Onde todo é posíbel
Dentro da intensa programación coa que o Concello de Vigo agasalla a veciñxs da cidade e visitantes polo Nadal, unha das máis interesantes atraccións é a do Circo de Nadal, un espectáculo que recupera o aire de fantasía romántica propia dos circos de toda a vida, cheo de maxia e números de impresionante pericia acrobática.
O Circo de Nadal consegue devolvernos ao sentimento asociado con estas datas, grazas á súa humildade, exenta de excesos luminiscentes. O convite é a entrar nun mundo de soños, e vaia se a xente entra. O Circo de Nadal esgotou os billetes dende que abriu a súa carpa ao público, o pasado 4 de decembro até o 9 de xaneiro.
Así pois, benvidxs ao Circo! (Música de orquestra.)
O espectáculo divídese en dúas quendas, separadas por un descanso, chegando aos 90 minutos de duración. Algo accesíbel para a gran cantidade de pícarxs que acoden ás súas gradas, para quen están pensadas tamén outras distraccións como os flocos de millo ou a venda de souvenirs.
O circo, como corresponde, ten unha pista redonda que lembra a súa orixe cabalar, e será nesta pista onde aconteza a maxia, acompañada, en todo momento, por unha orquestra e unha música moi efectiva, con diferentes aires para cada número. É de agradecer tamén o acompañamento que nos fixo a orquestra durante a entrada e os intermedios, con cancións asociadas ao Nadal en versión de estilo jazz. Tivemos mesmo unha jam session que nos sorprendeu gratamente.
A liña dramatúrxica que fía a sucesión de números está pensada para levarnos ao mundo da fantasía: un ser máxico, unha especie de fada do Nadal, convídanos a escribir unha carta expresando os nosos desexos, xa que a maxia do Nadal é quen de facelos posíbeis. Esta fada, encarnada pola cantante Alexandra Sánchez, acompañará, de cando en vez, a evolución dos números, actuando mesmo como unha estrela xiratoria no número de acrobacia de Illari Delgado, cantando temas coñecidos como All I Want For Christmas Is You, Fly Me To The Moon, etc.
Pola pista pasa a unha serie de seres que habitan este mundo romántico, que nos lembra un tanto xs veciñxs do Barrio Latino da Bohème, a ópera de Puccini de ambientación invernal. Estes personaxes teñen cadanseu desexo por cumprir: a parella de namorados, a rapaza soñadora, o carteiro, o xeadeiro, o pallaso ou un indixente que dorme nun banco pasando frío.
Cada un destes personaxes pasará pola escena para escribir a súa carta máxica mentres desenvolve o seu número circense. Pasaremos, xa que logo, por números de acrobacia diversos, con voos de trapecistas e pericias de forza e equilibrismo, tanto a peso como sobre a corda frouxa ou a bicicleta (un número que lembra, precisamente, os primeiros espectáculos sobre cabalos que deron orixe ao circo), malabares, patíns e, por suposto, o pallaso que, neste caso, andaba algo cabreado porque non lle funcionaba o asunto da carta máxica.
Todos os números están executados por profesionais do virtuosismo circense, verdadeiros atletas de orixes e procedencias diversas, que lle dan ao espectáculo ese aire de “familia mundial” que sempre tivo o circo. Dende Colombia a Rusia, pasando por Venezuela, Canadá e varias das provincias españolas, a troupe convértese nunha comunidade internacional, incluíndo ao malabarista galego Noel Fandiño, quen é o encargado dos imprescindíbeis números de xogo con mazas e pelotas.
Se ben é certo que o espectáculo decorre de xeito áxil e enganchando ao público. Se cadra, atopamos unha certa descompensación entre a primeira e a segunda parte, polo feito de abrir con números tan espectaculares e que xa usan as acrobacias no aire, que volver a pasar por números que utilizan o mesmo recurso (malia a diferenza entre eles e, volvo dicir, a enorme pericia dxs executantes) réstalle un tanto ao crescendo de sorpresa esperable.
Con todo, a rapazada permanece fascinada polo efectismo ilusionista dos números, pensados para engancharnos ata o “non vai máis” co que adoitan rematar as demostracións, onde moitas veces nos sorprendemos aguantando o alento coa tensión.
Finalmente, e para alegría de todxs, cada un dxs participantes acada o seu desexo cumprido e así somos quen de volver a crer na maxia do Nadal, algo que xs cativxs teñen a man, pero que nós, adultxs, se cadra, esquecemos e que está moi ben lembrar de cando en vez.
Tal é a maxia do Circo do Nadal. Volvemos a soñar?
(Música de orquestra.)