O gran clown
A Sala Ártika de Vigo está a celebrar o seu primeiro festival de circo á escena, Artiklown, cunha serie de espectáculos dentro do marco do novo circo e do clown de procedencia nacional coma Only Cucko de Francis J. Quirós, Asacocirco Show de AsacocircO ou Sexo Seguro ¿Seguro? ¡Seguro! de Malala Ricoy, que se encargará de pechar o festival nesta vindeira fin de semana.
Un deses espectáculos, e ademais de procedencia galega, é o Circanelo de Fredi Muíño, co cal nos fixo rir a grandes e pequenos, desfrutando os grandes coma se volvésemos a ser pequenos, e os pequenos ao grande.
Circanelo é un traballo que, se cadra, o público xa coñece, pois levou en 2007 o Premio do Público do Festiclown, que se celebraba entón en Santiago de Compostela e no que coincidiu con nomes coma Leo Bassi, Carles Montoliu ou o Magic Andreu.
Non é esta unha sucesión de nomes ao chou, xa que me serve para enmarcar o nome de Fredi Muíño co de grandes clowns do noso tempo, considerando a súa figura como un referente indubidábel para esta especialidade do eido teatral e circense na nosa terra.
Con Circanelo Muíño achéganos ao gran clown, que fai da súa torpeza a súa tarxeta de presentación, e do seu ánimo por “facelo todo ben” a súa traxicomedia. Así, achéganos unha sucesión de números “clásicos” (as caídas, o engancharse en lugares imprevistos, a maleta que non se move, o xogo dos contrastes e do ridículo, o chapeu que ten vida propia…) pero que non pasan de moda, e axeitadamente pasados polo estilo persoal de Fredi, que ten moito do clown triste do circo, mais bebe tamén da sofisticación cinematográfica dos personaxes creados por Charles Chaplin ou Buster Keaton.
Intercálanse estes números co diálogo co público, algo do que o espectáculo bebe necesariamente como fonte de enerxía e mesmo de creación, xa que unha parte do mesmo nace da interacción cxs espectadorxs e mesmo co espazo escénico onde se desenvolve o show. Sairán así a escena diversxs integrantes do público para participar en varios números a invitación do artista, como a liña desenvolta a través da globoflexia ou a mesma presentación do artista, que fai a través da participación dun/hx integrante do público. Así, Muíño está sempre atento a integrar as diferentes reaccións dxs que estamos sentadxs na butaca (algo imprescindible cando unha gran parte do teu auditorio é a rapazada, tan imprevisíbel como agradecida).
Na figura de Fredi Muíño vemos unha altísima calidade técnica e física, algo co que o artista nos obsequia de xeito especial a través dun número final de acrobacia e do baile romántico co seu chapeu, e no que apreciamos o selo característico do creador, que se sae así un tanto do marco clásico que ata o momento nos tiña ofrecido, envolvéndonos de súpeto nunha atmosfera de maior intimidade, e que prefigura as inquedanzas artísticas do actor (como puidemos ver en Espida, colaboración coa Compañía Io, ou no espectáculo Evolución de N +1).
Artiklown continúa esta derradeira fin de semana de maio co espectáculo Sexo seguro ¿Seguro? ¡Seguro! de Malala Ricoy.