in ,

Felipe Díaz ‘Caxoto’: “O problema é a non aceptación, incluso nos niveis máis sutís”

Caxoto
Fotografía de Iván Fernández

Atopámonos con Felipe Díaz (Cervo, 1978), Caxoto, durante a 37ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, onde presentou dous espectáculos: Contos a pé de rúa e Xeliña fala galego, no que visita a figura de Xela Arias a través da única obra que a autora fixera para o público infantil, Non te amola!

Quixemos falar con Caxoto a propósito do seu espectáculo, Planeta LGTB, centrado na diversidade afectivo-sexual e de xénero, e co que se pretende achegar a naturalidade desta diversidade a grandes e cativxs, a través da narrativa oral, espazo onde ata o de agora non se ten explorado moito este universo.

Como se conta Caxoto a si mesmo?

Pois como quen di, un ninguén. De feito, ten moito que ver coa función que vou ter hoxe, con Xeliña, xa que eu cóntome como un rapaz de aldea, o irmán menor de tres, que naceu nunha aldeíña de vinte e sete casas e cun núcleo familiar moi definido e moi próximo. O que se di un rapaz de aldea, como quen di un ninguén.

E como chegaches aos contos?

Xa nos primeiros anos eu era o pallaso da clase, o que facía as bromas e dicía trapalladas todo o tempo, ao que castigaban, ao que mandaban xunto á directora. Despois fun canalizando o meu “ego escénico”, a través dunha asociación cultural, que hai en Cervo onde tódolos veráns se fai un espectáculo teatral e musical ao redor dunha queimada (que agora é festa de interese turístico), e onde eu estaba moi implicado. Cando foi a hora de estudar unha carreira, escollín Maxisterio, onde seguín moi preto do tema da infancia e entrei en contacto coa editorial Kalandraka, na que se facían cousas moi divertidas e interesantes. Alí ofertaron un curso de narración oral e dende entón tirei por aí.

De onde naceu o Planeta LGTB?

Nace dunha data límite, unha encarga que me fixeron para contar algo ao redor do colectivo LGTB, con cuestións coas que eu traballo dende sempre: educación en valores, saúde, diversidade, igualdade. Cando empecei non había contos ao redor da diversidade afectivo-sexual, nin é un campo que tivera moi coñecido. Ademais, non é un tema como o da igualdade, que si se estuda na facultade, por exemplo. A diversidade afectivo-sexual era un tema moi calado, no que non había apenas referentes ou obras publicadas, contos… Entón, foi como partir moi moi dende cero. Cando dixen que si á proposta non sabía que había ser tan difícil a parte documental. Tamén, porque non tiña idea de como encaralo: eu sempre traballo en valores, pero dun xeito transversal, non como foco. Por exemplo, non conto “igualdade”, pero no meu conto haina. O que intento non é tanto ser pedagóxico, senón lúdico e con iso “prender sementes”, unhas sementes que despois medran por si mesmas se se alimentan e se regan.

Foron moitas horas de documentación, mirar outras persoas que estiveran abordando estes contidos e como o facían, e moitas horas de coche nas que ir pensando en como darlle xeito. Entón, de súpeto, un día din coa solución: non dicir como teñen que pensar ou actuar, senón que fosen as crianzas as que mo dixesen a min.


Publicidade

PLANETA LGTB scaled |
Planeta LGTB. Imaxe de Caxoto Contacontos.

Entón, como é o conto?

Pois eu chego alí, son un tipo gris, que viste de gris, ao que non lle gustan as diferenzas, un alieníxena. Planeta LGTB é un alieníxena que chega á Terra dende un planeta máis evolucionado, máis sofisticado, onde a xente se comunica só a través do pensamento, un lugar onde todxs quereriamos estar. Entón, chego á Terra para compartir os meus coñecementos e que o voso planeta acade así ao punto de evolución do meu, algo co que o público rapidamente conecta. Mais, no meu planeta, vestimos todos de gris porque así non temos que perde-lo tempo a escoller que roupa poñer –algo que xa non lles gusta tanto–; sempre comemos a mesma comida –que tampouco–; onde a emoción é sempre neutra… cada vez que dicía unha cousa, era máis aburrida ca anterior. Entón, elxs mesmxs me van defendendo a diversidade, contestando que o que eu lles propoño é moi aburrido. Por exemplo, co feito de emparellarse. No planeta alieníxena M’aburro emparéllanse dende o nacemento cun electrodoméstico, para así evitar o gústasme/non me gustas, o quéresme/non me queres… algo que o público tamén rexeita, e así entramos na liberdade de poder amar a quen se queira. É o público mesmo o que defende o valor da diversidade. Non entro en maior profundidade, pero creo que é unha pequena semente que é importante plantar. O que si fomento moito é a indagación: que pregunten na casa, que poñan en apuros aos seus pais e que nos fogares se teñan que mollar.

A función está feita para un público a partires dos catro anos, mais tamén asisten adultxs. Como é a recepción en xeral?

Nunca tiven ninguén que se “rebotara”, de entre o público. Como moito, tiven algún neno –sempre foron nenos, non nenas–, que dicía “Iso non pode ser!” ou algo semellante, pero o resto do público faille calar, déixao como unha alma perdida no medio. As nais e os pais entendo que xa veñen sabendo o tipo de contido que é, que se non quixesen abordar este asunto xa non virían, polo que vexo que hai unha aceptación, mais se cadra non unha profundidade. Observo que hai unha certa vontade de avanzar, mais tamén un descoñecemento xeral do asunto.

O problema é a non aceptación, incluso nos niveis máis sutís. Cando falamos de valores multiculturais, por exemplo, hai unha diferenza visual que está moi marcada; a dos sexos, tamén. Pero na diversidade é moito máis difuso, onde as distancias non son tales. A estas idades non hai unha percepción da diversidade afectiva de xeito frontal, pero si que ven como hai familias, por exemplo, que teñen dúas nais ou dous pais. Entón, a realidade acaba por verse no estrutural, na estrutura familiar. De feito, foi unha das cousas que me pediron á hora de montar o conto: falar da diversidade tamén dende a familia, os diferentes modelos que pode haber.

Gustaríache seguir afondando nesta liña?

Si que me gustaría seguir, pero a verdade é que non é unha función que se mova moito. A maior parte das actuacións acontecen polo mes de xuño (o mes do Orgullo) e en espazos que xa traballan estes temas, moi poucas fóra dese tempo ou contexto. Penso que aínda pesan moito os tabús con este tema. Por exemplo, nos concellos máis pequenos non se procura tanto o acento nos valores, como que a función non sexa polémica. Un pouco tamén por min, que tendo a esbardallar, a “bacilar”, pídenme que me controle. Con todo,  agora estou traballando moito de cara ao público adulto, e teño un conto a medio facer, mesturando dúas historias propias, biográficas, e que vai tocar ese asunto. Quero deixar a semente de que, en realidade, ao vivir nunha sociedade homófoba, todxs somos homófobxs, como somos machistas, por exemplo.

LGTB scaled |
Planeta LGTB. Imaxe de Caxoto Contacontos

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Obxectos

Os pequenos obxectos deste mundo

Elvedon

Elvedon