in ,

Manolo Alcántara, El Espejo Negro e Roi Vidal, premiados no final da 37ª MIT de Ribadavia

MIT de Ribadavia
Fotografía de Rosinha Rojo

Déjà vu, de Manolo Alcántara e Cris, pequeña valiente, da compañía andaluza El Espejo Negro, Premios do Público da MIT 2021. Roi Vidal Ponte, coa peza Noite Castelá, foi o gañador da primeira edición de DraMITurga.

A 37ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) xa é historia. O festival ourensán completou a totalidade dos aforos e puido celebrarse sen ningunha incidencia desde o 15 de xullo ata o pasado domingo, día 25. Foi esta “unha edición especial, de recuperación internacional e cautela, onde a incerteza e o compromiso estiveron moito máis presentes”, indican desde a organización da MIT. O público, acostumado ás votacións telemáticas, ao desaloxo ordenado do Auditorio do Castelo de Ribadavia por tramos e seguindo os protocolos do Plan de Continxencia do festival ante a COVID-19, valorou a diversidade de espectáculos e a oportunidade de reflexionar sobre eles de novo nos foros da MIT, un formato de mediación plenamente consolidado no festival.

Deste xeito, Déjà vu, de Manolo Alcántara e Cris, pequeña valiente, da compañía andaluza El Espejo Negro, acadaron os Premios do Público da MIT 2021. Os espectáculos Los que hablan, con Malena Alterio e Luis Bermejo, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, quedaron en segundo e terceiro lugar, respectivamente. Co resultado final das votacións, evidénciase a valoración do público pola diversidade de estilos e xéneros, pois prémiase o novo circo, os monicreques, a danza e o teatro textual.


Publicidade

foto 4 |
Déjà vu, Manolo Alcántara. Fotografía de Rosinha Rojo.
foto 5 |
Cris, pequeña valiente, El Espejo Negro. Fotografía de Rosinha Rojo.

O pasado domingo 25 presentáronse os textos resultantes da actividade DraMITurga, organizada pola MIT e DramaturGA, co apoio do Centro Dramático Galego (CDG). Despois de asistir á lectura dramatizada das pezas de Roi Vidal PonteCarlos LabrañaZé Paredes, Mariana FerreiraRicardo Cabaça e Ivo Saraiva e Silva, o público decidiu co seu voto que a gañadora da primeira edición desta iniciativa de posta en valor da escrita dramática galega e portuguesa fora Noite Castelá, de Roi Vidal.

A MIT de Ribadavia “seguirá apostando pola esixencia, a non cancelación de todo canto se poida levar a cabo e imaxinar, a calidade fronte á cantidade e a distinción da coherencia e do risco, o que permite o debate, alenta a crítica e fomenta os valores de respecto e convivencia. Cada vez é máis importante reafirmar os valores comunitarios e a MIT seguirá sendo ese festival popular e reflexivo onde recalar por un tempo prolongado para vivir unha experiencia concentrada de innovación e apertura, fronte aos individualismos e a insolidaridade”, apuntan desde a organización.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

The Mountain

The Mountain

Obxectos

Os pequenos obxectos deste mundo