in

Fernando Epelde acada un premio SELIC por ‘Partida salvada’

Fernando Epelde selic
Fernando Epelde

A terceira edición dos Premios SELIC de creación literaria, convocados polo Concello de Santiago, inclúen entre os seus premiados ao dramaturgo Fernando Epelde. A súa obra teatral, Partida salvada, levou un accesit de 1.500 euros e a publicación da peza. Xunto a el, Gabriel Gómez Estévez foi o gañador desta terceira edición coa peza de narrativa Baleiro, e Óscar Senra con O novelo, levou un accesit.

O certame pretende dinamizar a creación literaria en diferentes xéneros coma o teatro, a narrativa, poesía e ensaio; conta cun único premio para todas as categorías e os accesit, polo que o premio de Epelde sabe a primeiro premio de teatro. O dramaturgo ourensán, que xa gañara esta cita na súa primeira edición, síntese agradecido “aqueles que escriben entenderán que a túa práctica cambia profundamente cando recibes un recoñecemento coma este”. “O da SELIC é un premio imposible de desvincular da cidade de Santiago, o mesmo sucede ca miña práctica teatral. En Compostela están os meus primeiros referentes (Vidal Bolaño, Rubén Ruibal, Carlos Losada…) o premio renova e recoloca esas influencias da miña educación artística e sentimental”, afirma.

O xurado valorou a complexidade da peza, que combina historias xeracionais e persoais, ao tempo que propón unha reflexión sobre os usos da lingua. Partida salvada, en palabras do seu autor, é un texto que “investiga os usos da lingua dende un punto de vista moi persoal. Trátase da visión dun neo-falante con todas as inexactitudes e ligazóns que isto poda comprender. Un texto que transita o peso lingüístico nos ámbitos da memoria, a construción da realidade e tamén os afectos”. A poética de Epelde caracterizase por ser multidisciplinar, fusionando linguaxes e conformando as que el chama “dramaturxias sen límites en pos da emoción“.

Sobre os premios SELIC, Epelde cre que é un primeiro paso de cara a que os textos rematen por poñerse sobre a escena. “Sería marabilloso que, co tempo, o certame rematara por acompañarse dunha dotación para á montaxe, esa debería de ser a meta final desta clase de premio”, afirma. Ainda así, mostrase gostoso de que publiquen a súa peza “nuns volumes fermosísimos, cunha moi boa distribución e envoltos nun deseño exquisito e minimal ao que non estamos tan acostumados”, sinala o ourensán.

 


Publicidade

“Partida Salvada é un texto feito co corazón na man. Sinto moita conexión con el. A obra mistura dúas narrativas paralelas que conflúen nunha mesma historia. Por unha parte temos un futuro tan próximo que podería ser o noso presente inmediato. Un tempo no que a nosa lingua está a punto de desaparecer. Nesta trama seguimos a unha lingüista que traballa para recoller ca súa gravadora os últimos vestixios dunha variadade dialectal do galego en boca dunha anciá. Ca vida de esta muller desaparecen tamén realidades concretas e algúns segredos.

Noutro tempo (os anos noventa) temos a unha parella de programadores de videoxogos en Compostela, que reciben a visita dun rapaz mudiño. O mundo deste neno está conectado ca memoria da Cidade dos Muchachos. Gústame a maquinaria desta obra, ten unha enganosa sinxeleza que, quizais, resulta do agarimo co que está tratada.”

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Medida x Medida

Medida x Medida

Balance do ano 20 parte II

Vinte e case non dou creto (parte II)