in

A ópera galega ‘O Arame” estréase en Nova York en novembro

OArame |

O arame, a ópera de Juan Durán con libreto de Manuel Lourenzo, fará parte da nova temporada da New York City Opera. O teatro vén de confirmar a programación desta peza no seu programa, que estreará en novembro, nun programa duplo compartido con El amor brujo de Falla.

O Arame estreouse o 13 de setembro de 2008 no Teatro Colón da Coruña, da man de Amigos da Ópera da Coruña, e foi a primeira ópera en galego do século. Na estrea participou o Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Maximino Zumalave, coas voces da soprano viguesa Carmen Durán e o barítono Javier Franco. A peza é unha obra de pequeno formato, unha ópera de cámara con dous cantantes no escenario, e desenvolvida nun acto dunha hora e cuarto de duración.

O libreto conta a historia de dous cómicos que, no solpor das súas vidas, regresan ao seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para cuestionar o sentido da vida e do seu paso polo mundo. “É unha metáfora da vida como camiño e, no fondo, unha reflexión sobre o amor”, declarou Lourenzo no momento da súa estrea. Daquela, Durán remitíase ás óperas de cámara de Britten como referencia, mentres que Lourenzo citaba dúas influencias cinematográficas: La Strada de Fellini e O sétimo selo de Bergman.


Publicidade

En xuño de 2017, a Universidade de Oxford acolleu a estrea británica da ópera nunha coproducción co Centro John Rutherford de Estudos Galegos e o Queen’s College da Universidade oxoniense. A representación de Oxford contou coa participación de dúas artistas galegas residentes no Reino Unido: Tamara Lorenzo Gabeiras como responsable da dirección musical, e a soprano Lorena Paz Nieto sobre o escenario. A dirección escénica estivo a cargo de Cecilia Stinton e o elenco completouse co barítono Malachy Frame.

Na estrea neoiorquina, a orquestra será a residente na New York City Opera, que decidirá tamén o elenco.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Citizen09 |

Kalandraka anuncia a publicación do ‘Citizen’ de Chévere en xullo

Neorretranca08 |

O CDG repón ‘Neorretranca e posmorriña’ no Salón Teatro