in

‘Emigrados’, da Aula de Teatro do Campus de Vigo

'Emigrados'. Aula de Teatro Universitario de Vigo.
'Emigrados'. Aula de Teatro Universitario de Vigo.

O 28 de abril tiven o pracer de asistir á representación de Emigrados, a cargo da Aula de Teatro do Campus de Vigo e dentro da Mostra Internacional de Teatro Universitario, organizada por Teatro de Ningures. A partir de textos de Anxos Sumai, Suso de Toro, Candido Pazó, Sonia Torre e Xosé Manuel Pazos e baixo a dirección das miñas queridas Sonia Rúa e Casilda Alfaro, Emigrados narra esa historia que todo o mundo escoitou algunha vez no seu fogar. Esa historia coa que sempre haberá familias que se identifiquen. Esa historia da Galicia nai, da Galicia orfa e «viúva de vivos e mortos», que escribía Rosalía.

O pobo baixo o embalse, o fillo que queda coa avoa cando os pais emigran, persoas que, como cantou a Vargas, nin son de aquí nin de alá. Quen non coñece ou viviu historias así? Que familia non se viu separada por océanos de tempo e distancias de saudade? En que casa non hai  caixóns cheos de cartas que viñeron por avión ou barco? Onde non hai andoriñas errantes? Emigrados componse de vidas. Como di Rosa, actriz na Aula, «toda unha vida nunha caixa». Nunha maleta tamén. Emigrar é deixar atrás a vida coñecida e comezar outra agardando que sexa mellor. Emigrar é ir lonxe, moi lonxe. A alma queda na terra propia pero o corpo xa non volve, ou polo menos non volve igual.

Tiven a sorte de poder ser integrante desta Aula de Teatro durante os meus primeiros anos de universidade e os valores que nela aprendín son moi importantes para compoñer a persoa que hoxe son. Equipo, familia, esencia. A esencia que viaxa dentro dunha aínda que esta vez estivese sentada en platea e non enriba do escenario.


Publicidade

Saber que esta obra foi estreada hai anos por Teatro de Ningures fai que cada representación con cada elenco sexa distinta e máxica. Cadaquén fai unha vida de cada personaxe, cada peza de atrezzo empregada noutra función distinta ten unha historia. Coma as rosas que eu mesma empreguei noutra produción e que para min expresaban determinados sentimentos, aquí tiñan outro significado representado por outra actriz. Deulle outra vida nova. Dixen antes que Emigrados está composto de vidas. O teatro, tamén.

A miña máis grande noraboa ao elenco, ás directoras e a todas as persoas que participan neste proxecto. Emigradosconta a verdade, a verdade da vida en perpetuo cambio.

Laura Pousada

Laura Pousada

Tradutora, intérprete e profesora. Estudei linguas estranxeiras para comunicarme e ensinar a comunicarse e por esa razón o teatro e a escritura sempre foron dúas constantes na miña vida. A transmisión dende a verdade, dende a catarse e a esencia de ser. Dende o papel e o escenario, que están moi unidos ás aulas. Porque actuar e escribir non son só unha sucesión de palabras bonitas, deben ser dende a emoción. Coma a vida.
Traduzo, interpreto, ensino, actúo e escribo para dar voz ao silencio. Entre outras moitas cousas.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FITEI Pedro Vilela

Volve o FITEI a Viana do Castelo cun espectáculo sobre o xenocidio indíxena no Brasil

Home Anton Coucheiro |

Antón Coucheiro estrea ‘Home, comedia deconstruída’ en Vigo