in

Os pequenos obxectos deste mundo

Obxectos

Unha das cousas que máis me fascinou sempre de Hannah Arendt, máis alá de todo o que ela representa para o mundo da filosofía e o pensamento, foi a súa capacidade de, simplemente, pararse a pensar. E digo “pararse” nun sentido literal. É sabido que a ela lle gustaba recostarse e pasar horas e horas mantendo un diálogo silencioso coa súa propia alma. E penso moito na necesidade de pararnos e frear a inercia á que nos someten as forzas perversas do mundo.

Entón, tiven unha idea: quero escribir unha oda aos pequenos obxectos que fan posible que as cousas grandes funcionen. Non quero poñer a mirada no xeral, no grande, no visible; quero poñer os ollos e as palabras sobre as cousiñas que pasamos por alto, pero que, en cambio, sustentan o universo. O teatro está cheo destes anónimos elementos. Encántanme e creo que, no fondo, todos temos algún pequeno obxecto favorito. Ese anaco de mundo que resulta fascinante.

Dende pequeno teño a mira desviada do foco de atención. Para os adultos era un despistado e supoño que podía parecer un pouco frustrante, pero a min paréceme divertido, e involuntariamente rebelde, observar en dirección contraria. Certamente, agora de adulto, xa o tema é menos involuntario pero non todo o rebelde que me gustaría. Todos somos conservadores ata certo punto, aceptémolo. Pero co afán de selo un pouco menos, quero falar e descubrir o mundo dos obxectos pequenos que envolven as artes escénicas.

A realidade non se pode entender unicamente dende o grande. Talvez sexa este un dos maiores problemas do século actual: todo se volveu máis complexo e máis simple ao mesmo tempo. A tendencia de titular dende os grandes focos de atención fixo que a perda de detalles e matices resulte, cada vez, máis triste.

O mundo é un lugar cheo de matices, de sutilezas. Creo firmemente que niso recae a beleza do que nos rodea. A velocidade ensucia e, sobre todo, exclúe. Na velocidade non hai tempo para a reflexión e sempre gaña o simple. E estou canso do simple. Do que non necesita máis que un vídeo de trinta segundos para ser explicado. Do que entra en 280 caracteres, da anécdota de consumir e tirar. Estou canso de todo iso.


Publicidade

A forma que atopei para enfrontarme a ese tsunami “simplón” é parando nas cousas invisibles que nos rodean. Que historia pode haber detrás de cada parafuso? E de cada anaco de cinta? Que cousa fascinante tivo que pasar para que ese sinal acabase sendo necesario?

Hai moitas cousas ocultas debaixo de cada cravo, e quero atopar esas historias, ese mundo. Sacalo e explicalo con tantas palabras que non caiban nun chío ou nun vídeo curto. Seguro que facendo zoom, atoparemos grandes posibilidades nas pequenas cousas.

Parémonos e ollemos ao que nos rodea.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MIT de Ribadavia

Manolo Alcántara, El Espejo Negro e Roi Vidal, premiados no final da 37ª MIT de Ribadavia

Caxoto

Felipe Díaz ‘Caxoto’: “O problema é a non aceptación, incluso nos niveis máis sutís”