A palabra entretemento vive momentos estraños.
Son momentos complicados para evadirse da realidade con elegancia e intelixencia. Co paso do tempo, o entretemento foi sufrindo unha longa e constante caída nos infernos da intelectualidade. Agora está feo entreter. Está mal visto. É de mediocres. De covardes. É, a fin de contas, a saída fácil.
Pois, enerxicamente, protesto.
Entreter non é un programa de televisión. Entreter non é adiviñar unha palabra nun período de tempo limitado. Entreter non é un plató con aspecto de nave alieníxena e público en gradas.
O concepto de entreter merece un pouco de respecto porque nas súa esencia no hai nada malo. Entreter non significa anestesiar.
Vivimos moi na realidade, moi no momento, moi na intensidade do inmediato. Os días están invadidos pola ferocidade do presente simple e do agora. Xa van anos que estamos así, non imos descubrir nada. E hai tempo que os pensadores máis rechamantes do planeta reclaman algo de calma para poder escoitar paxaros no medio dunha gran cidade.
Byung-Chul Han, o gran best-seller da literatura filosófica, leva anos reflexionando sobre o devir da sociedade moderna. Escribe de maneira sinxela e accesible, por iso vende tanto, pero as conclusión ás que chega son, en xeral, bastante tristes.
Vamos, que a realidade ten serios problemas.
Entreter non significa mirar cara ao outro lado, ollo! Parece iso, pero non é así. Entreter significa respirar, relaxar e gozar.
Os discursos escénicos de aspecto progresista (ou outra palabra parecida xa que esta tamén está a sufrir bastante ultimamente) son un problema. Xeralmente porque buscan disfrazar ideas pouco reflexionadas baixo a capa da indignación e o discurso evidente. Tal vez é necesario repensar algunhas cousas.
O teatro debe sentirse libre para poder transmitir sen necesidade de facer grandes discursos, grandes xestos ou berrar sen ton nin son experiencias traumáticas que buscan conmover o espectador forzándoo a empatizar.
A liberdade de imaxinar mundos imposibles é fundamental. Crer e soñar con outras realidades é necesario para unha sociedade mellor que avance na conquista da tolerancia e o futuro.
O presente pode atrapar as mentes na terrorífica idea de “isto é o que hai”. O futuro e o condicional son tempos verbais preciosos que sinalan o camiño cara a un mundo mellor. Porque, para que algo suceda, primeiro debes imaxinalo, pensar “isto poderá ser”.
Eu quero soñar co imposible para que o que teña que vir teña máis posibilidades. E é que intentar entreter non significa banalizar.