in ,

Xa se coñece o programa da XLII Mostra de Cariño

CariñoEscena |
Onte presentouse oficialmente a XLII Mostra de Teatro Galego de Cariño, decana de Galicia, que se celebrará do 9 ao 21 de agosto e que un ano mais non faltará á súa cita aínda que nesta ocasión adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención ante a COVID-19.

 

Compañías teatrais de público infantil e adulto actuarán durante dúas semanas en diferentes espazos do concello: o auditorio municipal, a Praza do Campín, o local social da casa consistorial e de modo itinerante polas rúas. O teatro na rúa, na Praza do Campín, seguirá sendo gratuíto pero desenvolverase nun recinto acoutado ao aire libre para o que se precisará reservar entrada para acceder.

O cartel da Mostra, obra do coñecido ilustrador Luis Dávila, caracteriza aos seus personaxes típicos cos aguillóns e o percebe na gamela chamada Malveira, en honor á asociación fundadora do festival de teatro.

 

Programación

O día inaugural, domingo 9 de agosto, Barafunda Animación representará ‘Aguillóns de Ortegal’, unha creación específica da compañía para Cariño que comezará a partir das 12:30 de modo itinerante polas rúas do concello. Ás 20:30 terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición a Malasombra Producións por Bernarda e a Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos por A nena e o grilo máis alá. Ademais, como colofón, haberá un concerto de Festicultores Troupe.

A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia. No Auditorio, e sempre ás 12, representaranse Carabela, de Galeatro, o 10 de agosto; O sal do mar e outros contos mariñeiros, de Teatro del Andamio, o 11 de agosto; Cartóons, de Excéntricas, o 12 de agosto; Lambetadas, de Talía Teatro, o 13 de agosto; e Contos do recreo de Redrum Teatro, o 14 de agosto. Na Praza do Campín, o 15 de agosto, ás 12:00, Forzu2, de Circo Chosco, e ás 20:30, Te veo, de Compañía Vaya – B-Side. O 16 de agosto, ás 12:00, partirá da casa consistorial o espectáculo de animación de rúa Animacreques, de Catropés; ás 13:15, na praza do Campín, Concerto con fusión, de Píscore; e ás 20:30 Oh!limpiadas, de Compañía La Sincro.

Ademas, o xoves 13 de agosto a partir das 21:00, o poeta cariñés Paulo Maestro, gañador do Slam Poetry Compostela 2019 presentará o seu traballo Non hai dous sen trece no local social da casa consistorial.

A segunda semana centrarase no teatro adulto. No Auditorio Municipal e sempre ás 22:15, representaranse, o 17 de agosto, Curva España, de Chévere; o 18 de agosto, As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste; o 19 de agosto, Medida x medida, de Excéntricas; o 20 de agosto, Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico; e a clausura, o 21 de agosto, correrá a cargo da Companhia do Chapitô portuguesa coa súa obra Electra.

 

Prezos

Os prezos para as obras que se representarán no auditorio son de 1 euro para o teatro infantil e de 5 euros para o adulto. Hai dispoñible un bono de 20 euros que permite a entrada a todas as funcións da noite. Para as obras ao aire libre é preciso reservar en www.reservas.gal xa que a capacidade será limitada.


Publicidade

 

Protocolo sanitario

Unha das principais medidas que tomou o Concello ten a ver coa organización: durará dúas semanas en lugar de unha co obxectivo de reducir o número de funcións diarias para evitar aglomeracións e facilitar a desinfección dos espazos.

Será obrigatorio usar a máscara nos espectáculos, durante todo o tempo que se permaneza dentro das instalacións. Haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para o público e unha empresa especializada certificará a limpeza e desinfección dos espazos. O persoal acomodador encargarase de colocar aos asistentes e nos espazos de representación instalaranse carteis coas instrucións a seguir. Ademais, a capacidade do auditorio estará reducida á metade e restrinxirase o acceso a todas aquelas persoas que presenten algún síntoma compatible coa COVID-19: febre, tose, dificultade respiratoria…

 

Obradoiros previos

Como vén sendo tradicional en días previos á Mostra, o Concello de Cariño programou dous obradoiros relacionados co evento. Neste caso, o 30 e 31 de xullo celebrarase o obradoiro “Pensar en Movemento” e do 3 ao 6 de agosto o “Obradoiro de Teatro con Ghazafelhos”.

“Pensar en movemento” desenvolverase no Auditorio Municipal de 10:00 a 14:00 e está dirixido a persoas a partir de 16 anos. Está impartido por Sabela Mendoza e Caterina Varela e propón unha aproximación á danza e ao movemento desde a teoría e a práctica. As sesións combinarán exercicios sinxelos de coreografía e de movemento con dinámicas de lectura e debate arredor de textos e materiais audiovisuais. Ademaiss, daranse a coñecer algunhas das figuras actuais máis destacadas da creación coreográfica galega.

O obradoiro de “Teatro con Ghazafelhos” desenvolverase no Auditorio Municipal de 10:00 a 14:00 e está dirixido a persoas a partir de 16 anos. Estará impartido por Montse Piñón e Pepablo Patinho, de Teatro Gazhafelhos, e por Pablo Sánchez. O obxectivo será coñecer dunha forma práctica distintos métodos para descubrir como contar co noso corpo unha historia. Haberá pantomimas, teatro coas pernas, circo, clown, máscara… e unha clase específica de teatro xestual co actor, director e mestre Pablo Sánchez. Ao finalizar o curso presentarase unha pequena mostra.

 

CartelXLIIMostraTeatroCariño |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FestivalC |

O Festival C reforza a programación cultural de Compostela en agosto

Hoy puede ser mi gran noche |

Hoy puede ser mi gran noche