O FETEGA, Festival do Teatro Galego “Celso Parada” vén de facer público o Premio de Honra “Dorotea Bárcena 2020”, outorgado a Afonso Becerra pola súa labor académica e de activismo teatral ao longo de vinte cinco anos dunha carreira cunha ampla e brillante traxectoria no sector das artes escénica. Recibirá o premio o sábado 26 de setembro, durante a gala do festival no Auditorio municipal, e previamente, ás 18 h impartirá na Casa da cultura a charla “De traxedias, dramas, comedias e públicos”.
Nesta edición de 2020, foron finalistas aos premios actrices e actores, colectivos e institucións relacionadas coa escena, amosando unha vez máis a versatilidade de avaliación que brindamos ao espectro das artes escénicas. Para o festival é sempre unha responsabilidade pola longa lista merecedora.
Afonso Becerra, tamén coñecido como Afonso Becerra “de Becerreá” (Becerreá, 1973), é un dos máis recoñecidos valores do teatro galego e estatal. É Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática na Escola Superior d’Art Dramàtic do Institut del Teatre de Barcelona, na especialidade de Dirección Escénica e Dramaturxia. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturias.
Exerce a docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Dirixiu a Asociación Cultural A Pipa de Becerreá entre 1988 e 2016, onde desenvolveu diversas iniciativas relacionadas coa literatura galega e o teatro, como son as Noites Poéticas e o Certame Literario da Alta Montaña Luguesa.
En 2009 fundou, xunto á directora de escena Ana Contreras, a compañía Ónfalo Teatro. Pertence ao Consello de Redacción da erregueté | Revista Galega de Teatro. É colaborador da revista Artez Blai e de El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales ARTEZBLAI, tamén realiza colaboracións esporádicas na revista Primer Acto e en Tempos Novos. Foi membro da AICT (Asociación Internacional de Crítica Teatral), da ADE (Asociación de Directores de Escena). De 2006 a 2009 formou parte do Consello Asesor do CDG (Centro Dramático Galego).
Ademais de artigos e colaboracións en diversos volumes colectivos, ten publicado as seguintes obras: Roberto Vidal Bolaño e o xogo do teatro (Laiovento, 2012); 9999 no volume Banqueiros (2012); Dramatículas (Laiovento, 2010); É un dicir (Revista das Letras. No 833. 19/08/10. Galicia Hoxe); Crio-Xénese (Laiovento, 2007); Dramaturxia. Teoría e práctica (Galaxia, 2007); Rexurdimento (RGT, 2006); O ritmo na dramaturxia (Universidade da Coruña, 2005) e Agnus Patris (Xerais, 2002). Entre outros moitos galardóns na súa carreira, acaba de recibir este verán unha mención de honra no Festival de Almada.
GIPHY App Key not set. Please check settings