in

Resoltas as axudas á produción escénica da Agadic

Mascara |
Aumenta o apoio ás propostas multidisciplinares e de artes do movemento entre as adxudicatarias, así como o apoio aos proxectos plurianuais de Talía e Chévere dentro dunha nova modalidade posta en marcha este ano.

 

Vinte e nove novos proxectos doutras tantas compañías galegas repartirán 800.000 euros a través da adxudicación da convocatoria anual de subvencións á creación escénica, publicada hoxe pola Consellería de Cultura e Turismo na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O incremento dun 23% na súa dotación respecto a 2019 permitiu aumentar en seis o número de propostas beneficiarias, entre as que destaca unha maior presenza das artes do movemento e das achegas multidisciplinares.

Ademais, este ano apóiase por vez primeira a través destas axudas proxectos de carácter plurianual co obxectivo de promover unha planificación a medio prazo por parte das compañías. As primeiras adxudicatarias desta nova modalidade para o período 2020-2022 son Talía Teatro, con 100.000 euros, e Chévere, con 94.516 euros.

A incorporación desta nova categoría, o maior esforzo orzamentario ou cambios puntuais nos baremos de valoración son algunhas das principais novidades introducidas nas bases desta ano, que foron consensuadas co sector a través de Escena Galega, principal asociación das empresas escénicas do país.

Estes cambios sitúanse, ademais, na liña das modificacións introducidas o ano pasado e que se mantiveron na convocatoria de 2020, como é o caso da discriminación positiva para as propostas de danza e artes do movemento (modalidade 3), ás que se destina unha dotación específica de 100.000 euros. Seis son as propostas adxudicatarias a través deste apartado: Teatro Ensalle con El dispositivo (25.955 €), Paula Quintas con Nina-Ninette (23.774 €), Matarile Teatro con El diablo en la playa (17.848 €), Funboa Escénica con Technocracia (16.505 €), Cía. Kirenia Danza con Os coidados (12.340 €) e Javier Martín con Teorema (9061 €).


Publicidade

 

Teatro, novo circo e maxia

Aos espectáculos de teatro, novo circo e maxia (modalidade 2) destínanse 430.000 euros, distribuídos entre 16 compañías: Sarabela Teatro con A lingua das bolboretas (51.0478 €), Voadora con Othello (50.059 €), Aporía Escénica con Soga e Cinsa (43.452 €), Pistacatro con Drop (40.398 €), Producións Teatrais Excéntricas con Strela do día (40.282 €), Redrum Teatro con Un home con lentes de pasta (35.128 €), Os Monicreques de Kukas con Don Gaiferos (26.031 €), Elefante Elegante con Cubo como título provisional (24.674 €), Baobab Teatro con Ás para Álex (23.286 €), Títeres Cachirulo con Campo de estrelas (17.260 €), Culturactiva con Conexión pingüín (15.216 €), ButacaZero con 32 metros cuadrados. Un espectáculo sobre el confinamiento (15.042 €), Larraitz Urruzola con Fábulas da montaña (14.352 €), Contraproducións con Mocos (13.999 €), Viravolta Títeres con Menú de refectorio (10.155 €) e Artesa Cía. con Illas desertas (9616 €).

Por último, a través do apartado para compañías de nova creación (modalidade 1), dotado con 70.000 €, apóianse as seguintes cinco formacións: Matías Daporta con Mocap-en beta (15.499,88 €), Colectivo Glovo con Em-na (14.515,67 €), A Feroz con Tr3s (14.143,41 €), Cía. Olivas Negras con 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva (14.086,96 €) e The Moving Compass con O varredor (11.754,08 €).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

XXIArtistasRuaRedondela |

XXI edición do Festival de Artistas de Rúa en Redondela

Cariño2020 |

Comeza a Mostra de Teatro de Cariño