in

Comeza unha nova edición do festival Isto Ferve

ABRAZO720ppp©JuanCarlosToledo 2 1024x683 1 |
Foto de Juan Carlos Toledo

O Teatro Ensalle acolle pezas de Provisional Danza, Elena Córdoba, Cambaleo Teatro, Celeste González e Colectivo Glovo.

 

Esta fin de semana arrinca unha nova edición do festival Isto Ferve no Teatro Ensalle, en Vigo. Faino con El abrazo, de Provisional Danza, con Carmen Werner e Leyson Ponce, en tres pases: un hoxe, outro mañá e outro pasado, ás 20.00 horas. Esta peza, que tivo como motor querer e poder abrazarse, cobra quizais aínda máis forza nas circunstancias actuais de distanciamento social. Ía presentarse no Teatro Ensalle a fin de semana do 13 de marzo do ano pasado e tivera que ser adiada debido á situación sanitaria; por fin,  pode presentarse agora.

Publicidade

A seguinte peza será El nacimiento de la bailarina vieja, de Elena Córdoba, a fin de semana do 26 ao 28 de febreiro. Así como a figura da bailarina representa todo o que pode facer o corpo en pleno uso das súas facultades, na peza reflíctese arredor de que modelo pode ofrecer unha bailarina cun corpo cuxa capacidade de dominio é cada vez máis limitada.  E para iso, imaxínase unha criatura ficticia e paradoxal: a bailarina vella.

E, por último, amosarase Cadena de Montaje, que tamén tivo que ser aprazada a causa das restricións e que ten xa novas datas: o luns 29, o martes 30 e o mércores 31 de marzo. Esta peza de Cambaleo Teatro, que parte dun texto da dramaturga canadense Suzanne Lebeau, conta coa dirección de Carlos Sarrió e con Eva Blanco, Begoña Crespo e Carmen Werner en escena. O espectáculo é un proxecto de reflexión e denuncia dos asasinatos de mulleres en Ciudad Juárez (México), tomando eses eventos como punta de lanza para abordar aquilo que acontece en todo o planeta coas mulleres na sociedade patriarcal.

CADENA DE MONTAJE FOTO DAVID RUIZ 08240 |
Fotografía de David Ruiz

Isto Ferve é o festival decano de Teatro Ensalle. Naceu en 2005 e esta é xa a súa décimo sétima edición. Este festival de teatro e danza adoita mesturar na súa programación compañías veteranas e novas, tanto nacionais como internacionais, mais sempre cunha linguaxe innovadora, e busca que a expectativa do público ferva ante a incerteza, de aí o seu nome.

Ademais das pezas que conforman o festival, a próxima programación do teatro tamén inclúe outras propostas. A fin de semana do 12 de marzo presentarase Ningún hombre me llevará a la cumbre, unha peza en solitario de Celeste González creada en 2019 e estreada no Teatro Circo de Murcia para o II Congreso Internacional de ArteS y DiverSidad, que ese ano versaba sobre: “Identidad, Tránsito, Territorio y Violencias”.

'Ningún hombre me llevará a la cumbre' de Celeste González.
'Ningún hombre me llevará a la cumbre' de Celeste González.

E a fin de semana do 26 de marzo estará na sala EM·NA, do Colectivo Glovo. A peza, con Esther Latorre e Hugo Pereira, baséase na idea de vibración como elemento manipulador e constitúe unha investigación sobre a “acústica subcutánea” a través da vibración e do silencio resultante no corpo do outro.

EMNA colectivo glovo
'EM·NA', de Colectivo Glovo. Fotografía de Xaquín Silva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rafael Dieste

Convocado o XX Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais

Pura Os Náufragos Teatro

O teatro volve ao Rosalía de Castro coa estrea de ‘Pura’