in

Curva España

CurvaEspaña |

Thriller documental

| Manuel Xestoso |
| Foto: Rosinha Rojo |

 

“España facía o que lle dicía a empresa”. A frase, dunha grande actualidade, ten moitas lecturas. E diso se trata, de ofrecer varias lecturas a través das cales deamos con algo parecido a iso que chamamos “a verdade”. O xénero policial como método de atopar unha verdade non está moi lonxe de certo documentalismo, e Curva España explora ese territorio de intersección entre o thriller e o teatro documento para construír un relato que ofrece algunhas verdades, algunhas ficcións e moito material para desenmascarar certezas erixidas dende a manipulación.

O certo é que a verdade adoita ser un constructo que só se establece como tal verdade se resulta operativa. O que ocorre é que non é o mesmo unha verdade instaurada dende a lenda creada por un pobo para explicarse a si mesmo que a verdade imposta polos medios de comunicación e os libros de historia a través do falseamento dos feitos: a operatividade non serve aos mesmos intereses.

Chévere parte dos libros de historia para demostrar que as nacións se construíron coma os ferrocarrís (xa o sabía Curros, que saudaba a chegada do tren como “río dos grandes destinos”) e chega até un futuro –que sabe moito a presente– no que “a batalla polo relato”, tan de moda, pode conducir ao encarceramento de quen discrepa. Os intereses, neste caso, son moi parecidos, e a compañía salpementa con algo de autoficción e algo da súa historia recente para lembrarnos que, ás veces, os administradores da verdade son máis temibles que a mentira.

Peter Weiss establecía tres categorías cando falaba daquilo que o teatro documento combatía: o encubrimento, o falseamento da verdade e a mentira. Curva España pasea polas tres para se interrogar sobre as consecuencias de non saber que unha determinada empresa do pasado cotiza no IBEX do presente, sobre o porqué da desaparición de determinados personaxes históricos, ou sobre a sospeita de que o español é un nacionalismo sen nación. A pirueta consiste en saltar dende as fake news ás fake oldies para descubrir novas formas de ollar sobre a memoria colectiva.

Poderiamos dicir que Chévere traballa na confluencia de dous planos, o teatral e cinematográfico. Pero é unha verdade a medias, porque todo o que pasa hoxe polas pantallas tende a adquirir un protagonismo esaxerado: paradoxalmente, canto máis planas son, máis relevo acada o que sucede nelas. O que salienta a compañía con esa confrontación de medios é a prontitude con que a mentira se instala a través desas pantallas: mediante unha montaxe que salta de detalle en detalle, mostra as contradicións e desvela un conflito que adoita quedar fóra de campo. Concedéndolle protagonismo ao audiovisual reivindica o teatro como lugar de verdade e, de paso, lembra que banalizar a mentira supón menoscabar a democracia: con razón dicía o crítico Richard Rorty que o valor da democracia é superior ao da verdade.


Publicidade

Nese labirinto de espellos no que os reflexos nunca son fiables, Chévere xoga con honestidade e humildade, deixándolle ao público o papel do detective que establece como sucederon os feitos. Non xoga coa sorpresa dos resultados, senón que mostra os procesos que conduciron a eles. Coma un bo protagonista de novela negra, fíxase máis no móbil ca no asasinato en si mesmo. De feito, o enxeñeiro España podería chamarse MacGuffin, e a historia non cambiaría demasiado. Nin a Historia, que é do que realmente fala Curva España.

 

Curva España, de Chévere

Dirección: Xron
Elenco: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez, Leticia T. Blanco
Espazo escénico: Chévere
Iluminación: Fidel Vázquez
Espazo audiovisual: Lucía Estévez, Leticia T. Blanco
Son: Xacobe Martínez Antelo
Gráfica: Óscar Villán
Vestiario: Renata Uzal
Produción: Inés Portela

Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia. Auditorio Rubén García do Castelo. 25 de xullo de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EFIMER |

O festival Itineranta cumpre unha década

MorrisLeituga |

Antonio Durán ‘Morris’ recibe o Premio Rebulir na categoría de Artes Escénicas