in , ,

FIOT en pausa outorga a Carlos Alonso o galardón Xograr de Outono 2020

Carlos Alonso
A programación do FIOT en pausa comeza este venres 9 coa estrea da ficción sonora A lúa, válvula de spray, unha coprodución do FIOT escrita por Rosalía Fernández Rial e dirixida por Quico Cadaval, que contará cunha presentación pública propia hoxe, xoves 8, ás 16.00, en Carballo.

 

A esencia do corazón das artes escénicas en Galicia permanece, un outono más, en pé. O vindeiro venres 9 comezará o FIOT en pausa, a programación especial que terá lugar entre os días 9 e 18 de outubro en Carballo e na que se darán citas algunhas das propostas teatrais máis recoñecidas ou innovadoras da tempada. Para garantir a viabilidade e o futuro do festival, este ano non se celebrará a 29a do FIOT, pero algunhas das propostas do evento vinculadas ao apoio e promoción do teatro galego manteranse neste programa. É o caso do IV Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a estrea producións de compañías galegas, ou mesmo a entrega do premio Xograr de Outono, que este ano recae no escenógrafo Carlos Alonso.

O Xograr de Outono é un nomeamento honorífico que concede anualmente o FIOT á fin de salientar o labor dunha persoa ou entidade que, pola súa traxectoria, destaca na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. Especificamente, busca poñer en valor o oficio teatral e o traballo desas figuras menos visibles, pero imprescindibles par a escena. É o caso de Alonso, artista multidisplinar e traballador incansable da escena galega. Logo de máis de 40 anos de traxectoria como escenógrafo, figurinista e deseñador de vestiario , Alonso participou en máis de cen espectáculos profesionais, tanto en compañías independentes coma no Centro Dramático Galego, e conta cun total de once Premios María Casares na modalidade de escenografía e vestiario.

“É un recoñecemento xusto. A achega de Carlos Alonso ao noso teatro é incalculable”, apunta Alberto Sueiro, director do FIOT en pausa. Pola súa banda, Alonso salienta o seu “agradecemento e felicidade” pola distinción. “É unha honra recibir este galardón do FIOT e agradezo o apoio das compañeiras e compañeiros que conforman un grupo que é parte da nosa historia, a historia do teatro galego”, sinala o escenógrafo.

A elección da persoa galardoada correspóndelle, tradicionalmente, aos anteriores Xograres de Outono en colaboración coa Asociación Cultural Telón e Aparte. Desde os seus inicios, este premio chegou ás mans de artistas como Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo e Patricia de Lorenzo, homenaxeada no peche do 28o Festival Internacional Outono de Teatro.

Precisamente De Lorenzo será a responsable de facer entrega deste galardón a Carlos Alonso. O acto terá lugar unha vez finalice a representación de Curva España no marco do FIOT en pausa , cuxa función terá lugar o vindeiro sábado 10 a partir das 20.30 horas.


Publicidade

 

Presentación do FIOT Fónico

O FIOT en pausa comezará este venres, 9 de outubro, cunha proposta innovadora e que dá continuidade á intención do FIOT de achegar as artes escénicas ao público a través de novas fórmulas ou formatos, e procurando a incorporación do espazo público como un elemento máis da proposta. É o caso do FIOT Fónico, un proxecto que pretende explorar novos formatos e as posibilidades que ofrecen ferramentas tecnolóxicas innovadoras para achegar experiencias teatrais singulares na comarca.

O primeiro proxecto deste FIOT Fónico é A lúa, válvula de spray, unha dramaturxia da artista carballesa Rosalía Fernández Rial que dirixe Quico Cadaval. A peza, que conta con Melania Cruz, María Roja e Santi Romay no reparto, emprega os murais que se atopan no espazo público de Carballo como escenario. A estrea terá lugar o venres 9, cunha dobre función (18.00 e 20.00 h). Porén, no día de hoxe, xoves 8, terá lugar unha presentación pública para avanzar cuestións deste proxecto, que permitirá á veciñanza “levar unha obra de teatro no peto”, segundo apunta Fernández Rial, á vez que percorre a localidade a través de seis escenas diferentes enmarcadas noutros tantos murais.

A programación do FIOT en pausa , fichas de espectáculos e máis datos sobre todas as propostas pódese consultar na web oficial www.fiot.gal , na que tamén se pode descargar un completo PDF con información dos espectáculos e actividades.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CongresoTeatro |

O I Congreso Internacional do Teatro Galego comeza hoxe na Cidade da Cultura

Congreso Teatro Galego

O Consello da Cultura presenta o seu informe sobre as artes escénicas no Congreso do Teatro Galego