in , ,

A gala de SóLODOS en Danza na catedral do Gaiás

Alba Fernández Cotelo. Cía. Exire. Foto Miguel Gendre.0
Alba Fernández Cotelo. Cía. Exire. Foto Miguel Gendre.

No Gaiás todo é grande demais, mire a onde mire doume conta da miña miudeza. Nunca me atopo cómoda en espazos tan grandes, pero o outro día, o sábado 18 de decembro de 2021, decateime de que os prexuízos sempre nos limitan. A pesar dos meus receos contra a Cidade da Cultura, teño que admitir que a grandiosidade do edificio ten moito que ver co pracer que me causou este espectáculo de danza, quizais porque lle outorgaba aos movementos das/os intérpretes unha calidade intanxible, como incorpórea.

O Quinta Gala de SóLODOS en Danza puxo en escena unha escolma de catro actuacións (en realidade eran cinco pero un dos grupos non puido asistir), elixidas entre as pezas gañadoras das cinco edicións celebradas en distintas cidades estatais.

Comezou coa peza Dosis, da compañía catalano-balear Unaiuna. Dúas mozas no escenario executando unha danza cunha forza electrizante, movidas por unha enerxía que tanto as unía como as afastaba, cunha solidez de movementos que te levaban canda elas. A paixón que transmitían podíase ler en termos de amor ou odio, pero estou segura de que non deixou a ninguén indiferente.

Publicidade

A segunda peza, titulada On foi a executada por Alba Fernández Cotelo, da compañía Exire da Coruña. En todo momento hai violencia contida, como se se estivese a defender dalgunha agresión externa e esa situación provoca tensión e certa incomodidade na recepción. Pero a execución está perfectamente calculada, cuns movementos moi precisos, nos que a intérprete fai unha fonda investigación das posibilidades do corpo en movemento. É unha peza impresionante que te remove por dentro.

A terceira proposta foi a de Arnau Pérez, de Cataluña, coa peza titulada Single, co que fai un xogo de palabras ao comezar a danza xirando arredor dun disco de vinilo. A nivel de movemento, mestura calidades das danzas urbanas e a danza contemporánea que lle dá riqueza e contraste ás súas acrobacias, facendo unha intensa utilización do chan. O que resultou máis abraiante foi o uso da súa voz, integrándose coa música do seu corpo, que resoaba no inmenso espazo catedralicio.

A derradeira peza, titulada Vamos, correu a cargo do canario Ángel Garcés. Unha danza inspirada en tics e movementos do tenista Rafael Nadal, que resultou do máis suxestivo, desenvolvendo ritmos repetitivos, que se xeraban a partir deses movementos do tenista e executados cunha precisión extraordinaria. Desfrutamos dunha proposta escénica verdadeiramente orixinal.

Para rematar, como afeccionada á danza contemporánea, querería expresar o desexo de que se programen máis espectáculos desta disciplina escénica porque, ademais das súas virtudes artísticas que son innegables, temos que apreciar a súa versatilidade xa que se adapta perfectamente a calquera espazo tanto interior como ao aire libre.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Ánxela Doval

Ánxela Doval

Profesora de filosofía no ensino público, recentemente xubilada. Graduada na ESAD de Galicia na especialidade de Dirección de Escena.
Como docente empreguei durante moitos anos a dramatización e o teatro como metodoloxía didáctica na aula. E dende sempre estiven mergullada no eido do teatro escolar e amador.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fotografía de Keagan Henman.

O lobby do teatro

Come and Go

Helena Salgueiro estrea unha adaptación da obra ‘Come and Go’, de Samuel Beckett