in ,

En tránsito

maxresdefault 1 |
Imaxe de Javier Naval

O proceso de construírse a unhe mesme

 

O 31 de marzo celébrase o Día da Visibilidade Trans, efeméride na que o activismo LGTBIQ+ aproveitamos para lembrar e reivindicar a realidade das persoas deste colectivo, con frecuencia agochada e relegada á marxinalidade. Unha realidade que é preciso coñecer para evitar prexuízos e discriminación, algo que adoita xurdir dende a ignorancia e o medo ao diferente.

Por sorte, cada vez son máis as persoas trans que teñen visibilidade pública e que coa súa presenza social e política axudan a que outras persoas no mesmo transo teñan un camiño máis doado. No noso país, o activismo de mulleres como Daniela Ferrández, Xácia Ceive ou Sara Covas axúdannos a camiñar cara a un mundo mellor. Máis concretamente, no noso teatro, a presenza da actriz de orixe arxentina Celeste González (presente nas últimaa producións de Matarile) ou de Nico Elsker (membro de Marinita y sus maromas) falan da apertura dos nosos palcos a unha realidade social que é preciso ter en conta.

Con todo, e como podemos comprobar, son aínda ben poucos os nomes sinalados como para poder falar dunha normalización das persoas trans no noso entorno. Son a penas gromos que agardamos xermolen nunha cada vez maior presenza e visibilidade, o único remedio para que cambiemos o adxectivo de “raro” polo de “normal”.

Poucos días antes desta data, puidemos asistir á presentación en Galiza de En tránsito, a primeira peza da compañía madrileña Señora Rojo, que lideran a dramaturga Laura Rubio Galletero e o actor Pablo Huetos, e coa que acadaron a candidatura ao Mejor Espectáculo Revelación dos Premios Max de teatro deste ano.

Nela, asistimos á loita dunha rapaza, Alex (interpretada pola actriz e cantautora Luna Zuazu), polo dereito á súa identidade. Unha identidade que o seu pai non quere recoñecer (o propio Pablo Huetos) e que está empurrada polo espírito feminino interpretado por Marta Guerras. Xs intérpretes traballan a un alto nivel, salientando o compromiso co tema do que se está a falar, un traballo corporal que favorece a súa presenza escénica e unha dicción especialmente gustosa.


Publicidade

A peza, escrita por Laura Rubio Galletero, fala da loita universal pola liberdade de elección. E a liberdade, como sabemos, non é facer o que cada quen queira, senón a capacidade intrínseca de decidir que facer co que temos nas mans, algo que ninguén nos pode quitar. Así o acaba descubrindo Alex, quen transita entre a necesidade de aceptación do pai e a propia como o fai entre a súa realidade física e a que a súa identidade precisa.

Como acicate para esta loita, aparece o espírito interpretado por Marta Guerras, quen encarna os arquetipos da nai (que aparece mesmo como unha pantasma da nai morta) e da feminidade, da forza e da vontade, así como as metáforas da serea e de Xoana de Arco, nas que de súpeto podemos identificar iconas trans.

Se cadra o texto salienta de máis a rebeldía adolescente de Alex, perdendo forza o asunto da identidade a prol da loita típica da súa idade co seu pai, e aparecendo por momentos como unha rapaza a piques de desenvolver un brote psicótico co que non é doado identificarse, mais o certo é que todo isto é un reflexo fiel da realidade: unha rapaza adolescente en loita coa autoridade, desbordada por esa mesma loita e a falta do referente materno, cun pai obsesionado polo coidado de seres inertes. A isto habería que engadir a medicación que toma en secreto e que ademais precisa do permiso do pai para poder realizar a intervención cirúrxica de reasignación de sexo coa que soña dende pequena. Como non volverse tola?

Así o parece na escena climática da peza, coa filla dándolle unha malleira ao pai ata que comprende que non precisa nin da súa aceptación nin do seu permiso para ser ela mesma. De fondo, o invernadoiro onde traballa o pai coidando das súas plantas, un espazo simbólico de sobreprotección e enclaustramento, coa súa atmosfera cálida e abafante. Unha escenografía firmada por Alessio Meloni e que a pesares do seu carácter realista favorece o espazo simbólico e onírico, preciso para a comunicación extraterrea da peza, momentos onde aparece a actriz Marta Guerras con sketches que salientan o machismo no que vivimos e fan evidente que a loita das mulleres trans é tan feminista como a de todas as demais mulleres.

Non deixa de ser curioso que a dirección estea nas mans dun home, Antonio C. Guijosa, que volve amosar con En tránsito o seu compromiso cos temas máis complexos da nosa actualidade, como fixo en 2020 con Solo un metro de distancia, de Serena Producciones, onde afrontaba os abusos sexuais a menores, e co que estivo nominado aos Premios Max de teatro 2021.

Non quero dicir con isto que un home non poida falar de asuntos feministas, ou ao revés (como fan as integrantes de Teatro en Vilo con Man Up), senón que chama a atención a relativa ausencia de nomes femininos, e mesmo de mulleres trans, dirixindo obras de teatro que falan delas mesmas.

En tránsito, de Señora Rojo

Un texto orixinal de Laura Rubio Galletero

Dirección escénica: Antonio C. Guijosa

Reparto: Marta Guerras, Pablo Huetos e Luna Zuazu

Escenografía: Alessio Meloni (AAPEE)

Axudante de escenografía: Juanjo González

Vestiario: Paloma de Alba

Iluminación: Sergio Torres

Xefe técnico: Roberto Rojas

Asesoría de movemento: Andoni Larrabeiti

Fotografía e Deseño Gráfico: Javier Naval

Produción e Distribución: Pablo Huetos

 

Sala Ártika, Vigo. 25 de marzo de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe dunha representación de ‘Crónicas de Ouro’, de Vicus Teatro.

Sobre o teatro nos institutos e a necesidade das artes escénicas

Yellow Lemon

Xián Martínez estrea ‘Yellow Lemon’ en Montreal