in

A AAAG convoca os XXVI Premios de Teatro María Casares

Premio María Casares
O trofeo dos Premios de Teatro María Casares. Imaxe de LaDiapo

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de convocar os XXVI Premios de Teatro María Casares e o prazo de inscrición está aberto ata o 10 de marzo. Nestas semanas, as compañías de teatro poderán inscribir os seus espectáculos, como tamén os/as profesionais que participan nos mesmos, nos galardóns do teatro galego, que este ano chegan á súa 26ª edición. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor/actriz en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. Ademais, as obras estreadas no último trimestre de 2020 que non concorresen xa aos premios na edición anterior poderán participar nesta convocatoria.

Tras o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo (conformado por preto de 450 persoas da profesión, entre asociados/as da AAAG, finalistas e gañadores/as de anos anteriores, programadores/as da Rede Galega de Teatros e Auditorios, críticos ou xornalistas culturais) escollan a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se dividen os Premios. Unha vez determinadas as candidaturas finalistas, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán os/as gañadores/as, que se darán a coñecer nunha entrega que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña.


Publicidade

Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG coa  colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadisa, entregáronse por vez primeira en 1997, e en total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que homenaxea e celebra tanto a traxectoria artística de persoas que co seu traballo impulsasen a profesionalización do sector, como tamén a institucións que apoiasen o desenvolvemento das artes escénicas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

front view books with glasses |

A Agadic convoca unha nova edición dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde de textos teatrais

Pilar Portela. Nova directora do Centro Coreográfico Galego e coordinadora do Departamento de Música e Danza da Agadic.

Pilar Portela é a nova directora do Centro Coreográfico Galego e coordinadora do departamento de música e danza da Agadic