Está demostrado pola ciencia que o ser humano se rexe polas emocións nunha porcentaxe maior que pola razón. Se no común dos mortais isto é a regra, no caso do sector teatral atreveríame a dicir que aínda o é máis.
As filias e as fobias condiciónannos alén do racional. Polo xeral, cada artista e cada compañía ten a súa corte de “amiguis” ou de “grupis” que, movidos pola emoción, nunca faltan nas estreas e na aclamación. Despois, no resto das funcións, a cousa ao mellor decae un pouco. Estou a falar en xeral, sempre hai excepcións, claro está. E estou a facer amigos, como se adoita dicir. Sorte que as amizades verdadeiras xa sabes que son poucas e, no meu caso, a ser posible, sempre as procuro fóra do gremio, aínda que só sexa por osixenación.
Os grupis son como la claque ou os palmeiros, para eles todo é marabilloso se se trata dos seus. O do resto non mola tanto, claro.
Unha vez encontreime cunha colega que só a vexo nos espectáculos da súa amiga X, que tamén é algo colega miña, e espeteille: Mimá! Canto tempo sen verte! Menos mal que actúa X porque se non sería imposible atoparte nun teatro. E pareceulle fatal! E con razón! Nunca digas o que penses e menos aínda nestes termos. Sé discreta/o. Todes queremos ser clase media acomodada, o que en tempos de Brecht, e non só, chamaban burguesía, e xa sabes que a discreción e o decoro son norma de etiqueta.
Logo, por suposto, están os “grupis” de si mesmos, ou sexa, aqueles creadores que só lles gusta o que eles fan e o resto non lles interesa ou mírano de xeito condescendente. Isto xa se ve incluso desde a escola, con algúns alumnos, por sorte son moi poucos, que só veñen a que lles certifiques o ben que o fan, porque eles xa naceron artistas e canto menos lle dean a lata os profesores, mellor. Estes poucos alumnos, se os detectas a tempo, son os que menos traballo che dan. Léase isto en modo irónico. Ti déixaslles facer e que saian igual ca entraron, que xa son adultos e hai outros que, no entanto, si que queren aprender e enriquecerse co que a escola lles poida achegar.
Logo están os “ofendiditos”, por cuestións de linguaxe inclusiva debería escribir tamén “ofendiditas”, igual que debería ter feito no parágrafo anterior, pero sopesándoo desde a idea da “discriminación positiva” e do meu feminismo, neste caso vouno deixar en masculino. E vouno deixar tamén co diminutivo castelán “itos”, para facer como aquela amiga galegofalante que cando xura e di “palavrões” faino sempre en castelán.
Os “ofendiditos” son seres de pel fina que se rexen aínda máis, se cabe, polas emocións. Tamén son herdeiros daquel vello valor da honra, como nas pezas do Século de Ouro español. Cómpre ter moito coidado co que digas porque pode ser que, sen querelo, lles firas a honra e iso nunca cho van perdoar (á honra chámanlle sensibilidade). A emoción do rancor e do despeito van ficar ben custodiadas e xustificadas na súa sensible persoa como coartada de ninguneo, como mínimo, ou de ataque como restitución da honra danada. E tanto ten que a ocasión poida merecer a súa atención. Eles gardan a súa ferida como un tesouro e só van ceder se hai algún beneficio polo medio, para eles ou para os seus “grupis” máis achegados.
Un colega da revista comentábanos que, segundo a súa experiencia, a xente adoita apoiar a quen ve como vítima e, potencialmente, nada perigosa para os seus intereses. Se cadra é por iso polo que tamén hai quen emprega a estratexia do vitimismo, para recadar máis apoio ou vencer a garda dos posibles competidores.
Así, entre “grupis” e “ofendiditos” anda o xogo moitas veces. Porén, nin o teatro é teatro nin a danza é danza sen a conexión con espectadoras e espectadores, alén do gremio e das achegadas e achegados. E, por outra banda, se cadra tampouco estaría mal poñer a arte por diante das filias e as fobias e por diante das comenencias, malia á precariedade e á frustración que o contexto e/ou as propias capacidades e competencias poden acabar por xerar.
Hai quen pensa que son os escenarios a tribuna que pode exercer un ensino ou estimular o coñecemento e a conciencia nas plateas, no público. Na miña opinión non é así e incluso até podería ser ao revés.
Teremos que volver ler O paradoxo do comediante de Diderot e (re)situar a emoción no seu lugar xusto, sen que embace o valor da ecuanimidade nin impida a distancia saudábel do humor.