in

Comeza en Compostela o Festival Plataforma de artes performativas

Plataforma
Imaxe de Pilar Albarracín

Desde este mércores 26 de maio ao vindeiro sábado 5 de xuño, diferentes espazos da cidade de Compostela acollerán a segunda edición do primeiro festival de artes performativas de Galicia.

O Festival Plataforma regresa á cidade de Compostela na súa segunda edición. Desde o mércores 26 de maio e ata o sábado 5 de xuño, diferentes espazos da cidade coma o Parque de Belvís, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Praza do Obradoiro, o Museo das Peregrinacións, o Teatro Principal, ou a Praza da Quintana, entre outros, acollerán as diversas propostas performativas de artistas galegas, estatais e internacionais. Todas as accións do Festival Plataforma son gratuítas, previa inscrición na súa páxina web

Cunha ampla e variada oferta, Plataforma presenta na súa programación de 2021 accións de Laia Estruch, Colectivo Vacaburra (Gena Baamonde e Andrea Quintana), Masako Hattori, Vasco Araújo, Carme Nogueira, Bárbara Bañuelos, La Ribot, Estevo Creus, a poeta Lara Dopazo Ruibal, Félix Fernández, Colectivo LAG e a estrea de Where is Janet? da bailarina Janet Novás, entre outras.

Ademais, desde o pasado 26 de marzo, o CGAC acolle a exposición Accións peregrinas da artista andaluza Pilar Albarracín. Esta mostra intégrase dentro da programación da segunda edición de Plataforma, que contará coa presenza de Albarracín, unha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa. Accións peregrinas reúne algunhas das súas instalacións paradigmáticas xunto a vídeos, fotografías e documentación, que axudan a revelar a condición política e antropolóxica do seu traballo, así como o carácter lúdico e irónico das súas accións.


Publicidade

Plataforma

Plataforma é un proxecto que quere tender pontes entre as artes visuais e as artes vivas, as artes escénicas, a literatura, a arquitectura e o deseño, convidando a reflexionar sobre o espazo público e integrando servizos e institucións da cidade de Compostela para actuar como motor para o desenvolvemento e a cohesión social.

Plataforma é un festival de cidade, transversal, comprometido co urbanismo e a riqueza patrimonial material e inmaterial de Compostela, coa súa diversidade, coa igualdade, coa ecoloxía, coa tradición e coa innovación cultural.

Plataforma é un festival ideal para este momento de restruturación cultural pola súa transversalidade e a descentralización das súas localizacións, pola súa escala, pola súa programación en espazos singulares, pola posibilidade de seguir con facilidade os protocolos de sostibilidade e de seguridade para a saúde nas accións propostas.

Consulta a programación completa da segunda edición do Festival Plataforma

Calendario Plataforma |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Casas

As casas dos do teatro

CDG Entremés

O CDG e a Companhia de Teatro de Braga estrearán ‘A contenda do río Miño’ en Almagro