in

Medida x Medida

Medida x Medida
Producións Excéntricas

A hybris desmesurada

 

Volve o director e narrador oral Quico Cadaval a frecuentar os patios de William Shakespeare revisitando unha das súas pezas menos coñecidas; logo daquela Noite de reis, coproducida polo CDG en 2007, e do Shakespeare para ignorantes do ano 2010 con Mofa e Befa.

Neste caso, a revisión cae en Medida por Medida, suposta comedia do bardo inglés (suposta porque moitos autores non se poñen de acordo en se é ou non comedia) ambientada nunha Viena de fábula onde a corrupción e a lealdade están enfrontadas, a libertinaxe é delito (sempre que non aconteza no despacho do señor) e disfrazarse para coñecer a verdade, un acto cotián. Malia todo iso (alerta spoiler!), todo acaba ben. É por iso que poderiamos dicir que estamos ante unha comedia, e non ante unha traxedia, malia que a temática da peza sexa tan cruel coma as que atopamos nun Otello ou nun Tito Andrónico.

Polas rúas desta Viena fantaseada desfilan chulos e putas, gardas aparvados e xuíces arrogantes, poderosos corruptos e doncelas atropeladas. Porén, a autoridade do Duque non é posta en discusión e exerce o seu poder absoluto dende o principio e até o final. Vista dende os ollos de hoxe (os meus, claro, o que é inevitable, mais, se cadra, non desexable), esta é unha das cuestións que máis me chaman a atención: a falta de crítica a un poder absoluto e central, que, así e todo, deixa bulir a corrupción arredor de si e agóchase para atopar a verdade dos que ten por leais, utilizando sen vergoña trucos que poñen a dignidade dos seus súbditos en perigo.


Publicidade

Non é só da corrupción política e social do que fala esta peza, xa que a versión de Cadaval centra a súa mirada tamén na inxustiza e a lealdade, destacando a figura de Isabella/Sabela (interpretada por unha Melania Cruz a cabalo entre Santa Xoana de Arco e o James Dean de Rebelde sen causa), a noviza tentada polo poder a deixar o seu corpo a cambio da liberdade do seu irmán, preso por luxuria. É interesante esta visión da virtude, que me axuda a reflexionar como un (eu) está afeito a ver personaxes que sacrificarían o seu corpo pola liberdade dun ser querido (perversións afeitas de telefilme), mentres Shakespeare antepón, de xeito humanamente intelixente, a lealdade da rapaza coa súa virtude por riba do que está preso, precisamente, por perdela.

Medida x Medida teno todo para triunfar: unha produción coidada, un elenco excelente e preparado, unha intelixente disposición de accións cómicas e físicas herdadas do circo e da Commedia dell’Arte (executadas por un Víctor Mosqueira con aire a Charlot), mesturadas co que poderiamos denominar “typical TVG comedy act” (onde reina a actriz Patricia Vázquez) e áxiles cambios de personaxes para os actores e actrices, unha estudada posta en escena con xogos de espazo a través dunhas reixas versátiles, un estupendo manexo da iluminación (deseñada por Dani Juncal) e a combinación de números musicais (teño que salientar a fermosa voz de María Costas, por certo, unha Mariana doce e delicada), onde todos participan. Malia todo iso, persoalmente atopo un exceso de peso no texto e na palabra (para algúns, sacrosanta vindo de Shakespeare), que fai que o ritmo fique monótono. Iso, e o feito de pasar unha e outra vez por lugares coñecidos e xa resoltos en intres anteriores da trama, estragan, ao meu parecer, a sorpresa que agardo atopar nunha comedia, tal e como penso que nos é ofrecida a versión desta peza.

Medida x Medida, Producións Teatráis Excéntricas (orixinal de William Shakespeare)

Dirección e adaptación: Quico Cadaval.
Reparto:
Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Víctor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Evaristo Calvo.
Escenografía e vestiario: Suso Montero.
Dirección musical: Bernardo Martínez.
Deseño de iluminación: Dani Juncal.

 

Auditorio Municipal de Vigo. 11 de decembro de 2020.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Auditorio Municipal de Vigo

Vinte e case non dou creto (parte I)

Fernando Epelde selic

Fernando Epelde acada un premio SELIC por ‘Partida salvada’