Escenario: (substantivo masculino) Lugar onde acontece algo.
Cando decidín facer teatro non lembro cantos anos tiña, nin onde foi nin como. Non lembro nada salvo que, nalgún momento e nalgún lugar, esa decisión foi tomada na miña cabeza.
Non quero romantizar este asunto, hai xente que o fai, pero como non consigo lembrar nada sobre esa decisión, non o fago. Tal vez non houbo un momento “clave” e simplemente pasou. E cando fun consciente xa non había marcha atrás porque, niso si, son un pouco romántico.
Daqueles tempos comezando a facer teatro lembro ir tirando barreiras. Sobre todo as persoais, vencer a vergonza, asumir os medos, etc. En definitiva, mirar de fronte a un mundo especial.
Cando asumín que ía ser un teatreiro, fíxeno sen prexuízos, nin clasismos, nin egoísmos. Eu quería facer obras, actuar onde fose e facelo rodeado de xente amable, divertida e boa.
O tempo e as experiencias ensináronme que non sempre se cumpre isto. E que precisamente por iso debemos coidar as cousas boas cando as atopamos.
Pero se algo me gustaba do asunto ese do teatro, era viaxar. Eu de neno o que quería era ter unha profesión que me levase a sitios novos e me fixese coñecer xente. Eu, que era, e son, un tímido, quería aventuras.
Por iso para min percorrer a nosa terra, indo dun lugar a outro para facer representacións é o mellor do mundo. Cargar o coche, ver vacas pasar o día nos campos, descargar, montar, actuar, desmontar, cargar de novo, un bocata e estrada outra vez. E así, canto máis mellor.
O pracer disto é ver paisaxes que non vira antes, sorprenderme coas idiosincrasias de cada lugar e respirar aire fresco. Non hai dúas aldeas iguais, nin dúas cafeterías parecidas.
Cada lugar é importante. E ningún é mellor ca outro. Do instituto da aldea máis pequena ao teatro máis grande. Todo os espectadores importan por igual e merecen o mesmo respecto. Isto é o que aprendín tras horas e horas de traballo. Un axioma ético ao que non penso renunciar. E é fermoso.
A beleza de compartir sen barreiras é do máis fermoso que nos agasalla este oficio. Aprendamos a aprecialo.