O Auditorio Municipal de Ourense acolle este mércores 16 de setembro ás 21.00 horas a función inaugural da montaxe A lingua das bolboretas, de Manuel Rivas, coa que a compañía ourensá celebra os seus 40 anos de traxectoria. Gonçalo Guerreiro asina a dirección e a dramaturxia do espectáculo que interpretan Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fina Calleja, Sabela Gago, Josito Porto (César Goldi) e Fran Lareu.
A peza, que na súa estrea contará coa presenza do autor, propón un exercicio de intertextualidade con outro escrito de Rivas: A traxectoria do balón. En A lingua das bolboretas reflíctese a a relación entrañable entre un mestre e un neno, co impacto que xera entre eles o estalido da guerra civil e facendo partícipe ao receptor da historia da fascinación infantil do protagonista ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas.
O decreto que afecta aos espazos culturais fai que a representación só sexa posible para 60 persoas. Por isto, a compañía tratará de regresar á cidade cando as condicións permitan presentar o espectáculo a un maior número de persoas.
Algunhas das prazas previstas para esta nova produción de Sarabela Teatro son: a Sala Baía de Foz, o 2 de outubro; a Casa da Cultura de Vimianzo, o 10 de outubro; e o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o 14 de novembro.