in

Bailar agora

Bailar agora
'Bailar Agora', de Marta Alonso Tejada / Imaxe de Mila Ercoli

Danzando coa luz

| Iván Fernández |
| Foto: Mila Ercoli |

 

Benvidxs a unha viaxe no tempo. Unha viaxe que faremos bailando. Poñédevos por favor as vosas zapatillas, as máis cómodas, as de deporte ou as de ballet. Estades preparadxs? Acendamos a luz.

Bailemos agora. Comecemos a danza seguindo os pasos de Marta Alonso Tejada, que nos conduce por esta viaxe dancística e emocional coa man dunha experta condutora (ou o pé?). Non pode ser menos, xa que a viaxe que comezamos decorre polos recantos da vida da propia bailarina/actriz, e ninguén mellor que ela para guiarnos.

Publicidade

Esta viaxe está chea de sorpresas e emocións. De encontros coa súa nena, coa Marta que comezou a bailar seguindo os pasos da súa nai e que pronto ficou pendurada nas ás do ritmo. Un ritmo  que, ás veces, podía ser prisión e do que se tería que soltar para poder bailar, para poder ser libre, para poder voar de verdade.  Encontros co tempo pasado en milleiros de cursos ata decidir que xa abonda, que o tempo é chegado para poñerse do outro lado. Encontros coa Marta/nai que atopa na maternidade os azos para saltar á escena e… bailar. Bailarse. Bailarnos.

Non pensedes por un intre que a viaxe persoal de Bailar agora vainos levar polos camiños trillados do ballet. Ou ben, si. Dende logo que hai ballet, pero só para amosarnos a base sólida dende a que Marta Alonso Tejada construíu o seu presente de bailarina/actriz, o lugar dende onde poder dar o chimpo ata a propia persoal creación.

Bailar agora é unha entrega total de xenerosidade. Atoparemos bágoas, suor e moitos, moitos zapatos. Mención especial merece o traballo na luz de Laura Iturralde, que fai, directamente, que Marta Alonso Tejada baile con ela, nunha vertixe lumínica, emocional e sonora durante a que nos podemos meter nas tripas da nosa guía. E que nos regala este momento tan íntimo coma universal.

Á fin, eu saio de Bailar agora querendo bailar, saltar, chimpar e voar igual que fai Marta. Bailar coa luz e coas emocións. Deixar falar o corpo e meter ao público no peto cun dos seus sorrisos, co intelixente manexo do humor e os referentes. Pode haber aínda máis? Si, dende logo: a música de Troye Sivan e ver como, literalmente, Marta Alonso Tejada despega do chan.

 

Bailar agora, Marta Alonso Tejada / Traspediante

Autoría: Victoria P. Miranda, Marta Alonso Tejada e Pablo Reboleiro
Coreografía e movemento: Victoria P. Miranda
Dirección:
Marta Alonso Tejada
Asistente de dirección: Pablo Reboleiro
Vestiario: Uxía P. Vaello
Deseño de iluminación: Laura Iturralde
Espazo sonoro: Xavier Bértolo
Vídeo: Ángel Sousa
Deseño gráfico e web: Manu Lago
Produción: Marta Alonso e Manu Lago
Coproduce: Centro Coreográfico Galego, AGADIC
Colaboran: Teatro Ensalle, Concello de Nogueira, Auditorio Municipal de Ourense, Centro Dramático Galego, Galicia Danza Contemporánea, Pistacatro

XV Festival ‘Catropezas’. Teatro Ensalle, Vigo. 31 de outubro de 2020.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Feminíssimas

De Ste Xeito estrea ‘Feminíssimas’

In anima vil

In Anima Vil