Vinte e case non dou creto (parte II)

Balance parcial do ano 20

| Afonso Becerra de Becerreá |
| Fotografía: Alberte Bello |

 

Afonso Becerra, director da Revista Galega de Teatro | erregueté, continúa o seu repaso ás artes escénicas en Galicia neste ano 2020 que estamos a piques de despedir.
Le a primeira parte.

 

O 2020 tamén vai ser un ano no que se consolida o peso das artes escénicas galegas fóra de Galiza. Na danza, Mercedes máis eu de Janet Novás e Mercedes Peón conquistou moitos palcos estatais. O mesmo aconteceu, en teatro, co fenómeno Fariña, de Ainé Producións, dirixido por Tito Asorey, triunfando nos escenarios públicos e privados de Madrid. Matarile Teatro, despois do éxito da triloxía no Festival de Otoño de Madrid en 2019, continuou a xira en 2020 do seu espectáculo de gran formato DAIMON y la jodida lógica e coa estrea de El diablo en la playa. O Grupo Chévere fai xira estatal en 2020 con Curva España. Marta Pazos e a Cía. Voadora continúan asinando producións no Centro Dramático Nacional de Madrid (CDN) como Siglo mío, bestia mía.

Tamén no CDN de Madrid Esther F. Carrodeguas, da Cía. ButacaZero e pertencente ao Consello de Redacción da erregueté, foi seleccionada para participar no seu programa de residencias dramáticas. Este 2020, sen dúbida, foi un ano excepcional para Carrodeguas, ademais da súa participación nas residencias do CDN, gañou o XIV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques; a súa peza Voaxa e Carmín foi escollida pola directora do Teatro Español de Madrid, Natalia Menéndez, para estreala nese teatro, en castelán; xa fora seleccionada tamén nas residencias dramatúrxicas do CDG da pasada temporada con Fantasía Nº 5 en sol ou non para o espectáculo Neorretranca e Posmorriña dirixido por Gena Baamonde; foi autora de Feminíssimas, e tamén formou parte do elenco, para a Cía. De Ste Xeito, e publicou pezas en varios libros propios e colectivos.
Outro membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro, Ernesto Is, coordinador, ademais, da edición dixital da erregueté, foi seleccionado no programa Nuevas Dramaturgias de Euskadi, coordinado polos principais teatros públicos dese país, coa súa peza Canciones amarillas para flores tristes.

2020 tamén foi o ano no que a Revista Galega de Teatro | erregueté chegou ao seu número 100, un exemplar dobre que lle toma o pulso á actualidade e que fai balance das últimas décadas, a través das páxinas publicadas desde o 1983.

O cambio da Xunta Directiva da A. C. Entre Bambalinas, editora da revista, e da dirección da erregueté, así como a renovación do Consello de Redacción, marca a vontade dunha nova etapa, con seccións regulares sobre artes circenses; teatro de figuras animadas, títeres e obxectos; artes do movemento e danza, que se suman ás anteriores. O compromiso de publicar dous números anuais e de seguir sendo un referente na edición de textos teatrais, coa publicación de catro pezas anuais, dúas en cada número da revista. Outro compromiso importante é o do mantemento e potenciación da edición dixital, de tal maneira que o sitio web www.erreguete.gal siga a ser un referente para as artes escénicas (información, divulgación, crítica, opinión, entrevistas, etc.) do país. Temos unha equipa na coordinación do sitio web que, desde comezos de novembro, está a facer un traballo impresionante.

Quero insistir en que ninguén está a cobrar por ese traballo e iso non o digo como algo do que me gabe, sinxelamente o subliño para que se saiba que o que estamos a facer é un servizo público, para manter un espazo necesario para as artes escénicas. Un labor altruísta, realizado por conciencia e militancia cun sector moi vulnerable e precarizado que, non obstante, necesita un espazo común que tente preservar a súa memoria, que tente difundir e divulgar os seus proxectos, eventos, reivindicacións e espectáculos. Esta revista non é dos que poñemos o noso traballo altruísta ao seu servizo, senón de todas as persoas de boa vontade que gustan das artes escénicas, por iso vos pedimos axuda, na medida das vosas posibilidades.

No aninovo 2012 a miña amiga Mª Xosé Queizán regaloume La conquista de la felicidad do filósofo e matemático Bertrand Russell. O libro ficou arrombado tras outros, sobre todo de artes escénicas, e agora, remexendo na biblioteca apareceu e púxenme a lelo. Rematar este 2020 lendo La conquista de la felicidad semella feito adrede. Non podo dicir que sexa infeliz, pero é certo que este ano 20 foi especialmente difícil. A folga do alumnado da ESAD de Galiza por causa de abusos machistas por parte dalgúns profesores, afectoume. O confinamento, afectoume. As aulas telemáticas e intentar traballar a distancia, con todas as limitacións comunicativas e expresivas que iso implica, sobre todo cando necesitas implicarte ao máximo no que fas, afectoume. A distancia sanitaria, o uso de máscara que tapa medio rostro, para dar aulas, para relacionarnos coas amizades e incluso coa familia, afectoume. O plus de traballo burocrático que a situación pandémica nos carreou, non só para estar ao día das normas e protocolos, senón tamén para imaxinar o plan B e o plan C nunha escola superior de arte dramática, na que a maioría das disciplinas son de carácter práctico e colaborativo, afectoume. Os peches perimetrais das cidades e as fronteiras, impedindo a libre mobilidade para ir ver espectáculos ou para gozar da natureza e doutras paisaxes, afectoume. A imposibilidade de quedar con xente cando un o necesita ou de saír a cear ou a tomar un viño, afectoume.

Non obstante, Bertrand Russell escribe: “O hábito de mirar o futuro e pensar que todo o sentido do presente está no que virá despois é un hábito pernicioso. O conxunto non pode ter valor a menos que teñan valor as partes. A vida non se debe concibir como analoxía dun melodrama no que o heroe e a heroína sofren incribles desgrazas que se compensan cun final feliz”.

Así que non cifremos todo o noso contento no que virá e intentemos que o hoxe sexa o mellor. O 21 ha ser mellor co 20? Iso esperamos. No entanto, en vez de esperar, se cadra o que cómpre é pórmonos mans á obra. Na Revista Galega de Teatro | erregueté xa comezamos!

 

Vinte, vinte! Non sei se te vin ou se te sentín!

Ver para crer! Quen nos ía dicir, hai un ano, que o 20 ía ser o que foi!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como ARTEZBLAI, Primer Acto, Danza en escena, Tempos Novos. Desde setembro de 2019 é colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa ZIGZAG da TVG.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

Comprar Erregueté | Revista Galega de Teatro

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Recibe a túa na casa

Por 20 euros ao ano recibirás con artigos, reportaxes, textos teatrais...