radioteatro, teatro breve…).
A terceira liña de apoio centrada nas axudas á Programación de Festivais e Espazos Escénicos contan con axudas de ata 20.000 euros para proxectos que se desenvolvan do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2021 e inclúan como mínimo un espectáculo dun país membro do Programa distinto ao país sede do proxecto. Poderán participar aqueles festivais e/ou espazos escénicos que teñan a súa sede e personalidade xurídica en países integrantes do Programa; que nas programacións dos festivais e/os espazos escénicos se contemple a programación de, como mínimo, un espectáculo dun país membro do programa Iberescena distinto ao país sede.
Forman parte de Iberescena: Argentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, El Salvador, España, México, Panamá, Paraguai, Perú, Portugal, Uruguai.
Axudas Creación en Residencia, aqui.
Axudas Coprodución de Espectáculos de Artes Escénicas, aquí.
Axudas Programación de Festivais e Espazos Escénicos, aqui.