in

Esta revista non é miña

Portada Erregueté número 100
| Afonso Becerra de Becerreá |
| Deseño da capa: Antón Pulido Novoa |

 

Esta revista non é miña, é nosa. De todas as persoas que gostan das artes escénicas. Comeza unha nova etapa para unha revista que xa podemos considerar histórica no noso contexto cultural. Trinta e sete anos e 100 números non é unha broma, é unha mostra de resistencia e, sobre todo, de amor.

A danza, as artes circenses, o teatro de títeres e obxectos, a ópera, a performance, o teatro de texto, o teatro físico, o teatro musical, as teatralidades posdramáticas e toda esa infinda conxuganción das artes vivas, precisa un espazo no que fiquen rastros dos procesos e da experiencia compartida. A natureza efémera das artes escénicas clama por ese espazo de memoria, de reflexión, de produción de pensamento ao seu redor. Pero é imprescindible que se trate dun espazo aberto, plural e comunitario.

Tócame dirixir a Revista Galega de Teatro | erregueté xunto a Ana Abad de Larriva, a subdirectora, pero nólos dous non somos a erregueté, só imos intentar darlle unha dirección, un sentido. A erregueté tampouco é a equipa que coordina a súa edición dixital, formada por Ernesto Is, Javier Lojo, Iván Fernández e a propia Ana Abad, nin as persoas do Consello de Redacción e o Consello Editorial. A erregueté temos que ser, ou mellor dito, estar todas as persoas que gostamos das artes escénicas, os teatros públicos, as salas de teatro independentes, as compañías, as empresas de produción e distribución, as institucións públicas con competencias en materia de cultura, desde a AGADIC e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, até os Servizos ou Departamentos de Cultura das Deputacións Provinciais, pasando polas Concellarías de Cultura e incluso polos centros de educación e as universidades. Trátase dunha revista de artes escénicas, na súa edición dixital www.erreguete.gal e na súa edición en papel, con dous números anuais, un por cada semestre, que van incluír dúas pezas de teatro en cada número.

Queremos reforzar o espazo de pensamento, reflexión e difusión sobre algunhas modalidades escénicas minorizadas na nosa contorna, como é o caso da danza contemporánea e das artes circenses, os títeres e o teatro de figuras, tamén o do teatro contemporáneo fincado no amplo espectro das dramaturxias posdramáticas.


Publicidade

Na actualidade estamos nun momento de transición logo do annus horribilis 2020. A nova equipa directiva encontrámonos a revista nunha situación bastante delicada, a nivel de xestión, coa meirande parte das subscricións dos anos 2019 e 2020 sen cobrar, aínda que os exemplares da revista, correspondentes a estes dous anos, xa foron enviados. Por iso vos pedimos axuda e comprensión para irmos arranxando a situación actual. É importante resaltar que a erregueté vén a ser como unha organización filantrópica, na que ninguén cobra. Por tanto, estamos ofrecendo o noso tempo libre para que este proxecto siga adiante e para que as artes escénicas sigan a ter o seu espazo de referencia.

A erregueté leva uns anos na corda frouxa, sobrevivindo con recursos escasos, por iso fago un chamamento directo aos teatros públicos dos Concellos de Galiza e do norte de Portugal, para que nos axuden a seguir sendo o medio de referencia, coa inclusión de publicidade das súas programacións. Fago un chamamento directo á AGADIC e ás súas unidades de producción, CDG e CCG, para establecer un convenio coa erregueté que a dote dos recursos necesarios para non seguir estando na corda frouxa; ao fin e ao cabo, entre os obxectivos da AGADIC está o fomento e a divulgación das artes escénicas e esa é a función que está a desenvolver a erregueté. Agora mesmo, de feito, esta é a única revista de artes escénicas de Galiza. Do mesmo xeito fago un chamamento directo aos Servizos de Cultura das catro Deputacións Provinciais e ás compañías e outras empresas do sector: apoiar a Revista Galega de Teatro equivale a robustecer, ampliar e prestixiar o noso sector e, por extensión, o da cultura. Por iso todas as persoas interesadas na cultura estades convidadas non só a subscribirvos gratuitamente ao boletín dixital, senón tamén á edición en papel, que só custa 20 € anuais.

Pois iso, velaquí tedes a nosa revista, túa e miña, a de todes.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Diablo en la playa | Matarile

El diablo en la playa

Siglo mío, bestia mía | CDN e Voadora

Siglo mío, bestia mía