Pódese seguir a entrega na canle de YouTube dos premios a partir das 20.00 horas.
Os XXIV Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, desvelarán hoxe, 9 de novembro, as súas gañadoras e gañadores. A entrega emitirase a través da canle en YouTube do certame, entre as 20.00 e as 21.00 horas. Deste xeito, a tradicional gala, que estaba prevista para o pasado 26 de marzo (baixo a dirección de Cristina Moreira, cun elenco formado por Déborah Vukušić, Rocío Romero, Arantxa Treus e Antía Costas, coa dirección de arte de Laura Iturralde e a música de Nacho Muñoz) e que se tivo que adiar debido á situación sanitaria, foi substituída finalmente por unha entrega audiovisual diferente e insólita.
ESPECTÁCULOS FINALISTAS
Hai 16 espectáculos finalistas que buscan facerse con algún dos catorce galardóns. Liberto, de Rebordelos, acadou un total de 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal. Pola súa banda, Bernarda, de Malasombra Producións, rexistra a 5 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.
Fariña, de Ainé producións, Undodez e Oqueteño Media, acapara tamén 5 finalistas nas categorías de espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía.
Con 3 finalistas, atópanse seis espectáculos: O empapelado amarelo, da compañía A quinta do Cuadrante, que aspira aos premios de dirección, iluminación e adaptación/tradución; Despois das Ondas, da compañía ButacaZero, que optará aos premios de texto orixinal, maquillaxe e vestiario; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, que conta con finalistas para os apartados de maquillaxe, vestiario e música orixinal; Vida de Cans, de Talía Teatro; que competirá nas categorías de texto orixinal, escenografía e maquillaxe; MedidaxMedida, de Producións Teatrais Excéntricas, que acapara os tres finalistas do apartado de actor secundario, e Neorretranca e Posmorriña, do Centro Dramático Galego, que fica con tres finalistas para os premios de vestiario, escenografía e actriz secundaria.
O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, competirá na gala dos María Casares por 2 galardóns (dirección e adaptación/tradución).
Finalmente, outros seis espectáculos rexistran un ou unha finalista: Idiota, de Redrum Teatro, que opta a actor protagonista; A compañeira de Piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego, que competirá no apartado de actriz protagonista; e Karelu, de Os Náufragos, tamén finalista no apartado de actor protagonista. Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións son os tres espectáculos que unicamente competirán polo galardón ao mellor espectáculo infantil.