in

VI Festival de Fazedores de Artes ‘Dos Modos Nascem Coisas’

Kopinxas. Trans(h)umância
A Asociación Cultural AlbergAR-TE organizou durante os días 11, 12 e 13 de setembro en Albergaria-a-Velha a sexta edición deste evento dedicado á música, cinema, exposicións, teatro, circo contemporáneo e danza. | Antón Lamapereira e Xoán C. Riobó |

 

Nesta ocasión e debido a pandemia Covid19 a organización do Festival seguiu as normas sanitarias obrigatorias de uso de máscara, delimitación do espazo onde se desenvolven os espectáculos de rúa, reserva anticipada de billetes con aforo limitado nos espectáculos e exposicións, distancia de seguridade, utilización do xel hidroalcólico e desinfección de espazos, e tamén a necesidade de deixar o nome, apelidos e contacto telefónico despois de recoller o billete para as representacións de rúa. Por outra banda, moitas das actividades programadas habitualmente como a actuación anual da Orquestra IN-Quieta e o mercado de artesanía e produtos agrícolas producidos na comarca, foron suprimidos. Circunstancias malfadadas que a Asociación AlbergAR-TE, representada por Tucha Martíns, decidiu e soubo exorcizar superando o medo tal e como recoñeceu o Alcalde no acto de clausura do Festival. Un escenario de tristes circunstancias pero que afortunadamente non impediron un feito humano tan importante como é a relación e a comunicación. Parabéns!

A Companhia do Jogo presentou ao aire libre A mais longa sinopse, obra creada e dirixida a dúas mans por Víctor Valente e César Estrela que fora estreada no mes de xullo no Festival dos Canais en Aveiro.

O espectáculo, baseado fundamentalmente no ritmo, na sincronía de movementos e xestos dos catro intérpretes inducidos pola composición musical de David Valente, resulta ser unha posta en escena abstracta e de lectura aberta para cada unha das persoas que contemplan como espectadores un ritual futurista.

A palabra queda reducida a unha voz en off que recita ao comezo e remate da representación a primeira e última páxina respectivamente da novela de ficción científica Brave New World de Aldous Leonard Huxley.

Trans(H)umância da Cía. Kopinxas, un espectáculo xestual na rúa, foi estreada neste festival.

Seis executivos vestidos de traxe negro, camisa branca, gravata e unha choca pendurándolles do pescozo. Cada un deles porta un maletín tamén de cor negra. Evolucionan polo espazo a diferentes ritmos, entrelazándose. Parados, intercambian os seus maletíns. Chaman polo móbil.
Un pastor, pau, sombreiro, saco ao lombo, de cando en vez lles asubía, controla os seus movementos… É un rabaño urbano que obedece as súas ordes.

Kopinxas é unha compañía de teatro local creada en 1999. Ao longo destes anos fixo montaxes de diferentes xéneros artísticos e tamén impartiu cursos de circo e teatro para xente de todas as idades e condicións. Sempre cunha metodoloxía de participación e fomentando a espontaneidade e o xogo.

Poesía e composición musical usando a voz e unha loop station foi a proposta artística de Rui Oliveira con As palabras. Un recital no que interpreta poemas e cancións de autores consagrados da lingua portuguesa como Ode à poesia, de Miguel Torga; As Mâes, de Eugenio de Andrade; A defesa do poeta, de Natalia Correia; RSI, de António Santos e outros de José Afonso, Vinicius Morais ou Ary dos Santos.

O cantor aveirense, que actuou no Café Concerto do CTAlba, foi quen de crear paisaxes sonoras onde respiraban os poemas.

Mimo´s Dixie Band, é unha banda de xente nova e innovadora que mestura o estilo musical de jazz dixieland, coa improvisación, o xesto mímico, as artes circenses e a comedia. Sete músicos que souberon adaptar maxistralmente para o escenario do CTAlba un espectáculo creado para a rúa, mais que estivo cheo de vida, divertido e musicalmente de alta calidade.

O programa desta sexta edición completouse co espectáculo de circo OTUS EXTRACTS da Cía Oliveira & Bachtler; Jazz Trio con Carlos “Zíngaro” ao violín, José Bruno Parrinha ao baixo, clarinete soprano e saxo alto, e Ulrich Mitzlaff ao violonchelo; Stretto, unha proposta de danza contemporánea de Romulus Neagu e Histórias pequenas de bichos pequenos, da contadora de historias Bruna Herculano.

Entre as actividades paralelas ás actuacións desenvolvéronse as seguintes:
Obradoiro de tecidos artesanais Tecer a paisagem, ofrecido por Guida Fonseca que incluía en certos momentos paisaxes sonoras interpretadas por Miguel Estima e Luís Carballo.

Conversas, na Biblioteca Municipal, con Mario Moutinho e Bruno Martins, sobre a situación das artes performativas e audiovisuais antes, durante e postpandemia.
Dúas exposicións no CTAlba. Unha titulada 5+2=9, con imaxes de 7 edicións do festival e outra dedicada ao film Sonhos, de Joaquim Pavão con figurinos de Tucha Martíns, deseños de Gil Moreira e fotografías do filme que tamén foi proxectado como remate desta sexta edición. O director, presente no festival, conversou extensamente sobre a película coa erregueté.

 

ENTREVISTA CON JOAQUIM PAVÃO SOBRE SONHOS
Joaquim Pavão é músico, compositor e director de cinema natural de Porto. A súa última curta, Antes que a noite venha-Falas de Antígona, acadou catro distincións no Red Carper Film Awards de Nova Iorque, premio á mellor estrea mundial no 21 Festival Internacional de Cinema AVANCA e premios á mellor curtametraxe e dirección no Falcon International Film Festival London, entre outros.

Sonhos foi estreado dentro da VI edición de Dos Modos Nascem Coisas en Albergaría a Velha, e é o primeiro obxecto artístico dunha triloxía que se enmarca dentro do Projeto Sculp Sonhos. Obedece ao tempo da instalación e desenvólvese a partir dun universo distópico no que se loita pola supervivencia do ser humano. O fin pretende resolver todos os problemas da humanidade desde a invención dun mundo pos-capitalista para chamar a atención sobre a importancia da liberdade e a necesidade do eu.


Sonhos integra sete soños.

Todo aquilo que nos compón quere sobrevivir e este instinto lévanos a atopar formas de facer. No filme, os que teñen todo resolto pero non conseguen atopar un camiño do eu, comezan a ter soños totalmente diferentes do que é a realidade. Os soños son lecturas de experiencias que non encaixamos. É un proceso químico complexo que abre portas para entender mellor a nosa necesidade de ver a vida dunha forma abstracta. Nós somos a única especie que consegue vivir nunha realidade que non é real. Nós construímos as cousas. O soño é a primeira porta de entrada cara ao interior e é unha forma de vivir unha realidade. A película divídese en sete soños, que son as sete palabras que nos definen como seres vivos. Nacer, comer, construír, brincar, contemplar, procrear, morrer, son funcións que nos permiten ver que estamos vivos. Os animais tamén teñen estas funcións, mais non conseguen a abstracción. Esta é a nosa gran innovación biolóxica.


Publicidade

Tamén está inspirada en sete esculturas.

Este filme parte dun convite do Museu Internacional de Escultura de Santo Tirso (MIEC), un espazo público que conta cunha colección dunhas 40 pezas espalladas polos xardíns do edificio. Eu tiven unha especie de carta branca dentro duns parámetros orzamentarios. Tiñamos a posibilidade de contar con certas esculturas moi interesantes para poder atopar unha realidade e quedar indefinidas. Neste caso había dúas hipóteses, ou eu falaba con cada escultor e intentaba percibir a historia, o por que, ou facer eu de público, visitar as esculturas e tocar a materia para entrar na realidade que estabamos a deseñar. Elixín esta segunda.

Como foi o proceso de creación?

Eu gosto de ir pasando as capas da cebola. Conto cun equipo. En cada área temos unha especie de núcleo duro. Tendo o concepto, os creadores teñen total liberdade. O cinema é un repositorio dun conxunto de artes. Se non fora isto, o cinema non nos serviría. A diferencia do teatro ou a música que se fan naquel tempo, o cinema é máis fácil porque nós podemos repetir e queda rexistrado.
Que claves interpretativas dás ás actrices e actores para que recollan todo o que ti propós?

Neste caso eu tiven un problema por falta de orzamento. Como tiña actores e actrices que non confiaban en min porque non tiñamos os ensaios necesarios para habitar a realidade que eu quería, a única forma que eu tiña de facer era volver a realidade deles completamente diferente. Filmabamos de nove da noite ata as seis da mañá. Durante dez días só había un equipo que vivía noutra realidade. A comida do restaurante era case sempre igual. Os cuartos nos que habitabamos tiñámolos que dividir en dous. Houbo un conxunto de escollas para que as persoas estivesen de tal modo cansas, illadas de si, que de repente se entregaban a esta realidade. Chegaba un momento que os actores e as actrices xa non eran persoas senón personaxes.

O elenco coñecía as esculturas e deseños?

Por exemplo, viamos os deseños de Gil Moreira. Como xa fixéramos algúns ensaios en sala decidimos saír ao espazo das esculturas para experimentar. Ás veces ensaio un movemento ou un texto, mais non é para filmar ese momento, é para filmar o momento no que están cansos dese movemento ou texto. O elenco non sabía cando estaba a traballar ou a descansar. Eu preciso do momento despois. Montabamos toda a escena e cando estaban relaxados, aí estaban dispoñíbeis. Cando nós temos dificultades utilizamos as nosas ferramentas e o público o nota. Só o imposible vale a pena.

A anterior curta, Antes que a noite venha-Falas de Antígona, tiña unha textura de terra e moita escuridade. Segues esa liña nesta longametraxe?

Neste filme divídense. Os soños son escuros mais o sistema pos-capitalista é moi claro. Por outra banda, eu gosto da sucidade no corpo, a textura das engurras, sentir as faces do rostro, do ollar, de volver ao animal, e o corpo ten que ser corpo. Se fora limpo, unha cousa moi plástica, non serve, xa se fixo moito.

Cal é o teu soño?

Eu son moi feliz e afortunado coa miña vida. Eu teño unha vida confortable que ninguén tiña no pasado. Hai cen anos ninguén tiña a relación que teño eu cos meus fillos, nin a casa que teño, nin o sofá. Ninguén tiña o tempo que eu teño. Eu son dono do meu tempo. Eu soño con persoas que son donas do seu tempo, que miren uns para outros de igual a igual e que falen. E que dentro desta igualdade estea a diferencia. Iso é un paradoxo. Este é o meu soño, a liberdade sempre.

Que contacto que tes co teatro e a través da música?

Durante moito tempo fixen preparación con actores que interpretaban as miñas composicións. Realicei varios encargos para distintas compañías con xéneros diferentes. Nalgúns tocado en vivo, noutros compoñendo. Durante oito anos só fixen iso, independentemente dos concertos. Despois comecei co cinema e deixei un bocadiño a música para o teatro.

 

Na imaxe: Trans(h)umância, de Kopinxas. | Foto: Mario Abreu |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Os nenos da varíola

O FETEGA presenta o programa da súa 31ª edición

FiotEnPausa |

O FIOT fai unha pausa no 2020 pero mantén a súa aposta pola creación escénica galega