in

Elvedon

Elvedon
Fotografia de Rosinha Rojo

A vibración interior

«The waves fell; withdrew and fell again,
like the thud of a great beast stamping»

Virginia Woolf, The Waves

Dicía Isadora Duncan que “a miña primeira idea do movemento e da danza veume seguramente do ritmo das ondas” e, de certo, podemos atopar as ondas, o seu movemento circular e constante, na peza que Christos Papadopoulos presentou na pasada 37ª Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia (MIT).

A onda vén e vai, seguindo un ritmo permanente que nos leva á idea do fluír. Este é un dos conceptos que dirixe Elvedon, peza estreada no 2015 e que, por primeira vez, puidemos ver no Estado grazas ao esforzo da organización da MIT de Ribadavia. O fluír lévanos á idea da vida, un movemento no que nos vemos inseridxs dende que nacemos e ata a nosa fin. Semella que non hai moito que facer neste ir e vir continuo, mais que deixarse levar polo mesmo. Pero os seres humanos facemos algo que impide o noso fluír natural coa vida. Pelexamos con el, tentamos dobregalo, controlalo, poñémoslle canles e encoros ao tempo que sentímo-lo degoiro de volver a deixarnos levar polo natural. O ritmo vital pode ser tan poderoso, que non nos deamos conta da necesidade de pausa, de parada, de descanso.

Así o vemos na peza de Papadopoulos. Baseada na repetición constante de movementos, lévanos a un estado hipnótico no que sería ben doado abandonarse todo o tempo. Hai que facer, de feito, un esforzo consciente para non deixarse levar por esas ondas de atracción, e prestar atención á propia evolución do movemento, que vai variando de xeito case imperceptíbel ata ficar nunha nova repetición constante. Esa é a metáfora da vida que nos presenta o director e coreógrafo grego, a través dos corpos de seis magníficxs bailarínxs que forman parte da compañía Leon & the Wolf.

A mestría do seu corpo de baile é indiscutíbel, xa que encaran a repetición persistente e a variación mínima cunha precisión case cirúrxica. Mais non é só na súa técnica de danza onde podemos apreciar un alto grao de sofisticación, senón tamén na parte interpretativa, no xesto: a importancia da cara, da máscara, da expresión ritual, cos ollos ben abertos que fitan non ao baleiro, senón directamente aos ollos dxs espectadorxs coxs que se mesturan, provocando unha marea de emocións na grada. Non é nada casual, obviamente, e o efecto provocado na liña do público que coincide coa mirada dxs bailarínxs é moi diferente do que viven xs espectadorxs das outras filas, que atenden a unha mirada aberta e, para elxs, perdida no horizonte.

Mais as ondas non só veñen e van, senón que tamén baten. O golpe marca o contacto da onda coa terra. E ese o contacto é violento, como tamén é violenta a repetición inalterábel do impacto. A peza comeza cunha lembranza dese bater, cos corpos nun transo de botes seguidos que impregnan ao público, provocando emocións encontradas: os asentos vibran, os cus remexen incómodos. Interesadxs ou non no que vemos, algo nos está a pasar.

O golpe leva impresa a lembranza da morte: o bater é un perigo, porque algo se rompe. Así é cando os corpos caen, nun momento da peza e logo dunha serie de movementos circulares mesmerizantes, logo de ver como xs intérpretes van chegando a un estado de cansazo físico e emocional. A caída é violenta tamén polo inesperado. Mais a vida segue, e os corpos loitan por erguerse e continuar co seu ritmo, que se cadra non é máis ca o ritmo do bater propio: o do sangue, o do corazón.


Publicidade

Outro dos conceptos que vertebran a peza é o da relación, como os seis personaxes d’As ondas de Virginia Woolf (obra na que se inspira Papadopoulos para compoñer a súa peza). Na escena, asistimos a seis perspectivas diferentes da vida e, con todo, simétricas e harmónicas. Os corpos desprázanse no espazo de maneira idéntica, ata que algún imprime unha lixeira variación no seu movemento. Pouco a pouco, os outros corpos contáxianse deste novo movemento, ata que este se expande e inunda todo o escenario. Así xs bailarínxs reflicten a relación humana, que de xeito simpático –máis ca empático– transmite a comunicación da emoción.

É algo que me lembra o inconsciente colectivo jungiano ou o “efecto do centésimo mono”, segundo o cal un novo comportamento como especie (como podería ser unha forma inusitada de abrir un coco) é transmitido ao resto de xeito espontáneo, unha vez a novidade é coñecida por un número suficiente de individuos. É o efecto do contaxio.

Este contaxio actúa tamén dende o espazo sonoro, no que Papadopoulos conta co traballo de Coti K, experto na composición de bandas sonoras tanto para filmes como para teatro, e que ten colaborado con figuras da danza como Dimitris Papaioannou ou Persa Stamatopoulou. Co mesmo Papadopoulos, ademais de Elvedon, colaborou nas pezas IóN, e Exercise 27, onde o coreógrafo segue a explorar a “simple, orgánica evolución do movemento” , que identifica a súa liña artística.

“Se cadra sexa posíbel crer que a beleza se apodere de todo unha vez máis” afirma unha das personaxes d’As ondas. É esta unha sentenza coa que eu podería describir Elvedon e a sensación que me queda no corpo, logo de asistir ao espectáculo. A beleza do movemento, da harmonía e sincronicidade enchen o espazo dun xeito hipnótico tal, que o seu bater se contaxiou a unha gran parte do público, que ficaba botando aínda na Praza Maior de Ribadavia, unha vez rematada a peza.

Se cadra, é posíbel crer que a beleza se apodere de todo, unha vez máis.

Elvedon, Leon & Wolf Dance Company

Concepto e coreografía: Christos Papadopoulos
Intérpretes: Georgios Kotsifakis, Ioanna Paraskevopoulou, Chara Kotsali, Nandi Gogoulou, Sotiria Koutsopetrou e Tasos Nikas
Música: Coti K
Deseño de iluminación: Miltiades Athanasiou
Vídeo e Fotografía: Patroklos Skafidas
Produción: Christos Papadopoulos
Asistente de coreografía: Katerin Spyropoulou

37ª MIT de Ribadavia. Auditorio Rubén García de Ribadavia. 23 de xullo de 2021.

 

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Caxoto

Felipe Díaz ‘Caxoto’: “O problema é a non aceptación, incluso nos niveis máis sutís”

Leira

‘Leira’, de Nova Galega de Danza, finalista en dúas categorías dos Premios Max