in , ,

A Mostra de Cangas recibe o VI Premio Fegatea

FEGATEA PremioMostraCangas |
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas recibiu o VI Premio Fegatea á Animación Teatral dentro do XX Aniversario da Federación Galega de Teatro Afeccionado que se desenvolveu en Ribadavia. María Armesto e Casilda Alfaro recolleron o sábado 1 de agosto no Auditorio Rubén García o galardón que recoñece o labor incansable ao longo de 37 anos desta cita ineludible das artes escénicas en Galicia. | Vanesa Sotelo |

 

A Presidenta da Fegatea, Chelo Pampillón, foi a encargada de sinalar os numerosos argumentos polos que a Xunta Directiva da Federación decidiu outorgar este premio honorífico á MITCFC. Deste modo, destacou a dilixencia da Mostra á hora de galardoar ao actor e director Agustín Magán no I Premio Xiria á Labor Teatral que concede o evento cangués, a enerxía e o impulso pola igualdade nas artes escénicas coas Xornadas Mulleres en Acción que neste 2020 celebra o seu aniversario, o empeño na organización de espazos de encontro e formación, así como o apoio ao teatro amador dentro do seu programa ‘Revoltallo en pedra’.

Nun emotivo e ilusionado discurso no que lembrou ás persoas que impulsaron os primeiros pasos da Mostra, a actriz Casilda Alfaro debuxou a viaxe virtual polos múltiples espazos que percorreu a Mostra ata lograr un teatro na súa decimonovena edición reivindicando así “a importancia da Mostra para conseguir un Auditorio para Cangas”. De igual modo, a directora artística da MITCFC, María Armesto, destacou a importancia de recibir o galardón dunha entidade como Fegatea na que se dan cita todas as xeracións demostrando que “o teatro é unha clase de vida”. Armesto defendeu tamén a loita polo feminismo nas artes escénicas, un dos sinais de identidade da Mostra canguesa que cada ano outorga o xa recoñecido Premio Mulleres en Acción.

O director da MIT, Roberto Pascual, destacou a importancia de contar Ribadavia coa presenza da “raíz do teatro nunha mostra de fraternidade teatral sen barreiras” e poder acoller a entrega do Premio Fegatea a “unha mostra irmá, materializando as ilusións e dificultades cun premio que alimenta o espírito do que facemos”. Finalmente, o director de Políticas Culturais en funcións, Anxo Lorenzo, deu os parabéns ás dúas Mostras polo seu valor e seriedade á hora de “decidir non deixar pasar un ano en branco e acadar unha nova edición con prudencia e ofrecendo as máximas garantías”.

O premio Fegatea á Animación Teatral é un recoñecemento ao labor a prol do teatro dunha persoa, colectivo ou entidade que outorga cada dous anos a Federación Galega de Teatro Afeccionado. A Mostra de Cangas súmase así a nómina de figuras galardoadas entre as que se atopan a erregueté | Revista Galega de Teatro, o Proxecto Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo, Manuel Lourenzo, a MIT de Ribadavia e a ESAD de Galicia.

 


Publicidade

XX aniversario de FEGATEA

Funcións de teatro, actividades de formación e mesas de debate conformaron o programa do XX Aniversario da Fegatea que se desenvolveu do 30 de xullo ao 2 de agosto co patrocinio da MIT e a axuda do Concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense. Máis de medio cento de persoas déronse cita nestes catro días que contaron coa participación de grupos das catro provincias e rendeu homenaxe aos grupos máis antigos da Federación que na actualidade conta con 52 grupos federados.

O grupo local Teatro do Vilar foi o encargado de inaugurar as actuacións no Auditorio do Castelo con Squash, un texto de Ernesto Caballero. A continuación, o venres tomou o relevo o grupo Tiruleque do Carballiño con A farsa de Maitre Pathelin para seguir sábado co grupo Petanaporta de Marín que presentou o espectáculo O pequeno poni, de Paco Bezerra. O domingo foi tempo para A mirada das bolboretas, de Lohengrin Teatro, de Vigo. De igual modo, as rúas de Ribadavia enchéronse de teatro coa Feira de Micro-Accións na rúa coas propostas de Tequerreté de Teo con A aposta do chisqueiro, Cavort Teatro de Santiago con Ausencias, Teatro Escoitade de Vigo con Un hotel de primeira sobre o río e, finalmente, un pasarrúas da man de Lohengrín Teatro. Desta forma, propostas de dramaturxia clásica e a contemporánea, galega e universal déronse cita nunha programa marcado pola variedade e o amor pola escena.

O XX Aniversario de Fegatea clausurouse onte na Casa da Cultura de Ribadavia coa presentación das lecturas dramatizadas da obra A morte é breve, de Julio Fernández. Tres directores e quince intérpretes de diversos grupos federados ofreceron o resultado do traballo realizado ao longo da fin de semana a partir desta peza editada pola erregueté na que a morte actúa como fío condutor nunha singular combinación de denuncia social e humor.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Danza |

‘Saída de emerxencia’, convocatoria do Festival herDanza para artistas emerxentes

pam |

Nace a PAM, Plataforma das Artes do Movemento