in ,

Voadora impartirá un obradoiro de creación escénica a partir de ‘Othello’ na MIT Ribadavia

OthelloDesdemonaMaclise |
O obradoiro, baixo o título “Celos. Nivel usuario avanzado” investigará as relacións amorosas e a posverdade a partir da traxedia shakesperiana.

 

Que relación teñen a violencia de xénero e a posverdade no século XXI? Como se constrúen as mentiras? Conseguirá Iago un ascenso na axencia de fake-news para a que traballa? Teñen Otelo e Desdémona revisado os límites co seu matrimonio co terapeuta de parella? Bianca e Casio viven nunha relación poliamorosa? Reflexionan Rodrigo e Barbantio sobre a construción das novas identidades no círculo de homes? Quedou sen pilas o altofalante de Emilia na manifestación do 8-M?

A partir destas preguntas, a compañía Voadora constrúe un obradoiro que tratará os temas que aparecen no Otelo de Shakespeare para observar como evolucionaron ata o nosos presente ou como cristalizaron no tempo.

O obradoiro, que terá lugar no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, do 18 ao 21 de xullo, e en sesións de 10:00 a 14:00, investigará en escena o tema dos ciumes, dende unha perspectiva diametralmente oposta á tráxedia shakesperiana, empregando a comedia como xeradora de discurso sobre a dor e a carraxe, compartindo os materiais que caracterizan a linguaxe teatral da compañía.

O obradoiro está dirixido a artistas de todas as areas e a persoas interesadas en investigar nas relacións amorosas e na posverdade. Non se require experiencia escénica previa, e estará limitado a 12 persoas. Para inscribirse, dende hoxe até o 7 de xullo, é preciso enviar un email co CV e unha historia persoal de ciumes en 140 caracteres a [email protected].

Voadora prepara unha montaxe do Othello de Shakespeare para o ano próximo no que dará especial relevancia aos personaxes femininos.


Publicidade

 

Voadora

A compañía Voadora, fundada no ano 2007 pola directora de escena Marta Pazos, o actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz é unha referencia na vangarda teatral. Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: Super-8, Waltz, Tokio3 –que foi finalista aos Premios Max 2013 ao Mellor Espectáculo Revelación–, A tempestade, Calypso, Martes de Carnaval –para o Centro Dramático Galego–, Soño dunha noite de verán ou Garage. Recentemente estreou a ópera A amnesia de Clio –con libreto de Fernando Epelde e música de Fernando Buíde– a primeira ópera galega de gran formato do século XXI.

A ollada irreverente e unha coidadosa posta en escena caracterizan o seu traballo. A compañía aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas de diferentes disciplinas, cuxa hibridación resólvese, en cada peza creada, nun acto de profundo amor pola arte.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MartaAlonso |

Profesionais da danza reclaman que se manteña o programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego

Nuria Sotelo Danza

Nuria Sotelo e Macarena Montesinos presentan unha peza en Vigo para celebrar o Día da Musica