in

No desconfinamento de… Ernesto Is

Ernesto Is
Ernesto Is (Xixón, 1988), un dos novos dramaturgos con máis presenza no sistema teatral galego, é colaborador habitual da erregueté | Revista galega de Teatro. Logrou o Premio Abrente coa obra Fendas en 2016 e o o XVII Premio Rafael Dieste de Teatro con Despois das ondas, posta en escena por ButacaZero con dirección de Xavier Castiñeira. Fundador, xunto con César No, da compañía Feira do Leste, estreou con ela dous espectáculos: O exilio das moscas e Tras Tannhäuser. Ademais, é un dos promotores do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual, organizado pola compañía. Na actualidade, traballa no proxecto Canciones amarillas para flores tristes, seleccionado para se desenvolver dentro do programa Nuevas Dramaturgias de Euskadi.
Durante as últimas semanas foi o coordinador da sección No confín de… que acadou unha gran popularidade nestes tempos de confinamento. Coas súas confesións sobre a experiencia, damos por pechada –polo de agora– a serie.

 

Como xurdiu a idea dos “confíns”?

Vanesa Sotelo e mais eu comezamos a argallar diferentes ideas para desenvolver algún contido online na web da erregueté. Xunto con Manuel Xestoso definimos o formato final de No confín de…, semellante a eses cuestionarios breves que aparecen nas páxinas finais dos suplementos culturais.

A idea xorde da miña curiosidade por coñecer os referentes dxs compañeirxs da escena galega e achegarme a manifestacións artísticas descoñecidas ou pouco exploradas por min mesmo.

Responderon os resultados á idea inicial?

Superárona, á vista está. Non só pola cantidade (máis de setenta confíns), senón tamén pola calidade dos mesmos e a implicación da xente. Teño unha lista de “pendentes” bastante grande para este verán…

Foi difícil convencer á xente do teatro para que participase?

Para nada. As persoas somos máis participativas do que adoitamos crer. Quizais a parte máis difícil foi a escolla, decidir quen en que momento e por que. Evidentemente non están todxs xs que deberían, pero a sección medrou de tal xeito que sería incongruente coa idea orixinal alongala moito máis tempo. Estou moi agradecido a todxs xs participantes que nos abriron as portas dos seus mundos interiores con tanta humanidade e humildade.

No confín de… acabou sendo unha sección moi popular da erregueté. A que cres que se debe ese interese?

Imaxino que precisamente por iso, a humanidade. Estes días tan estraños, sen calor humana e cos espazos de encontro pechados, sentiamos a necesidade de saber que aí fóra había alguén.


Publicidade

Houbo algunha reacción negativa?

Moitas persoas decidiron non participar por razóns totalmente respectábeis e naturais: sobresaturación de contidos, dificultade para concentrarse e pensar ou, simplemente, necesidade de reflexionar en silencio. Non o vexo como algo negativo, todo o contrario. Cada quen reacciona ás situacións e canaliza as súas forzas do mellor xeito posíbel para con ela ou con el.

Que aprendiches desta experiencia de “introducirte” nas casas dxs compañeirxs de profesión?

Que hai que falar máis, verse máis, chamarse máis, coñecerse máis e tomar moitas máis cañas xuntxs. Botar abaixo a vergonza, eu o primeiro. Talvez esteamos perdendo oportunidades fantásticas para que agrome algún proxecto ou, simplemente, para gañar amigxs.

Quedaron cousas por dicir? Hai posibilidades de retomar a sección nun futuro próximo?

Evidentemente. Quedaron moitas persoas fóra por falta de tempo e pola súa situación durante o confinamento. Persoas moi interesantes e necesarias para entender as artes escénicas de Galicia e coñecer as diferentes profesións que as sosteñen. Estamos pensando en darlle unha volta á sección e retomala con outra periodicidade e cun enfoque afastado do estado de alarma, pero co mesmo espírito de compartir e coñecer á xente e ao seu traballo a través dos seus imaxinarios.

E como pasaches ti o confinamento? Axudouche coñecer de primeira man os recursos doutrxs compañeirxs?

Polo meu traballo, boto moitas horas na casa, así que –alén de non poder saír á rúa ou abrazar ás persoas que quero– as miñas rutinas foron bastante similares á ‘vella normalidade’. É certo que fun moito máis estrito cos horarios, a alimentación, o traballo ou a forma física. Púxenme, tamén, pequenos retos semanais: ler tal libro, ver esa película que debería ter visto hai anos ou aprender a tocar coa guitarra esa maldita canción. Moitos foron en vano, pero é o chulo de ver até onde podes chegar. Non quero romantizar o confinamento. É moi perigoso e pode levarnos rapidamente a esquecer o que aconteceu e o que pode volver acontecer. Este parón obrigatorio axudoume a rematar cousas pendentes e a iniciar outras, a coñecer xente fantástica, planificar viaxes e novos retos, engadir referentes interesantísimos á miña cabesiña e, sobre todo, a volver con máis ganas á area do día a día.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Castro | Nuno Cardoso

Xa se coñece o programa do Festival de Almada

OMozoDaUltimaFila |

Redrum retoma en Rianxo os ensaios de ‘O mozo da última fila’