Hai un fenómeno psicolóxico chamado delirio de relación que consiste en ver conexións entre feitos illados. Este texto é seguramente a máis penosa demostración de que o sufro. Ou de que o desfruto.
O xoves fun ver N.E.V.E.R.M.O.R.E., a montaxe en que Chévere quixo ver conexións entre o verquido de fuel do Prestige do ano 2002 e as súas consecuencias utópico-políticas e a irrupción da COVID-19 no 2020 e as súas consecuencias distópico-pandémicas. Cartel de non hai billetes, aplauso apoteósico, teatro en pé logo do enérxico epílogo, co elenco brindándolle ao respectable un ailaralalá bergantiñán… A sensación era máis de acontecemento nacional-popular que de evento social pequeno-burgués.
A noite anterior, Tanxugueiras actuara na semifinal do Benidorm Fest. O cancelo #tongo foi tendencia durante toda a xornada porque o público, que é o pobo, entendeu que o xurado do concurso fora inxusto ao deixar fóra ás cantareiras galegas da final que lles daría a posibilidade de ir a Eurovisión. A catarse colectiva da obra teatral conecta co empoderamento feminista, lingüístico e musical das pandereteiras. Aquel tempo, como este, debatíase entre o ánimo dylaniano do The times they are a-changin’ e o rancor pondaliano do Non nos entenden, non. Sumádelle os planos frontais, teatrais e poderosos de The tragedy of Macbeth, o filme de Joel Coen baseado na traxedia de Shakespeare e estreado este mes. Unha traxedia en que o poder corrompido recibe o seu merecido por parte do zeitgeist histórico. Delirio de relación.
O branco e negro da fotografía do filme suspende o ilusionismo realista, ese virus plandémico da cinematografía máis antiteatral. A cor do chapapote é esencial no imaxinario popular sobre o Prestige. N.E.V.E.R.M.O.R.E. achega dúas novas metáforas escuras: o corvo do poema de Allan Poe é inminencia da traxedia; a caixa negra que conserva os recordos da época transfórmase na propia caixa negra escénica. O espectáculo baséase na recreación performática de testemuños orais, nunha operación de reciclaxe que aproveita o material sonoro arquivado para exercitar a memoria histórica a través de técnicas propias do teatro documento. Se fose un mapa, N.E.V.E.R.M.O.R.E. sería un mapa político, con nomes de estados, países, provincias e cidades.
Nesta sociedade hipermoderna de usar e tirar, reciclar é un acto máis contestatario que ecolóxico. Joel Coen recicla un texto escrito hai catro séculos para darlle un uso actualizado. A súa posta en escena recicla as tradicións do cine negro, expresionista e de Orson Welles, ensamblándoas para crear un estilo novo. Reciclando o Macbeth recíclase tamén a súa mensaxe, esa advertencia contra os perigos da ambición desmedida do individualismo psicópata da sociedade contemporánea. A artificiosidade do dispositivo debuxa un mapa mental das consecuencias dos nosos actos.
A reciclaxe como acto reinvindicativo. Moitos dos obxectos cos que Chévere fai a artesanía sonora estaban deseñados para un uso diferente. A peza de teatro radiofónico que representa minuto a minuto os inicios do accidente está recuperada da caixa negra da memoria. Vemos pancartas que alguén decidiu conservar co mesmo afán arquivador co que o sustrato tradi que nutre o fenómeno tanxuguéirico vai de recollida polas aldeas, reciclando voces esquecidas. Do orgullo social contra a barbarie ecolóxica e a irresponsabilidade política pasamos á indignación viral contra a barbarie mediática e o centralismo españolista. Non nos entenden, non. Berros escritos e berros berrados. Do hai que botalos ao hai que lles votar.
No filme de Coen as bruxas están representadas por unha única actriz cuxas contorsións xestuais lembran as contorsións vocais de Tanxugueiras, que cantan como se tivesen unha soa aínda que polifónica voz. Coen e Shakespeare animalizan en corvos as tres bruxas porque é a ave dos malos agoiros. Serás Cawdor, serás Rei: avisado quedas e agora ti verás. Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro tamén saen de entre as brétemas para apareceren como tres corvas ben negras, tres bruxas feitas e dereitas. Coa dirección escénica de Laura Iturralde e a coreografía de Fran Sieira, estas bruxas non son as dese encontro casual que encheu de bile negra as almas de Macbeth e Lady Macbeth. Estas son as bruxas das que fala Silvia Federici. As mesmas que esta semana o Parlament catalán indultou nun intento de recoñecer o feminicidio de miles de mulleres acusadas machista e patriarcalmente de bruxería entre os séculos XV e XVIII. As heroínas dos mapas físicos, cheos de microtoponimia e accidentes xeográficos transfronteirizos.
Se o corvo de Poe e Chévere reclama a necesidade de escoitar a quen se debe (“Se o barco está ferido, haino que levar a un porto seguro, pero nunca mar adentro!”) e as bruxas de Shakespeare e Coen funcionan como anticipación dramatúrxica da catástrofe, as pandereteiras bruxas-corvas de Terra profetizan un futuro en que o estado español asumiría a necesidade de expresarse mediante o pluralismo que o compón, seguindo o ronsel marcado por Chévere ao estrear en galego no Centro Dramático Nacional. Enténdennos ou non?
Vinte anos despois, o mesmo pobo que conquistaba o Obradoiro armado de paraugas como se fosen as árbores do bosque de Birnam entrando no castelo de Dunsinane agora ergue as súas pandeiretas para conquistar Madrid, España e Europa. Ao final de cada espectáculo, cantareiras e intérpretes intercambian os seus roles (Actúa ti, actuarei eu) e amosan unha frontalidade fachendosa mentres entoan un canto liberador coas pandeiretas ben agarradas e cos pés chantados no proscenio (ese limiar que une palcos e plateas, ficcións e realidades, platós e salóns, espectáculos e catástrofes, inxustizas e soños) para demostraren que no fandom do teatro xa levamos tempo afirmando que nin nos nosos mapas físicos, nin nos políticos, nin nos mentais existen as fronteiras, ese delirio.