in ,

Comeza a Mostra de Teatro de Cariño

Cariño2020 |
Hoxe inaugúrase a XLII Mostra de Teatro de Cariño, que un ano mais non faltará á súa cita aínda que nesta ocasión adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención ante a COVID-19.

 

Barafunda Animación representará Aguillóns de Ortegal, unha creación específica da compañía para Cariño que comezará a partir das 12:30 de modo itinerante polas rúas do concello.

Ás 20:30 terá lugar o acto oficial de presentación na Praza do Campín, no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición a Malasombra Producións por Bernarda e a Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos por A nena e o grilo máis alá. Ademais, como colofón, haberá un concerto de Festicultores Troupe.

A primeira semana estará dedicada ao teatro infantil e para toda a familia. No Auditorio, e sempre ás 12, representaranse Carabela, de Galeatro, o 10 de agosto; O sal do mar e outros contos mariñeiros, de Teatro del Andamio, o 11 de agosto; Cartóons, de Excéntricas, o 12 de agosto; Lambetadas, de Talía Teatro, o 13 de agosto; e Contos do recreo de Redrum Teatro, o 14 de agosto. Na Praza do Campín, o 15 de agosto, ás 12:00, Forzu2, de Circo Chosco, e ás 20:30, Te veo, de Compañía Vaya – B-Side. O 16 de agosto, ás 12:00, partirá da casa consistorial o espectáculo de animación de rúa Animacreques, de Catropés; ás 13:15, na praza do Campín, Concerto con fusión, de Píscore; e ás 20:30 Oh!limpiadas, de Compañía La Sincro.

Ademas, o xoves 13 de agosto a partir das 21:00, o poeta cariñés Paulo Maestro, gañador do Slam Poetry Compostela 2019 presentará o seu traballo Non hai dous sen trece no local social da casa consistorial.


Publicidade

A segunda semana centrarase no teatro adulto. No Auditorio Municipal e sempre ás 22:15, representaranse, o 17 de agosto, Curva España, de Chévere; o 18 de agosto, As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste; o 19 de agosto, Medida x medida, de Excéntricas; o 20 de agosto, Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico; e a clausura, o 21 de agosto, correrá a cargo da Companhia do Chapitô portuguesa coa súa obra Electra.

 

Será obrigatorio usar a máscara nos espectáculos, durante todo o tempo que se permaneza dentro das instalacións. Haberá dispensadores de xel hidroalcohólico para o público e unha empresa especializada certificará a limpeza e desinfección dos espazos. O persoal acomodador encargarase de colocar aos asistentes e nos espazos de representación instalaranse carteis coas instrucións a seguir. Ademais, a capacidade do auditorio estará reducida á metade e restrinxirase o acceso a todas aquelas persoas que presenten algún síntoma compatible coa COVID-19: febre, tose, dificultade respiratoria…

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mascara |

Resoltas as axudas á produción escénica da Agadic

By Heart

By Heart