in

#camiños, de ButacaZero, remata a súa viaxe esta fin de semana en Vigo

#camiños
Imaxe de Miramemira

O espectáculo, que leva tres anos en cartel, poderase ver por derradeira vez sobre as táboas do Auditorio Municipal de Vigo esta fin de semana ás 20.30 horas.

#camiños despídese dos escenarios tras tres anos de incansable xira. A peza poderase ver por última vez sobre as táboas os días 28, 29 e 30 de maio, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. As entradas para estas tres últimas funcións pódense adquirir a través de Internet.

#camiños é unha montaxe de ButacaZero, en coproducción co Centro Dramático Galego. Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores da peza, que conta coa propia dramaturga en escena, acompañada de Noelia Blanco, Celina Fernández, Pía Nicoletti e Noa Covelo. A obra aborda o tema da identidade galega desde unha perspectiva millennial, mesturando o teatro físico co bufón, as coreografías co teatro textual e o playback coa pasarela de moda. 


Publicidade

Durante o espectáculo, o público poderá gozar en directo da música d’As Churrascas, que precisamente fan parte da escenificación. O videoclip do seu primeiro hitAdios Ríos Adiós Fontes, que versiona con música electrónica o famoso poema de Rosalía de Castro, xa ten máis de 4000 visitas na canle de YouTube da compañía.

#camiños é unha reflexión, en clave irónica, arredor de cuestións como quen somos os galegos e as galegas do século XXI?, como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nunha aldea global?, ou que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade?

A cita para gozar por derradeira vez do espectáculo de ButacaZero será esta fin de semana, 28, 29 e 30 de maio, no Auditorio Municipal de Vigo.

#camiños

Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en Instagram… Camiños que unen o que fomos e o que desexamos ser.

Ficha artística de #Camiños

Elenco: Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández, Esther F. Carrodeguas e Pía Nicoletti
Espazo escénico: Xavier Castiñeira
Asesoramento escenográfico: Diego Valeiras
Vestiario: ButacaZero e Diego Valeiras
Asesoramento corporal: Alba Blanco
Iluminación: Javi Quintana
Audiovisuais: Fran X. Rodríguez
Imaxes: Miramemira
Dramaturxia: Esther F. Carrodeguas
Dirección: Xavier Castiñeira

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Circanelo

Circanelo

USCénica

Programa completo da segunda edición do USCénica