in

Cinema Sticado: “A memoria é unha munición para combater a manipulación”

PYKA | CINEMA STICADO
PYKA, UN ESPECTACULO DE CINE EN VIVO, DEL COLECTIVO CINEMA STICADO, EN EL FESTIVAL DE TITERES DE REDONDELA
Helena Varela e Xosel Díez forman o núcleo do colectivo artístico Cinema Sticado. A pasada fin de semana o Salón Teatro acolleu a súa retrospectiva de cine ao vivo STRPTS/ Episodio 1: Mirlo e Rula, Fin de Tempada e Pyka, a súa última creación. Debullan con nós algunhas das claves do seu traballo que nos últimos anos percorreu os escenarios de Galicia e o resto do estado, así como festivais de Portugal, Suíza ou Polonia. O próximo mes de novembro, Cinema Sticado desembarcará no Festival TítereMurcia con STRPTS/episodio 1: Mirlo e Rula e regresará a Vigo en xaneiro con Fin de tempada. | Vanesa Sotelo |

 

Cando e como nace CinemaSticado?

Cinema Sticado nace en 2015 coa estrea do noso primeiro espectáculo no ALT de Vigo, mais comezou a xestarse case tres anos antes, no 2012. Daquelas eu estaba investigando sobre como traballar a imaxe en vivo nos eidos artístico e escénico cando topei co traballo do colectivo holandés Modern Hotel, en concreto coa súa peza The Great war. Cando llo amosei a Helena decidimos que esa sería a nosa liña primitiva de investigación co fin de poder traballar xuntos en escena. E puxémonos algunhas limitacións: traballar en escena os dous sós e cunha carga escenográfica relativamente pequena (que puidésemos metela nunha furgoneta).

Cinema ao vivo, poesía visual, monicreques e animación son algunhas das claves que se funden no universo de CinemaSticado. Tomando estas pistas como punto de partida, como se definen o traballo do colectivo?

Explicar como se define o noso traballo é bastante difícil ata para nós mesmos, aínda que a primeira palabra coa que podemos definir o noso traballo é “arte”. Unha arte feita en tempo real que mestura o artesanal e o tecnolóxico para contar historias –non exentas de poesía e incluso surrealismo-, para activar o pensamento crítico e para inducir á reflexión. Mesturamos distintas técnicas como a manipulación de obxectos e monicreques e o cinema ao vivo integrados, e tamén mesturamos escalas: a miniaturización de escenarios e personaxes, a escala humana na que nos integramos nós mesmos como manipuladores xunto con monicreques e escenografía de tamaño natural, e o gran tamaño da pantalla onde se proxectan as imaxes creadas ao vivo.

O Salón Teatro acolleu os espectáculos STRPTS/episodio 1: Mirlo e Rula, STRPTS: Fin de tempada e Pyka: o corazón na eclipse. Cal é o principal atractivo e o gran desafío para a compañía destas tres representacións?

Supuxo sen dúbida un gran desafío para nos tanto a nivel físico como psíquico: en tres días tivemos que, por unha banda, montar e desmontar a escenografía de tres espectáculos cheos de miniaturas que esixen unha extrema precisión na súa colocación, e pola outra banda recordar e poñer en escena tres coreografías de movemento, texto e manipulación obxectual e de cámaras tampouco exentas de precisión. O principal atractivo ao aceptar o convite de Fran Núñez, director de CDG, para que fixésemos esta retrospectiva foi o de poder amosar en Santiago os nosos tres espectáculos. Valoramos moi positivamente a nosa resposta ante o reto pois fomos quen de facer os tres espectáculos cun nivel altísimo de concentración e sen ningún resquicio físico, alén do cansazo evidente tras tres días de traballo intenso. Valoramos tamén moi positivamente a resposta do público asistente, que eloxiou o noso traballo cada día. Lamentablemente pola situación na que se atopaba Santiago debido a Covid-19 nestes días o aforo no Salón Teatro estivo limitado a 30 persoas cada día, e así, a rendibilidade económica evidentemente foi imposible.

No fondo e na forma, a manipulación é un dos temas que atravesan as creacións de Cinema Sticado. Julio Fer, colaborador habitual do colectivo, fala do interese por reivindicar a memoria como un modo de escapar a esa manipulación. A nivel temático, cales son as liñas recorrentes de Cinema Sticado?

Pois ademais desa manipulación á que estamos sometidos como individuos e sociedade tamén son temas recorrentes a mentira e a verdade, o poder e a corrupción, e a procura de mecanismos para combatelos. Un destes mecanismos é, sen dúbida, a memoria, máis que como escape diríamos que como munición, ao igual que o amor. Ao falar de munición xorde a pregunta de cal debería ser a arma que cargar, e a cuestión da elección da arma tamén constitúe outro dos nosos temas atopando que ás veces é preciso empregar as mesmas armas coas que nos intimidan para liberarnos. A memoria, máis que como escape é unha munición para combater a manipulación e a corrupción.

No seu traballo destaca a construción artesanal e un traballo actoral que se combina co desafío técnico. Existe un proceso de creación común para os diferentes espectáculos? Como é?

O noso traballo parte dun guión principalmente visual e dun labor previo de selección de material co que imos traballar. Con iso e a ferramenta de vídeo comezamos a traballar no taller de xeito experimental á procura de imaxes e texturas e atentos ás limitacións técnicas que aparecen para adecuar o proceso ás mesmas, pero sen limitacións a nivel imaxinativo e creativo. No proceso sempre estamos abertos á combinación de diferentes disciplinas nas que sempre estivemos interesados como as artes plásticas, o teatro de obxectos, o deseño, a arquitectura, a musica, o cine e a maxia entre outras. Este xogo que levamos a cabo no taller realimenta de xeito constante a escrita do texto, e á súa vez a escrita do texto tamén se atreve a propor novos vieiros para probar no taller. A partir deste punto comezamos por resolver o crebacabezas que forman as nosas montaxes, por limar evidencias (das que acostumamos fuxir), e por crear baleiros que poidan inducir á reflexión aos espectadores. E tiramos fíos para que a atmosfera sonora, visual. os títeres e os obxectos cobren vida e alma. É un traballo moi divertido pero tamén altamente rigoroso que require dun estado de concentración puro para poder saltar as veces a orde establecida. Somos dous en escena que facemos absolutamente todo, así que como nos coñecemos tan ben… se hai algún fallo xogámolo! Ademais desde o segundo espectáculo Julio Fer tamén nos acompaña neses xogos no taller aportando unha visión moi enriquecedora.

 

PYKA Tatu |


Publicidade

 

Nun singular cruce entre realidade e ficción, Pyka presenta unha tripla historia de amor e represión que parte de Allariz, pasa por Londres e viaxa até a URSS de Einsestein. Como nace o proxecto e cales foron as súas principais liñas de investigación?

O proxecto naceu froito dunha colaboración coa Orquesta Clásica de Vigo na que tivemos a oportunidade de poñer en escena unha película muda en vivo acompañados de sesenta músicos. Foi naquel proceso que atopamos os primeiros indicios da película PYKA (brazo en ruso), e por aí foi por onde comezamos: por reconstruír o filme para a súa execución en vivo. O filme ten como protagonistas un brazo secuestrador e maltratador, a súa vítima e o amante desta. Logo comezamos dúas investigacións paralelas: por unha banda a historia da avoa de Helena (Gelines), que era a nosa conexión coa suposta autora daquel filme, e por outra banda a historia desa suposta autora (Olga) ata conseguir reconstruír as súas biografías. E nesas investigacións apareceu o nome de Serguei Eisenstein como posible mentor ou acompañante de Olga na súa presuntamente única creación cinematográfica. E así tamén investigamos a figura de Einsestein.

Armadas as liñas biográficas dos tres personaxes e as súas conexións tanto entre eles como coa historia que se narra no filme comezamos a investigar nas liñas temáticas a nivel teórico e intencional, en paralelo a unha investigación sobre a escena a través de improvisacións e o traballo directo con escenas escritas, ata atopar a estrutura final da peza.

A investigación escénica centrouse na necesidade de contar cousas das que non se falan e en traballar con esas emocións ocultas que cando saen a luz crean unha atmosfera incómoda e ao mesmo tempo reconciliadora. No fondo o que queríamos contar é a vida de tres persoas que tiveron que fuxir dunha sociedade onde o masculino imperaba por Lei. Dúas mulleres fortes que, como a protagonista do filme, non acataron as ordes preestablecidas e que logo de loitar tiveron que escapar para acadar algo tan prezado como a Liberdade, e un home sensible que en certa maneira non foi quen de facer fronte á opresión. Nestas fuxidas xurdiron encontros marabillosos como o de Olga e o director de cine ruso Segei Ensenstein e o de Gelines con Olga. As tres son vítimas dun poder corrupto, manipulador e cruel.

Ás múltiples capas de PYKA nas que o narrativo se mestura co asociativo súmase o traballo do trío Caspervek. Como valoran a achega dese diálogo coa música ao espectáculo?

A música que compuxo Brais González para PYKA é espectacular. Desde que comezou a compoñer o remake de PYKA sentimos que a música ía ser algo moi grande. Brais compuxo a música para piano, violín e percusión empregando a técnica do leitmotiv para identificar personaxes e procurando conectar melodicamente as dúas realidades presentes na peza creando analoxías e vínculos emotivos entre a historia e o remake de PYKA. Para nós esta achega é moi positiva pois contribúe tanto a apuntalar a emotividade da peza como as conexións que construímos entre as múltiples capas. Ademais a partitura escrita conta tamén con lugares para a improvisación, a sincronización e as interaccións entre os músicos e nós.

PYKA viu adiada a súa estrea de marzo a xullo polo decreto do estado de alarma derivado da crise sanitaria. Como afectou esa parada até a súa estrea catro meses despois do previsto?

Nun primeiro momento sentímonos bastante mal, pois chegabamos con moita forza e ilusión á estrea, pero como non podía ser doutro xeito tomámolo con resignación e, visto agora con certa perspectiva, podemos dicir que o adiamento foi toda unha oportunidade para madurar e afinar o espectáculo que desde logo non desaproveitamos. Mantivemos o noso compromiso e desexo de estrear en Cangas e por riba finalmente o puidemos facer dentro do marco da Mostra Internacional de Teatro de Cangas, que en certa maneira lle da máis valor á estrea.

Oito anos despois do seu nacemento como proxecto artístico, tres espectáculos e o paso por múltiples festivais internacionais, en que punto se atopa Cinema Sticado? Cales son os desexos de futuro ou de presente máis ou menos inmediato?

Agora mesmo estamos no mesmo punto en que se atopa o resto: a velas vir. Temos tres espectáculos en cartel, e sentimos que aos tres aínda lles queda moito percorrido por diante, e moito público ao que facer soñar, ao que inspirar, ao que cativar. Artisticamente estamos nun punto tal de desfrute co que facemos enriba do escenario que non podemos menos que desexar moitos bolos, tanto en Galicia coma no resto de España e o estranxeiro. E para que isto poida ocorrer tamén desexamos o fin da pandemia e unha representante que comparta a nosa sensibilidade e nos faga voar.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Atlantica2020 |

O Festival Atlántica volve este outono para completar a súa oitava edición

Carabela | Galeatro

Comeza a XVI Mostra de Teatro de Malpica