in

A Escola da Noite estrea ‘A mulher como campo de batalha’

A Mulher Como Campo de Batalha | Eduardo Pinto
A Escola da Noite estrea o 29 de outubro a súa 70 creación. Trátase do espectáculo A mulher como campo de batalha, de Matéi Visniec con dirección de Sofia Lobo e que estará en cartel até o 6 de decembro en Coimbra. | Foto: Eduardo Pinto |

Co título Do sexo da mulher como campo de batalha na guerra da Bósnia, a peza foi escrita en 1996 e constitúe un retrato da guerra e do modo no que as mulleres son vítimas directas e indirectas da barbarie. Dorra, vítima de violación durante a guerra de Bosnia, coñece a Kate, psicoanalista norteamericana, fóra do territorio no que as atrocidades foron cometidas. A relación que se establece entre as dúas personaxes e as memorias de cada unha convidan a unha reflexión sobre a xenofobia e a violencia estrema mais tamén sobre os clixés e os lugares comúns que condicionan as relacións entre as persoas e os pobos.
O espectáculo que dirixe Sofia Lobo conta coas interpretacións de Ana Teresa Santos e Paula García. A temporada de catro semanas, intercalada con outra programación do Teatro da Cerca de São Bernardo de Coimbra, vai do 29 de outubro ao 6 de decembro.
A mulher como campo de batalha é o terceiro espectáculo d’A Escola da Noite a partir da obra de Matéi Visniec despois de Da sensação de elasticidade quando se marcha sobre cadáveres (2014) e de Palhaço velho, precisa-se (2020).

Matéi Visniec
O escritor romanés Matéi Visniec, tamén xornalista de Radio France Internationale, recoñeceu a súa impresión ante as noticias que chegaban da guerra dos Balcáns, concretamente coa existencia de violacións en masa. “Tiven acceso a informacións perturbadoras, moi pouco a pouco, porque ao inicio estas mulleres non querían dar testemuño do que pasaran debido á humillación, á vergoña. Decidín que serían as mulleres as que ían ter a palabra e escollín como personaxes unha muller de Europa do Leste e outra cun punto de vista occidental”, sinalaba o dramaturgo nun debate realizado no Festival de Avignon en 2016.
A propósito da súa dobre condición de xornalista e escritor, Visniec continúa: “afortunadamente hai en min dúas persoas: a que observa e a que pode, como escritor, ir un pouco máis alá. Escribir esta peza foi, de algún modo, exorcizar a incapacidade que o xornalista tiña para facer algo”. Máis de vinte anos despois de ser escrita A muller como campo de batalha continúa a ser representada en varios países. “Decateime, infelizmente, de que a miña peza continúa actual, descubrimos que a Historia se repite dunha maneira atroz. A muller continúa a ser, en certo modo, a primeira vítima da guerra. Darlle a palabra era unha cuestión de urxencia. Claro que tamén o era comprender o mecanismo da barbarie e pensei que a literatura e o teatro poden case sempre axudarnos a comprender as cousas, dunha maneira máis matizada, axudarnos a ir máis lonxe na comprensión das cousas complicadas, porque moitas veces o xornalista non pode explicalo todo. O historiador non pode explicar todo, o sociólogo, o filósofo, o especialista non poden explicalo todo. Ás veces, só a literatura ou o teatro poden captar os matices e ofrecernos revelacións”, conclúe o autor.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premi Born 2020

O Cercle Artístic de Menorca entrega esta fin de semana o XLV Premi Born

Ricard Gazquez

Ricard Gázquez: “Necesitamos atopar un universo simbólico propio para estar nun mundo tan agresivo como actual”