in

Billy’s Violence

Billy's Violence
Imaxe de Rosinha Rojo

A orxía do sangue

«Oh, blood, blood, blood!»
Othello, Acto III, Escena 3

Comezou a 37ª Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia (MIT) cun prato internacional de primeira magnitude: Billy’s Violence da Needcompany, compañía creada por Jan Lawers e Grace Ellen Barkey no 1986 e que dende entón estableceron un proxecto multicultural e multinacional, sempre co cuestionamento da linguaxe artística e coa beleza como lugares de referencia para a creación.

Seguindo o seu camiño de deconstrución dos clásicos (L’incoronazione di Poppea, Caligula) Lawers fai en Billy’s Violence un percorrido por dez das traxedias de William Shakespeare, nunha escolma de escenas de violencia que falan tanto da violencia no teatro, como na da época de Shakespeare, como na nosa vivencia contemporánea da mesma.

Serán as mulleres as que nos dean paso ao universo shakesperiano: comezando pola man de Porcia en Xulio César, pasaremos polas escenas de Marina en Pericles, príncipe de Tiro; a Desdémona de Otelo; Cleopatra; unha Julia de Romeo e Xulieta; Lavinia en Tito Andrónico; a Cordelia do Rei Lear; Ofelia do Hamlet; a Gruoch que serviu de inspiración para Lady Macbeth; e finalmente o poético parlamento final de Imoxene en Cimbelino, rei de Bretaña.

Non é casualidade que sexan as mulleres as que abren o paso cara a este mostrario dos horrores, xa que a peza de Lawers está percorrida por un fío de tenrura que se abre cara ao abismo, ao tempo que a violencia coas mulleres e sobre as mulleres é un tema que vertebra o conxunto, sinalando así unha das máis importantes perversións do noso mundo, da nosa historia: o sistema heteropatriarcal.

A relación de Lawers & Cía. co bardo semella de estreita familiaridade. Tanto así que chegan a chamalo “Billy”, como se no seu proceso de deconstrución das diferentes pezas e escenas acadaran un entendemento especial, moi preto. Acontece que a linguaxe da violencia é unha linguaxe que achega, que fai dos individuos rabaño, manda de cans, como tristemente observamos na nosa realidade máis recente. É como compartir un segredo: crea camaradas de liorta. É este un dos resultados da proposta da Needcompany: acadar que o público sexa cómplice, que participe do delito tanto coma xs propixs executorxs, xa que asistimos caladxs. Fascinadxs polo sangue, pola crueza, asentimos.

Penso que Billy’s Violence é unha peza que denuncia a violencia polo mero feito de expoñela sen xuízos, coma quen contempla o martirio dun/hx santx. E a denuncia funciona, sobre todo, por saturación. Ao longo dos máis de 100 minutos da peza, asistimos a unha sucesión de escenas que observan a violencia dende múltiples focos e perspectivas: a violencia das relacións disfuncionais; a do abuso de poder; a da sexualización e mercantilización dos corpos; a dos celos e a envexa; a de quen non entende o amor se non hai maltrato; a violencia da morte, do asasinato, do suicidio; a do insulto e o desprezo; a do poder; a da agresión; a da fame; a do desexo; a da frustración.

Todo este mostrario é sacado dos textos orixinais de Shakespeare e resulta absolutamente actual. Se cadra hai cousas que non cambian co demudar dos tempos e unha delas semella ser a nosa sede de sangue. A violencia chama á violencia.

Así, o público é constantemente violentado, non só polas agresións explícitas, senón tamén pola sucesión de estímulos (sonoros, lumínicos, sensoriais) e a exposición franca e aberta de escenas que se cadra adoitamos entender como íntimas: unha persoa que mexa, outra que se caga, un espido, unha erección, unha parella que se devora a bicos.

A saturación é importante para entender que estamos ante un espectáculo que fala da normalización da violencia. De que somos espectadorxs decotío de escenas semellantes e xa nin nos decatamos do seu terror. Podemos asistir á malleira que unha ducia de rapaces lle dan a outro na rúa e somos quen de sacar o móbil para gravala antes que para impedila. Estamos anestesiadxs, sobre-saturadxs de imaxes de estrema crueza, insensíbeis. Falta o vínculo, a ligazón que nos une como especie, a empatía. Por iso só podemos decatarnos de que é violencia cando estamos en proximidade, en intimidade mesmo, dentro da escena.


Publicidade

O maxistral da montaxe de Lawers é que vai introducindo estas escenas aos poucos e, case sen decatarte, atópaste xa amoladx por unha chea de tusidos que violentan os teus oídos (e máis nos tempos COVID). Case sen decatarte, asistes en directo á prostitución dunha rapaza, que de súpeto se converte en tódalas rapazas. Case sen decatarte, Desdémona está xa morta entre as túas mans, e aínda queres máis. Entón a peza sobe a marcha e entramos na orxía.

Disque unha orxía é unha reunión de persoas que cometen excesos e iso é precisamente o que estamos a ver. Tamén, que é unha das festas dedicadas a Dionisos (en Grecia) ou a Baco (en Roma). Este vínculo meta-teatral cingue a saturación de estímulos co rito. A orxía é de sangue porque este é o material máis prezado polxs deusxs, o último que o ser humano pode ofrecer. Mais a orxía é tamén de teatro e o artificio do rito aparece exposto sen pudor, unha e outra vez, como parte da ofrenda.

Dentro dun espazo de branca pureza, espido de mobiliario agás certos elementos de atrezo, somos convidadxs ao festín polo mestre de cerimonias, un bufón interpretado polo terceiro eixo da Needcompany, o artista Maarten Seghers, quen ademais actúa de DJ e performer sonoro, acompañando as escenas e os seus tránsitos coa súa máxica caixa de resonancias. O resto do elenco, composto por intérpretes de orixe internacional, entra e sae da escena compoñendo un ritmo constante. Ofrecen diversos focos de atención que comentan e enriquecen a escena, a través dun traballo corporal e sonoro imparable, axudando a subir e baixar a tensión dramática. Todo espido: os cambios de vestiario, os trucos, os mortos que se erguen para incorporar outro personaxe, mesmo os subtítulos que acompañan os textos en inglés. O artificio ao descuberto como parte da acción.

Parte deste artificio está tamén no texto. Non podo estar de acordo, neste caso, con López Antuñano cando afirma que, en Jan Lawers, “a reiteración de temas [..] eclipsan [..] a paixón por contar, a coidadosa narratividade escénica e o esmerado traballo dramatúxico”[1]. Deconstruído polo mesmo fillo do director, Victor Afung Lawers fai dos versos de Shakespeare nova poesía, unha dramaturxia onde as palabras (as que importan) aparecen interrompidas (como se custase dicilas) e onde a actualización do drama parte dende o sutil: dende un “mátame máis tarde”, o zarabeteo dunha princesa, a excitación sexual adolescente, o deixarse caer dunha raíña, ou unha pequena torta cargada de desprezo. Unha dramaturxia precisa e imprescindible para esta proposta.

Todo o conxunto está traspasado por un acedo sentido do humor. Coma quen ri da aparatosa caída na rúa dun/hx semellante, a broma aparece no medio do sangue. Se cadra, para alixeirar a tensión do momento. Se cadra, para salientar sarcasmo.

Marcho da peza conmocionado, interpelado, como se o mesmo sangue que inunda o chan antes impoluto me tivese salpicado na cara, lanzándome a pregunta: “E agora que? Que vas facer con toda esta violencia que te rodea?”.

[1] La escena del siglo XXI, José Gabriel López Antuñano. ADE, 2016.

Billy’s Violence, Needcompany 

Texto: Victor Afung Lawers
Dramaturxia: Elke Janssens e Erwin Jans
Música: Maarten Seeghers
Dirección, Escenografía e Vestiario: Jan Lawers
Con: Nao Albet, Grace Ellen Barkey, Gonzalo Cunill, Martha Gardner, Romy Louise Lawers, Juan Navarro, Maarten Seghers e Meron Verbelen
Deseño de iluminación: Ken Hioco
Técnicos e Produción: Marjolein Demey, Ken Hioco e Tijs Michiels
Asistencia de vestiario, atrezo e sobretítulos: Nina Lopez Le Galliard
Unha produción de Needcompany en coprodución co Festival Grec de Barcelona, o Teatre Nacional de Catalunya, Teatro Español e as Naves del Español en Matadero, o Teatro Central de Sevilla, Les Salins – Scène Nationale de Martigues e o Cultuurcentrum Brugge.

Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia, 37ª MIT de Ribadavia. 16 de xullo de 2021.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

entremes CDG1 |

A contenda do río Miño

Premio PLATTA de Teatro Breve

Convocado o III Premio PLATTA de Teatro Breve en portugués