in

Kalandraka anuncia a publicación do ‘Citizen’ de Chévere en xullo

Citizen09 |
A editorial Kalandraka anuncia para o vindeiro mes de xullo a saída ao mercado de Citizen, da compañía Chévere. Será o cuarto volume da Biblioteca de Teatro, que xa publicou anteriormente Río Bravo, Annus horribilis e outros musicais e Eroski Paraíso.

 

Citizen inspírase no filme Citizen Kane, de Orson Welles, para contar a historia de A. O., un empresario galego do téxtil que dende os anos 80 amasou unha gran fortuna. Teatro documental, performance, comedia e audiovisual que se pregunta onde empeza a realidade e onde remata a ficción.

A Biblioteca de Teatro da Editorial Kalandraka iniciouse con estas tres obras de Chévere e pretende documentar o teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións. A colección comezou a publicarse coa celebración dos 30 anos de Chévere e pretende documentar toda a súa obra.

Tanto Río Bravo como Eroski Paraíso gañaron senllos premios na Gala do Libro Galego na categoría de Teatro: a primeira en 2018 e a segunda este mesmo ano.

Chévere é unha compañía con 30 anos de traxectoria, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014, o traballo da compañía foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro.


Publicidade

Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Ao longo dos anos, conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.

No 2015, a compañía púxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros agentes sociais e culturais. Este mesmo ano, Chévere presentou un volume que recolle os tres proxectos “sementados” ata o de agora na Berberecheira.

O vindeiro 25 de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Chévere estreará o seu novo espectáculo, Curva España.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AAmnesiaDeClio2 |

Voadora estrea en novembro a ópera ‘A amnesia de Clío’, de Fernando Buíde

OArame |

A ópera galega ‘O Arame” estréase en Nova York en novembro