in

Por moito que chova e vente, por Paula Carballeira

PaulaCarballeiraCangas |
A dramaturga Paula Carballeira
Publicamos o texto do pregón inaugural da 37 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas que Paula Carballeira leu o pasado xoves 9 de xullo. | Texto: Paula Carballeira | | Foto: ProLight Estudio |

 

A persoa que dá un pregón ten a responsabilidade de transmitir unha mensaxe. É unha mensaxe importante, porque algo muda nas nosas rutinas. Neste caso, anunciábase que o teatro volvía despois do seu confinamento, e volvía por todo o alto, nunha Mostra histórica, organizada por persoas valentes e apaixonadas. Ademais, persoalmente, supuña o meu primeiro acto con público diante tras varios meses, sen pantallas que marcasen a distancia e a tristeza pola saudade de poder tocarnos, aínda que sexa co alento. A miña intención como pregoeira foi compartir a emoción do reencontro, e as miñas ferramentas para facelo parten da oralidade, que é a que nos achega como familia circunstancial mesmo sen coñecernos. Por iso falta neste texto o que non podo transcribir, efémero e transcendente coma calquera acto escénico.

Situémonos en Cangas, no serán caloroso do xoves 9 de xullo, con todas a cadeiras ocupadas na explanada das Naves de Ojea, mantendo o metro e medio de separación e unhas máscaras ben diferentes das da Commedia dell´arte que levarán no rostro os actores e a actriz da peza de teatro que virá despois. Entrégaselle o Premio Xiria de Honra a Quico Cadaval, para min un referente en moitos sentidos, e din o meu nome para subir ao palco.

Publicidade

 

“Boas noite, veciñas e veciños de Cangas! Sexades de toda a vida, de hai uns anos, de paso, ou só dunhas horas, as horas de asistir a un acto escénico. Veciños e veciñas ao fin e ao cabo. Permitídeme que así vos trate. Douvos a benvida a esta 37 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo na que se respira a emoción. Emoción por vernos, por atoparnos, por sentirnos un chisco máis libres ao ver como as ficcións cobran corpo e vida diante dos nosos ollos, no momento único e irrepetible da experiencia teatral. Podemos vivir sen teatro, sen sentido do humor, pero vivimos mal, vivimos peor, e por iso estamos aquí, para que esta Mostra nos devolva o brillo nos ollos.

Pídovos para comezar un aplauso adicado ás persoas que fan posible a Mostra, grazas á súa capacidade de traballo e á súa paixón.

Pídovos tamén un aplauso para as persoas que apoiades esta Mostra coa vosa presenza, a vosa sede de teatro.

Os aplausos son recoñecementos, mostras de cariño, sinais de respecto.

Eu, que teño asistido a esta Mostra como actriz, como narradora oral, como autora de textos dramáticos, e, nesta ocasión, impartindo un curso e como pregoeira, tamén teño vido como público, e ese é un dos aspectos que quero destacar neste pregón, o sentimento de que a Mostra abrangue un público heteroxéneo e múltiples manifestacións relacionadas co teatro. Ademais, o seu compoñente cómico e festivo, anímanos a acollela como parte das nosas vidas durante uns días. Facémonos familia.

De feito, cando Casilda Alfaro me chamou para participar este ano, tiven a mesma sensación de cando me chama miña irmá, meu pai, miña nai ou meu irmán, porque teño compartido ficcións co Teatro de Ningures e cos seus membros, especialmente con Casilda nas longas xornadas de gravación dunha serie de televisión que durou varios anos: “Libro de familia”. Por iso, se ela chama e di: “Vés a Cangas?”, eu respondo inmediatamente: “Vou!”. Coma se chama miña nai ou meu pai, aínda que eles farían a pregunta doutro xeito: “E logo non vés?”, ao que eu respondería: “E logo non?”. Riqueza da nosa lingua.

Outra persoa á que se lle fai unha pequena homenaxe no cartel da Mostra deste ano e que forma parte dos meus afectos é Celso Parada. Non sei se sabiades que Celso e máis eu fomos mozos hai tempo… noutra serie de televisión: Pequeno hotel. Era unha comedia de situación. Os meus traballos en televisión foron sempre en tramas cómicas, e a Celso encantáballe a comedia. Citábannos a primeira hora da mañá, a iso das seis, e eu non tiña moito corpo de comedia, pero Celso si, estaba fresco como unha leituga. Ao ver a miña cara botábase a rir e dicíame: “Ai, Pauliña, esta xente pensa que facer comedia é doado, cando debe ser das cousas máis difíciles do noso oficio”. E aí lembreime dunha frase de William Shakespeare, que algo sabía de teatro, cando Hamlet recibe os cómicos no palacio e di: “Amigo meu, coidaredes de que os cómicos estean ben atendidos… Facede que os traten con esmero, porque eles son o compendio e breve crónica dos tempos”. Os cómicos, as cómicas, poñen diante dos nosos ollos o que somos para que poidamos rir de nós mesmas, de nós mesmos, que é o que nos trae a saúde de volta e permite que tomemos nota dos nosos erros e dos nosos afectos.

E agora que o penso, ninguén mellor que Quico Cadaval para personificar esa frase: “compendio e breve crónica dos tempos” en todas as súas facetas artísticas.

Publicidade

Esta Mostra é Cómica e Festiva, pero tamén é memoria de identidades, de culturas como a nosa. O mesmo Shakespeare sabía o importante que era introducir elementos populares nas súas obras para que o público evocase lembranzas de contos, de personaxes, de lendas ás que o teatro lles daba prestixio escénico e orgullo de pertencer a unha tradición. De feito en moitas pezas de Shakespeare atopamos ecos desa tradición común: as tres caixas de Portia (de ouro, prata e chumbo), en O mercader de Venecia, que o pai lle deixa xunto coa dote para que case con quen saiba escoller a correcta, lembran as tres trabes que os mouros enterraron nalgún lugar da Limia: de ouro, prata e chumbo (ou chapapote, ou papel, segundo as versións) e das que din que ninguén sabe onde están, e que é unha sorte, porque se topas coa de chumbo, acabas co mundo. Digo eu que se cadra alguén deu con esa trabe, tal e como están as cousas.

O comezo do Rei Lear lembra o comezo do conto popular que en Galicia se coñece coma “O pote e o sal”, no que un rei quere deixar o seu reino nas mans das súas tres fillas, dividido en tres partes proporcionais ao amor que senten por el. Cando lles pregunta ás fillas a medida do seu amor, a maior e a mediana escollen metáforas grandilocuentes para expresar o seu cariño, mentres que a pequena recorre a unha comparación sinxela, pero esencial. Shakespeare recolle aquí o pouso de sabedoría dos contos nos que se advirte de que non hai que deixarse levar pola beleza das palabras, senón polo que agochan no fondo, o seu significado profundo. E non hai mellor lugar para sentir a verdade das palabras que a ficción do teatro.

Neste sentido, quero lembrar un conto popular que aconteceu en Cangas, precisamente, e que chama a atención sobre outro aspecto desta Mostra digno de mención: as Xornadas de “Mulleres en acción”, que visibilizan o papel das mulleres para que non pasemos desapercibidas ou caiamos no esquecemento. Cangas é unha terra de bruxas, e a figura da bruxa, que tamén Shakespeare recolleu en Macbeth, representa a muller libre, con arelas de coñecemento e de conservar legados que doutro xeito desaparecerían. Un dos lugares europeos onde se celebran xuntanzas de bruxas é unha das praias de Cangas e cóntase que houbo un zapateiro que devecía por asistir a un aquelarre. As bruxas non querían deixalo ir, pero el insistiu tanto que o levaron. Unha vez na praia, o zapateiro notouse fóra de lugar, mentres as bruxas rían, bailaban, conversaban, ata que dixo en voz alta: “O demo me leve se non me gustaría ser muller e bruxa” e, ao mencionar o demo, o demo apareceu.

Ao demo encántanlle as festas e enseguidiña seguiu ás bruxas, cada vez máis descontentas con dous intrusos na súa xuntanza. A bruxa máis vella, que sabía máis por vella que por bruxa, achegouse daquela ao zapateiro para dicirlle:

– Mira, ti como es novo tes que presentarlle os teus respectos ao demo tal e como llos presentamos nós a primeira vez, cun bico no cu.
– Un bico no cu? – estrañouse o zapateiro.
– Así é como quere o demo que se lle presenten os respectos.

E o zapateiro foi, pero deulle reparo e sacou unha subela que tiña no cinto, unha ferramenta para furar o coiro, e picoulle con ela ao demo.

O demo, que é demo, pero sensible, deu un pinchacarneiro (nunca mellor dito) e preguntou:

– Quen foi?
– O zapateiro de Cangas! – berraron as bruxas á vez.

O demo volveuse ao zapateiro e preguntoulle.

– Ti que?
– Eu quería mostrarlle os meus respectos cun bico.
– Pois a próxima vez, aféitate, que rascas.
– O demo me leve! – dixo o zapateiro, aloumiñando a barba.

E o demo levouno. E as bruxas puideron gozar a súa festa.

Porque ten que haber lugares para mulleres libres, e temos que facer nosa a tradición, temos que mantela viva, recreala e reiventala.

Querido público, antes de rematar cun “Viva!” para esta Mostra, pola emoción de volvernos encontrar, de descubrirnos, de lembrar o que somos, de rir e celebrar, de que as ficcións do teatro nos devolvan a realidade, quería cantar convosco unha copla popular. No ano 1999 asistín a un curso de postgrao en Arte Dramática con outras compañeiras e compañeiros de diferentes xeracións. Nun dos obradoiros, co director francés Jacques Nichet, estabamos en escena cando o profesor se dirixiu a Celso Parada, que tamén estaba, para pedirlle que empezase a cantar unha cantiga popular que coñecésemos os demais para acompañalo, se é que sabía algunha.

A Celso encantáballe cantar. Comezou co “Miudiño” e nós cantamos con el. Despois foron outras. O profesor estaba emocionado. “Non sabedes o que tedes”, díxonos, “ese sentir colectivo, esa emoción no escenario.”

Pídovos que cantemos para que a Mostra saiba que estaremos con ela, pase o que pase:

“Se chove, deixa chovere…
Se orballa, deixa orballare…
Por moito que chova e vente
De ti non me hei de apartare.”

(E aquí cantamos, o público e máis eu, cunha emoción que, ao igual que a filla pequena do Rei Lear, non podo transmitir con palabras)

Que viva a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas!”

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CamiñoEscenaNorte |

A segunda edición de Camiño Escena Norte celebrarase en setembro e outubro

mulleres en accion mostra 2020 12 |

Profesionais galegas das artes escénicas e audiovisuais estudan medidas para mellorar a situación das mulleres no sector