in

Voadora estrea en novembro a ópera ‘A amnesia de Clío’, de Fernando Buíde

AAmnesiaDeClio2 |

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou a nova temporada de abono 2019-2020 na súa sede, o Auditorio de Galicia, que celebra o seu 30 aniversario. Entre as múltiples actividades programadas, a RFG estreará o 10 de novembro a ópera A amnesia de Clío do compositor galego Fernando Buide, con libreto de Fernando Epelde. O título, dirixido por Paul Daniel, contará coas voces da soprano Raquel Lojendio e do barítono Sebastiá Peris, xunto ás do Orfeón Terra A Nosa; e coa dirección escénica de Marta Pazos. Representarase en Santiago e, o día 13 de novembro, no Teatro Colón da Coruña.

Trátase dunha obra realizada coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA. É unha produción da compañía Voadora en coprodución co Consorcio de Santiago, o Centro Dramático Galego e Amigos da Ópera de Santiago; en colaboración co Orfeón Terra A Nosa; co patrocinio do Xacobeo 2021; e o apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Concello da Coruña.

A amnesia de Clío retrata o extraordinario camiño dunha muller que existiu de verdade: Ilona Staller –tamén coñecida como Cicciolina– ata chegar a converterse na musa Clío. Unha muller que foi espía, cantante, actriz e musa (casada co artista Jeff Koons), pero que Europa prefire recordar polo seu traballo no mundo da pornografía e o seu soado asalto como deputada á escena política italiana.

Como xa adiantamos o pasado xullo, a ópera na que está traballando Marta Pazos coa súa compañía Voadora e o seu colaborador habitual, Fernando Epelde, inspírase no lado máis estraño e pintoresco da idea mesma de Historia e sérvese tamén da parte menos inexplicable da política como visión do mundo. Como ferramenta para entender o lugar que ocupamos neste planeta.

Protagonizada por unha estraña galería de políticos -moitos deles xa retirados- a peza envólvese dos protocolos e a excéntrica mecánica do universo político, para ofrecer unha mirada inesperada sobre a perspectiva patriarcal e as forzas e personalidades que converten os pasos en pegadas e as frases en citas. Unha viaxe extravagante no que a realidade histórica e a ficción política entrecrúzanse para dar lugar a unha ópera contemporánea, cinemática e cun pé na realidade e outro na distopía.

Unha experiencia á que asistimos guiados por unha figura insólita que se presenta como xeradora dun cambio universal, condutora dun plan internacional para cambiar un paradigma: o da musa e o artista.

 

Fernando Buíde, nacido en Compostela en 1980, estudou en Santiago, Oviedo e Pittsburgh, e recibiu o seu doutorado na Universidade de Yale. Foi compositor residente na Real Academia de España en Roma. Durante a temporada 2014-15 foi o compositor español actual máis programado por orquestas sinfónicas profesionales do estado español. Entre outros premios recibiu o AEOS-BBVA na súa sétima edición, o premio Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale ou o premio Harry Archer de composición orquestral (2006). Buide foi tamén compositor en residencia na Real Academia de España en Roma. Foi bolseiro da fundación Barrié de la Maza e do Instituto de Estudios Internacionales. É ademáis membro da sociedade honorífica Pi, Kappa, Lambda (Pittsburgh 2007). A súa música ten sido programada en festivais como o de Granada, Quincena Musical Donostiarra, Cádiz, San Sebastián, El Escorial, Dartington ou New Music New Haven. Os festivais Via Stellae e Are More dedicaron senllos monográficos á súa música. É membro fundador do Ensemble Música Práctica.

Fernando Epelde é un dos autores dramáticos galegos con máis proxección e adoita traballar en colaboración coa compañía Voadora. Entre as súas obras, pódense citar Caixa negra (Editado pola erregueté e obxecto dunha recente adaptación á banda deseñada por Manuel Tudela), Walkie Talkie, A guerra silenciosa, Street Art Symphonie, Drone, O mundo persistente, Calypso ou Garage, entre moitas outras. Compaxina o seu traballo como dramaturgo co desenvolvemento de varios proxectos musicais. O labor como dramaturgo de Fernando Epelde inclúe, polo xeral, o vínculo con outras disciplinas como a música, o cine e o vídeo. O groso da súa obra caracterízase por un certo grao de experimentación formal, moi influído pola edición de vídeo. A fragmentación é unha clave do seu traballo, tratando de achegarlle a cada obra os elementos que necesita, fuxindo do recurso polo recurso e cun especial coidado polos seus personaxes e as súas circunstancias. No conxunto das súas pezas prima a poesía por encima do experimento, cunha visión política definida aínda que sempre enmarcada no ámbito da ficción.


Publicidade

Paul Daniels é o director titular e artístico da RFG dende 2013 e tamén se encarga da dirección musical da Orquestra Nacional de Burdeos. Entre 2009 e 2013 foi o principal director e conselleiro artístico da West Australian Symphony Orchestra de Perth e foi director musical da English National Opera e da Ópera de North, ademais de principal director da Opera Factory. Foi director invitado das máis destacadas orquestras e compañías de ópera por todo o mundo. Dirixiu no Royal Opera House Convent Garden, en La Monnaie en Bruxelas, na Ópera Estatal de Baviera en Múnic, na Ópera Semper de Dresde ou no Metropolitan Opera de Nova York. Entre as súas numerosas gravacións destaca o éxito alcanzado polo CD coa Sinfonía núm. 3 de Elgar e o DVD da gravación de Lulú en La Monnaie coa soprano Barbara Hannigan. Coa Orquestra Nacional de Bordeos gravou obras de Wagner, Mahler e Chaikovski. En 1998 recibiu un Premio Olivier pola súa dedicación á ópera e nos New Year’s Honours de 2000 foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico.

Marta Pazos é directora de escena, actriz e escenógrafa. É directora artística e dramaturga da compañía Voadora. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, comeza a dirixir no ano 2000 e desde entón asinou a posta en escena dunha veintena de espectáculos desenvolvendo o seu traballo (e a súa vida) a camiño entre Portugal e España. En 2011 recibe o XV Premio de Teatro María Casares á mellor dirección converténdose na directora máis nova en recibir este galardón. En 2013 recibe novamente o Premio María Casares de dirección ao que suma outro premio María Casares como mellor escenógrafa. Algunhas das súas postas en escena máis relevantes son: Martes de Carnaval para o Centro Dramático Galego, Soño dunha noite de verán, presentada no Centro Dramático Nacional en 2018; Joane un proxecto sobre a idiotez para a Capital Europea da Cultura-Guimarães 2012 interpretado por un grupo de adolescentes; Tokio3 ou o Don Juan de Molière. Pazos vén de dirixir a ópera Je suis narcissiste, de Raquel García Tomás, para o Teatro Real de Madrid.

 

Ficha

Composición e arreglos | Fernando Buide
Libreto | Fernando Epelde
Dirección musical | Paul Daniel
Dirección de escena | Marta Pazos​

Soprano | Raquel Lojendio
Barítono |Sebastiá Peris

Interpretada pola Real Filharmonía de Galicia

Coa participación de Ilona Staller

Produce | Voadora

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Raclette71 |

Unha versión francesa de ‘Raclette’, de Santiago Cortegoso, preséntase no Off Avignon

Citizen09 |

Kalandraka anuncia a publicación do ‘Citizen’ de Chévere en xullo