Revista Galega de Teatro

Cambia ao modo escuro, máis amable cos teus ollos na noite.

Cambia ao modo claro, máis amable cos teus ollos durante o día.

Revista Galega de Teatro


Publicidade


Publicidade

Identidade de Nee Barros

CRÍTICA LITERARIA

Identidade. A normalidade do non común

de Nee Barros

Editorial Galaxia – Colección Costa Oeste, 2021

Explica Nee Barros no seu vídeo de Youtube «Que é o género? + COBIZA—María Reimóndez» (5 de setembro de 2021), que o concepto do xénero se pode tratar dende dous aspectos: o social e o individual. O acto do nacer marca a nosa vida nun molde que outres se encargan de contornar e puír, di tamén Barros, autore de Identidade – A normalidade do non común, na contraportada do seu libro, publicado pola editorial Galaxia dentro da colección Costa Oeste. É entre estas premisas onde se desenvolve a peza, de temática trans, onde o protagonista, Zé, sopesa se é máis nobre para a alma soportar as frechas e pedradas da áspera fortuna ou armarse contra un mar de adversidades e darlles fin no encontro, como tamén dicía Hamlet.

Avanzando polas primeiras páxinas, o dramatis personae dá unha pista do que está por vir a través da gran cantidade de personaxes que recolle: Identidade vai mostrar que son moitas as persoas ante as que hai (ou non) que saír do armario —amizades, familia, profes, descoñecides, etcétera—. Son constantes os enfrontamentos indesexados que chegan cando unhe determina que chegou o momento para ser visible; é un proceso que esgota, pois cada presentación dun auténtico «eu» vai ser diferente, e rachará coa visión que outres tiñan sobre o que elus pensaban que era «ti». Aínda por riba, as feridas  que máis doen veñen daquelus que máis nos queren.

Como nas obras de William Shakespeare, e autore emprega cinco actos. No primeiro, Barros introduce o mundo que delimita a obra (e tamén a Zé), onde moites levan os ollos tapados, literalmente, cunha cinta negra, recalcando que ninguén ve ó protagonista a pesares de que algunhes teñan certa predisposición; este é un simbolismo que recalca como a responsabilidade de educar en diversidade non recae nos colectivos oprimidos, xa cansos, de cara ós privilexiados, senón que é unha responsabilidade de cada quen facelo, traballando a empatía sen que teñan que pedircha de xeonllos: A cinta só poderá sacala quen estea preparade para ver a realidade. É así como aparecen os primeiros temas da peza: o bullying como unha cara máis da represión do diverso e a LGBTQ+fobia interiorizada en entornos normativos.

Porén, Identidade non é teatro sobre o bullying, senón que é unha presentación dun camiño que toda persoa trans percorre, perseguindo rachar cos moldes impostos, cos demarcados roles nos que incluso as persoas cisxénero (isto é, persoas non-trans) teñen problemas para encaixar, porque é extremadamente complicado ser “a muller perfecta” ou “o home perfecto”. Por outra banda, non hai que esquecer ás persoas non binarias, quen abertamente procuran non estar en ningún dos extremos ou, mellor dito, están fóra deses termos. Por ser unha peza curta, o non-binario non aparece tanto como podería, só se menciona e, aínda que sexa escasa a súa presenza, ó igual que con outros termos, Barros introduce pequenas leccións en diversidade, deixando a responsabilidade a quen lea de continuar a súa formación, como expuxen antes. Edúcase, mais non con base na teoría, senón coa cálida vivencia de alguén que che está a contar a historia da súa vida.


Publicidade

A escena 8 do segundo acto é das máis relevantes porque se expón a citada exposición dos roles/estereotipos de xénero. Zé atópase ante dúas portas, uns baños. Ó entrar no de “cabaleiros” é rexeitade, pídenlle o DNI, chámanlle pervertida, facendo un mal uso consciente sobre os seu pronome (el). Ó entrar no de “mulleres” insístenlle en que “tan home non será se emprega ese baño ó final”, que debería ser máis masculino para que outres lle recoñezan. En ambos casos a sociedade fai unha lectura feminina de Zé, reducíndoo ós seus xenitais, alegando que quen teña cona é unha muller, tal como facía a asociación española «Hazte Oír», e que por tales factos é obrigatorio comportarse dun xeito concreto baixo unhas ideas que, máis que naturais, son ideadas, creadas, impostas. Ó comezo do terceiro acto, na mesma liña, o protagonista afróntase a unha consulta psicolóxica na que se destaca o daniño que é o sistema sanitario ó respecto das persoas trans, pois as sesións habitúan orientarse a que quen non están conformes co seu xénero se amolden ó outro, en lugar de destruír “ambos” (o de home e o de muller) por seren opresivos.

Entre todos os actos acumúlanse escenas extremadamente curtas, cada unha en espazos diferentes con interaccións de diferente tipo, como flash backs. Así, o percorrido (ollo cos spoilers): (1) Zé é incomprendido; (2) dá os primeiros pasos para liberarse das cadeas; (3) aparecen situacións incómodas de rexeitamento e outras de aceptación; (4) a identidade imposta, a finxida, destrúese; (5) Zé chega a ser Zé en todos os espazos da súa vida.

Ó final, por moitas voltas que lle deamos ó asunto, por moitas palabras que lle poñamos, son as accións as que nos salvan das adversidades do camiño, e non temos por que afrontalas en soidade; crear comunidade é o máis importante, e entendernos uns aes outres. Falaba Hamlet da lentitude dos tribunais, a insolencia des empregades, as angustias do amor menosprezado, o desprezo das persoas soberbias… entre outros. Apenado, Hamlet non sabía se debía ser ou non ser. Estamos todes dispostes a encaixar para sobrevivir, a levar esas cargas? Por que aceptar a existencia predeterminada por outres? Por que non ser nós? Identidade chegou ao panorama teatral e ás librerías para expresar sen censura o acto de querer ser. Deixémolo ser.

Ficha do libro

Identidade. A normalidade do non común, Nee Barros

Editorial: ‎ Editorial Galaxia – Colección Costa Oeste, 2021

Tapa branda: ‎ 88 páginas

ISBN-13: ‎978-8491515890

Compartir

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

Back to Top
Ads Blocker Image Powered by Code Help Pro

Ad Blocker Detectado!!!

Parece que capaches a nosa publicidade... Os anuncios da nosa páxina permiten á erregueté manterse activa. Desactiva o Ad Blocker e refresca a páxina para poder desfrutar dos nosos contidos con normalidade.

close

Log In

Forgot password?

Forgot password?

Enter your account data and we will send you a link to reset your password.

Your password reset link appears to be invalid or expired.

Log in

Privacy Policy

To use social login you have to agree with the storage and handling of your data by this website. %privacy_policy%

Add to Collection

No Collections

Here you'll find all collections you've created before.