in

David Vázquez: “O teatro afeccionado baséase, sobre todo, no intercambio de experiencias”

FETEAGAL David Vázquez
Foto cedida

O pasado día 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, presentábase no Liceo de Ourense a nova Federación Teatral Afeccionada de Galicia (FETEAGAL), que reúne aos grupos Noite Bohemia, Coles Teatro, Delatoute Producións, Dos Martín Teatro, Metátese Teatro, Morea Show, Oreteiro, Solo Teatro e The-Sastre.

A erregueté | Revista Galega de Teatro quixo entrevistalos para coñecer os seus obexectivos e a nova estratexia asociativa destes veteranos grupos que dinamizan o teatro nas súas comarcas ou cidades e en moitos casos alentan con xente nova a creación ou a formación escénica.

Con FETEAGAL xa son tres as federacións de teatro afeccionado en Galicia neste momento. Unha nova asociación de teatro afeccionado galego, por que? 

FETEAGAL nace co motivo de unir a todos os grupos de teatro amador da nosa comunidade e darlle un espazo de debate, onde poidan mostrar as súas ideas, proxectos ou as súas creacións; que serán publicitadas dende a propia Federación.

Tamén cremos firmemente na igualdade de oportunidades. É inadmisible que só uns poucos socios se beneficien dos ciclos, festivais, mostras, etc. que organice a Federación. Por iso creamos un espazo onde todos teñamos cabida, sen favoritismos, sen amiguismos ou caciquismo.

Somos fortes defensores da transparencia, do diálogo e da comunicación. Por iso tomaremos todas as decisións en consonancia co que opinen e voten todos os socios, non deixando a ningún de lado, pois todos serán escoitados e terán o seu espazo na toma de decisións.

FETEAGAL está integrada en Escenamateur, Confederación de Teatro Amateur, que nos permite mobilidade a nivel nacional e incluso internacional; podendo beneficiarnos dos seus circuítos, mostras, festivais, intercambios, etc. ademais de contar cun seguro de responsabilidade Civil que cubre a todos os grupos asociados desta federación.

Son cousas que ningunha das outras Federacións poden ofrecer, por experiencia, por iso nace FETEAGAL; para que exista unha verdadeira Federación que loite polo teatro amador galego, protexa e axude aos seus socios tratándoos como o que son: unha peza fundamental dun quebracabezas que irá medrando para por ao teatro amador onde verdadeiramente corresponde.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]Dende FETEAGAL faremos todo o que nos sexa posible para que a cultura non pare en ningún recuncho de Galicia e, neste caso, en Ourense[/perfectpullquote]

Presentouse a asociación en Ourense por algún motivo en particular?

Non houbo un motivo especial; simplemente nos pareceu adecuado presentar en sociedade a FETEAGAL onde ten o seu domicilio fiscal. Aínda así baralláronse outras opcións pero por unanimidade dos socios escolleuse finalmente Ourense.

Como valoran a situación teatral na cidade ourensá coa actual situación política?


Publicidade

Que imos dicir que non se dixera xa… É moi complicada… Somos da opinión de que a cultura non se pode parar deste xeito, pero moito menos se é unha cidade como Ourense: berce de grandes grupos e compañías de teatro, de actores e de actrices, produtores, etc. Ourense é cultura.

É certo que a situación actual non é nada doada, e moito menos para os grupos afeccionados que non contamos con grandes medios; pero non nos parece unha boa idea a de privatizar o auditorio, o tema estrela nos últimos tempos. É unha medida que non revitalizará a actividade cultural, senón ao contrario.

Dende FETEAGAL faremos todo o que nos sexa posible para que a cultura non pare en ningún recuncho de Galicia e, neste caso, en Ourense.

De momento non hai ningún grupo asociado da provincia de Pontevedra en FETEAGAL. Cal pode ser o motivo?

O único motivo é o azar. Por circunstancias non cadrou que ningún socio fundador fose desta provincia, pero iso non quita que non poida haber socios no futuro. De feito xa son varios os grupos ou compañías que contactaron con nós por diferentes medios e están moi interesados en formar parte de FETEAGAL. A pandemia tamén fai estragos e, moitos grupos dos que temos información dinnos que agora mesmo non poden asociarse porque están completamente parados, pero que en canto isto pase retomaremos as conversacións e estarán encantados de asociarse a nós. Deixemos que o tempo poña todo no seu lugar.

A federación quere poñer en valor a convivencia interxeracional, a inclusión de persoas con enfermidades mentais ou a cultura de base e o tecido veciñal. Tamén a posta en valor do medio, a lingua ou o patrimonio. Como lles gustaría que a federación se relacionase coas administracións ou co tecido profesional para que estes obxectivos cobren toda a forza e sentido ?

Son todos aspectos moi interesantes: a convivencia interxeracional, a inclusión de persoas con enfermidades, a cultura de base e o tecido veciñal. E teño que facer fincapé nisto porque cremos firmemente que se en algo se basea o teatro, e sobre todo o teatro afeccionado, é niso, na inclusión, na convivencia, pero sobre todo no intercambio de experiencias e na aprendizaxe contínua. Todos podemos aprender de todos e que mellor espazo para seguir enriquecéndonos que FETEAGAL, que aposta por estes valores.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]O teatro amador é a fonte que permite que estea regado o campo das artes escénicas[/perfectpullquote]

A relación coas administracións está sendo e vai a ser continúa, sabemos que son tempos difíciles pero imos pouco a pouco encontrando un oco onde pór en valor todos os valores que comentamos anteriormente. O importante é remar todos xuntos, para chegar a bo porto. É certo que sempre se teñen puntos de vista ou pensamentos diferentes, entre nós ou na relacións coas administracións, pero a cuestión é o diálogo. Falando é como nos entendemos.

Co tecido profesional estamos tamén intimamente ligados, por unhas cousas ou por outras temos contacto directo e somos conscientes de que cada un ten o seu espazo e as súas vías de actuación, o que non quita que non poidamos colaborar xuntos en determinados momentos. Como dicía no último programa de YouTube da nosa asociación de “E ti que me contas” a nosa convidada Mariana Carballal: “O teatro amador é a fonte que permite que estea regado o campo das artes escénicas”. Porque é moi difícil atopar a algunha actriz ou actor que non tivera algunha experiencia previa no mundo afeccionado. O teatro amador é o berce, e o xerme de grandes artistas e por iso hai que coidalo, mimalo e potencialo. Para iso tamén está FETEAGAL.

Ás veces acúsase ao teatro afeccionado de ocupar e roubar espazo e recursos á programación profesional. Que lles dirían?

Para nada. Como xa dixemos somos conscientes de que temos o noso espazo, organizamos e realizamos as nosas actividades, pero nunca xamais a nosa intención é roubar espazo ao teatro profesional. Eles viven diso, é o seu sustento económico, nós ao contrario temos os nosos traballos e facemos isto por amor á arte, incluso moitas veces poñendo dos nosos recursos para que algo saia adiante.

Pensamos que esa afirmación é errada. Entendemos perfectamente que o mundo profesional queira o seu espazo e estamos seguros de que podemos convivir as dúas modalidades. Debemos entrar nun espazo de diálogo, de entendernos e non de confrontación, porque entón sairemos todos prexudicados. Cremos firmemente que hai espazo, programación e recursos para os dous.

[perfectpullquote align=”left” bordertop=”false” cite=”” link=”” color=”” class=”” size=””]Se en algo se diferencian as dúas modalidades é que a afeccionada non ten apenas axudas. Non pode ser que a modalidade xermolo de artistas sufra tanto[/perfectpullquote]

Unha das principais conclusións do Informe sobre o teatro afeccionado que levou a cabo o INAEM (Ministerio de Cultura) para o seu Consello Estatal en 2019 foi: “debemos ter amplitude de miras e unha visión moito máis global do que se entende por teatro asociativo non profesional e non só por teatro afeccionado ou amador”. Están de acordo? En que sentido e de que maneira concreta?

Bueno, máis ou menos. O teatro amador e o profesional diferéncianse nunha soa cousa. O teatro afeccionado faise por amor, por paixón; non esperamos lucrarnos con el, por iso somos Asociacións sen ánimo de Lucro. O profesional, si, porque é o sustento de moitas familias que teñen os seus gastos.

Sen embargo en todo o demais non creemos que haxa moitas diferenzas. Dedicámoslle moito tempo a preparar as nosas montaxes, realizamos as nosas vestimentas, buscamos ou facemos a escenografía e todo isto facémolo ao finalizar a nosa xornada laboral. E, moitas veces, ou case sempre, pondo recursos do noso peto para que as cousiñas saian adiante. Porque se en algo se diferencian as dúas modalidades é que a afeccionada non ten apenas axudas, por iso estamos nós tamén aquí, para conseguir recursos e que deixemos de ter que pór os nosos propios. Non pode ser que a modalidade xermolo de artistas sufra tanto.

Que significa e que repercusións pode ter para o teatro afeccionado galego que FETEAGAL forme parte da confederación Escenamateur?

A resposta é bastante sinxela. É algo que ningunha outra federación de Galicia pode dicir, xa que somos os únicos que estamos dentro da Confederación Escenamateur. Isto  aporta unha barbaridade de beneficios, entre os que podemos salientar a participación en mostras nacionais, festivais, certames, circuítos, intercambios… E incluso a nivel internacional. Pero tamén en grandes programas de formación, por exemplo hoxe está dando un curso de formación Ignacio Aranguren, completamente gratuíto para os socios. Grandes iniciativas como por exemplo Escenamateur en casa ou boletíns informativos…

Ademais disto contamos cun seguro de responsabilidade civil para todos os asociados, que cubre calquera problema que puidésemos ter durante a representación das nosas funcións, ou tamén con grandes convenios con entidades públicas ou privadas: a UNIR, SGAE, INAEM, Ministerio de Cultura, etc. E a defensa dos intereses no teatro amador dentro da comisión de cultura do Congreso dos Deputados.

Como se pode apreciar, os beneficios son moitos e é por iso que non dubidamos nin un momento en asociarnos, xa que é de grande interese para todos os socios.

logo feteagal blanco |

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ofendiditos

Entre grupis e ofendiditos

Escena Galega Xornadas

Convocadas as axudas da AGADIC á distribución de espectáculos