in ,

Marta Pazos recibe o Premio de Honra da MIT Ribadavia

Marta Pazos
A dirección da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia salienta “o gran talento, traballo e entusiasmo” de Pazos, á que define como “unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo”. | Foto: Miramemira |

 

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de anunciar na mañá desde martes, 23 de xuño, que a directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos , será recoñecida nesta edición da MIT co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao mérito nas artes escénicas.

A MIT de Ribadavia, que se celebrará do 17 ao 27 de xullo, renderá homenaxe a Marta Pazos, á que define como “unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo” e quen, co seu labor en Voadora, “propiciou a consolidación dun equipo interdisciplinar no que priman a música e a suxerente plástica escénica como principais sinais de identidade”.

“Este premio é a constatación dos valores que fomos descubrindo, do acompañamento que este festival foi realizando, das portas que nos fomos axudando a abrir e do moito que lle queda por voar a esta creadora galega universal”, apunta a dirección da MIT Ribadavia nun comunicado emitido esta mañá. Neste sentido, a organización do encontro escénico salienta “a actividade crecente, as investigacións constantes na linguaxe artística contemporánea e a fulgurante proxección de Marta Pazos”, que se manifestan “na cantidade de convites que recibe para dirixir, estrear ou coproducir proxectos con diversas institucións de prestixio no ámbito escénico coma o CDG, CDN, Festival de Almada ou o Teatro Español”.


Publicidade

Pola súa banda, Marta Pazos agradece o recoñecemento de honra da MIT, á que define como “moito máis que un festival ou punto de encontro”. “A MIT é unha casa á que volver e da que sempre saímos renovadas polo cariño, apoio e os novos horizontes que abren deste esta casa”, sinala Pazos, quen lembra que a MIT, nos últimos anos, coproduciu dous espectáculos de Voadora que naceron a partir de textos de William Shakespeare: Soño dunha noite de verán e A Tempestade.

Ao fío, Pazos avanza que o espectáculo que pechará esta triloxía de pezas clásicas, Othello , tamén será unha coprodución entre a compañía e a MIT. A obra, tal e como apunta a directora, basearase na posverdade e nas violencias machistas. “Ao longo destes meses de confinamento estivemos traballando e investigando intensamente a través do contacto con numerosos axentes de todo o Estado sobre cuestións de xénero ou a presenza dos bulos e as chamadas ‘fake news’. É unha boa nova que este traballo minucioso e feito con tanto cariño conte co apoio dun festival que, para nós, é un piar na nosa creación, como é o MIT”, afirma a directora.

Precisamente Voadora ofrecerá un obradoiro específico de creación escénica a partir do Othello na MIT, nomeado Celos. Nivel usuario avanzado, no que analizará cuestións que aparecen no texto para observar a súa evolución até o presente e a súa cristalización no tempo. Así, temas como a construción de mentiras e novas falsas, a relación entre a violencia de xénero e a posverdade no século XXI serán algún dos aspectos que se desenvolverán neste obradoiro entre os días 18 e 21 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia. Desde unha perspectiva diametralmente oposta á tráxica historia relatada por Shakespeare e, empregando a comedia como xerador de discurso sobre a dor e a carraxe, investigarase en escena durante catro sesións compartindo materiais que caracterizan a linguaxe da compañía.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OMozoDaUltimaFila |

Redrum retoma en Rianxo os ensaios de ‘O mozo da última fila’

Autocontos |

Cándido Pazó e Quico Cadaval estrean o formato dos Autocontos en Ribeira