in

Cando o teatro é inocente

Inocente

Cando o teatro é inocente recupérase algo da súa esencia. Libre de artificios, complexidades narrativas e escénicas, o feito teatral depúrase de maneira natural e a experiencia de asistir a un evento escénico gaña no fermoso.

Hai que distinguir o fermoso e o feo. A filosofía conecta co teatro na consideración capitalista que se lle fai: son cousas inútiles. Por iso a min me encaixan tan ben xuntas. Igual ca poesía.

A beleza é un concepto complexo. Porque está unido coa idea de ben, pero é facilmente pervertible cando a beleza só é estética e non garda nada no seu interior. Por iso penso que o fermoso é unha forza interna e non precisa evidenciarse.

O caso é que hai pouco vivín unha experiencia teatral no rural. Galicia ten concellos, parroquias, zonas, lugares e sitios. Así que calquera recuncho é susceptible de albergar algo escénico nalgún momento. É a maxia desta terra.

A maxia é que, polas circunstancias que sexan, xente que nunca foi ao teatro, se anime a ir. E alí os ves, sentados nas súas cadeiras, respectando as medidas de seguridade, con móbiles apagados e a mirada atenta.


Publicidade

Falo disto porque creo que moitas veces nos esquecemos da xente de a pé e facemos un teatro que non conecta coa nosa realidade. Non estamos en Alemaña, isto non é Berlín, as estéticas, os estilos e as temáticas deben ser outras porque o primeiro é chegar. Se non hai alguén mirando, non existe o teatro. E se ese alguén é sempre o mesmo grupo pechado de persoas, tampouco. O teatro non pode darlle as costas ao seu pobo.

Entón, cando os elementos conectan, hai maxia. O sinxelo é fermoso, pero tamén rebelde. A loita contra as inxustizas está nas pequenas eleccións que nos afastan do inhumano ritmo do capital. O humano é o fundamento esencial das artes, todas, as artes, sen excepción. A base humana é o que debe ser traballado para construír, logo, as grandes narrativas.

Cada vez gozo máis das propostas sinxelas, que escapan do artificioso e potencian as correntes invisibles que nos conectan como seres vivos. Necesitamos esa conexión. Vivir ignorándonos e insultándonos é algo contra o que debemos loitar con esforzo e perseveranza.

O teatro sempre foi o lugar de conexións das culturas e, polo tanto, dos habitantes deses costumes. Por iso somos importantes e marabillosamente inocentes, como a mirada desas persoas que van por primeira vez ver unha peza.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

189952849 3521293184638066 4756601111336675604 n |

Corufest: a consolidación dun festival de Artes Escénicas necesario para a liberdade afectivo-sexual

Festival Atlantica 2021

O Festival Atlántica de narración oral contará con máis de 80 funcións por toda Galicia