in

Sobre o teatro nos institutos e a necesidade das artes escénicas

Imaxe dunha representación de ‘Crónicas de Ouro’, de Vicus Teatro.
Imaxe dunha representación de ‘Crónicas de Ouro’, de Vicus Teatro.

Educación: (substantivo feminino) Coñecemento e práctica das boas maneiras de comportarse, dos costumes da sociedade en que se vive ou duns determinados costumes.

O pasado mércores 18 puxemos punto e final a Crónicas de ouro, un espectáculo didáctico que estivemos xirando polos institutos galegos dende o 2019. Logo de tres anos de moita aprendizaxe toca, como debe ser, un pouco de reflexión sobre o vivido ao longo de todos aqueles días de cargas e descargas, quilómetros, Google Maps e cafés ao longo da xeografía galega.

Galicia é grande, moi grande. De verdade, é moito máis do que pode parecer no mapa. Por iso chegar dun lugar a outro non é tan rápido nin sinxelo como debería. Fóra das cidades máis grandes, o mapa vólvese retorcido, labiríntico e lento. Precioso todo, si, pero esgotador.

O curioso é que, ao final, sempre chegas a algún sitio. E en cada sitio, normalmente, hai un centro de ensino onde os rapaces da zona aprenden as cousas útiles que a vida necesita que saiban.

E dentro desas necesidades fundamentais, penso, necesitan un oco as artes escénicas. Poucos son os centros con formación específicas sobre o tema e, polo que sabemos, van ser menos a partires do 2024 cando entre en vigor a nova ordenanza educativa. Que máis que ordenanza, parece unha des-ordenanza.

Cando iniciamos este proxecto pensabamos que facía falta aumentar a presenza do teatro nos institutos. Queriamos que as pezas cobrasen vida e que non quedase o asunto reducido a unha listaxe de autores e obras. Ao fin e ao cabo, o teatro está pensado para ser representado.


Publicidade

Logo deste tempo podo asegurar que todo esforzo por dotar de vida e actividade os nosos centros de ensino será sempre pouco. Agora mesmo, que un instituto non se converta nun cárcere gris de monotonía depende, case exclusivamente, de que determinados docentes teñan unha iniciativa inquebrantable que excede, sempre, as súas obrigas.

Que proxectos como o noso teñan oco no día a día dos institutos é case excepcional. En Galicia hai preto de 700 centros de educación secundaria. Non me atrevo a dicir un número, pero a porcentaxe na que nunca pasa nada é moi alta.

Toda esta desidia tradúcese en adolescentes tristes, aburridos e sen ánimo de nada. E son o futuro. E o futuro do noso país non pode ser así!

Durante o tempo das nosas funcións buscamos transmitir precisamente que a vida, co teatro de por medio, sempre vai a ser máis emocionante.

Non ten sentido un mundo construído de costas aos escenarios. Teño por seguro que o teatro é tan importante como calquera outra materia. As humanidades son imprescindibles. Se non sabemos ser humanos, que sabemos?

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

RODAPRENSA39MOSTRA01 |

A Mostra de Cangas dá a coñecer o programa da súa 39ª edición

maxresdefault 1 |

En tránsito